Personaxes da emigración
 

 

Antonio Alonso Pérez

Antonio Alonso Pérez naceu na aldea de Pacios, no concello de Nogueira de Ramuín (Lugo), o 20 de decembro de 1898. Aos dous anos faleceu a súa nai Magdalena, feito que para sempre constituirá para el unha lembranza de permanente cariño. Antonio viviu cos seus avós nunha aldea onde a vida daquela era moi dura. En 1906 o seu avó José foi desterrado polas súas ideas políticas e unha nova desgracia sumouse á perda da nai. Antonio tivo que ir traballar mentres que nos momentos libres intenta aprender todo o que podía. Malia vivir nunha aldea afastada e pouco comunicada no fogar de Antonio respirábase un ambiente de ideas liberal–progresistas que facilitaron o interese deste pola lectura e a aprendizaxe.

Como outros mozos do seu lugar decidiu que o seu futuro estaba en América e nun barco que paraba en todos os portos chegou a Bos Aires na segunda década do século que comezaba.

O seu fillo Carlos Alonso cóntanos como foron os inicios do seu pai: "Xoieiro de profesión, e xa instalado en Bos Aires, tivo o seu comercio na rúa Brasil 1182 e logo na avenida Caseros 2960. Ao mesmo tempo a súa vida política (desenvolta sobre todo na Federación de Sociedades Galegas) iníciaa convidado polo seu curmán José María López, e como non podía ser doutro xeito, en calidade de cofundador en 1918 do Centro Cultural de Nogueira de Ramuín. Desde aquela mantén amizade con Olegario Rodríguez, Luís Guede, Claudio Fernández, Manuel Seoane e outros. Posteriormente fundouse a Sociedade Federada de Nogueira de Ramuín na que chegou a ocupar varios cargos como o de presidente en 1935".

A sociedade que presidía pertencía á Federación de Sociedades Galegas que daquela e xa a finais do 30, comeza a ter fortes enfrontamentos internos. Por unha banda, estaban os socialistas encabezados pola Sociedade de Ponteareas, que facían fincapé nos temas sociais mentres que os sectores galeguistas estaban máis preocupados polos temas culturais e polos dereitos nacionais de Galiza. Alonso Pérez aínda que pertencía ao sector galeguista onde militaban Alonso Ríos, Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo etc, tiña unha posición dialogante. Durante varios anos a federación estivo enfrontada e dividida en dúas, ata que as xestións de Alonso Pérez remataron nun Congreso Extraordinario de Unificación, logrando a unidade en 1936; sendo elixido o propio Alonso Pérez Secretario Xeral.

"Xa iniciada a guerra civil -sinala o seu fillo Carlos Alonso- cos seus ideais democráticos entrégase a favor da república. A súa actuación é notoria, valorada aquí en Bos Aires mais coñecida e valorada tamén na península. Contribuíu á creación da Central Galega de Axuda á República, e inspirou a creación do COER (Coordinadora de Organismos Españoles Republicanos)".

"Como Secretario Xeral da Federación -segue relatando Carlos Alonso- o meu pai viaxou a Montevideo para recibir e acompañar ata aquí ao Dr. Angel Ossorio y Gallardo, un mestro da xurisprudencia, designado Embaixador da República Española na Arxentina con quen o ia unir unha sólida amizade. A mesma amizade que compartiu con personalidades tan transcendentais como o Dr. Luís Jiménez de Asúa, Indalecio Prieto, Blasco Garzón, Eduardo Blanco Amor, co inmortal Alfonso Castelao e a súa compañeira Dona Virxinia. Con Manuel Puente, Rodolfo Prada, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde, Antonio Alonso Ríos, Rafael Alberti, León Felipe, María Teresa León, Pablo Neruda, os bascos Aguirre e Virasoro, o catalán Serra Moret. E tamén Don Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane, Valenzuela, Gumersindo Sánchez Guisande, Miguel Pastor, Domingo García Sabell, Emilio Pita, Alberto Vilanova...".

A xestión de Antonio Alonso Pérez á fronte da Federación de Sociedades Galegas que abrangueu moitos anos complétase coa adquisición do local social de Chacabuco 955, constituíndo para ese fin a "Comisión Pro-Casa Propia", completada coa creación de "Alborada SA", Sociedad Comercial, Cultural y Editorial. (Desta entidade foi fundador e presidente).

Participou tamén no "Centro Galego" sendo uns dos garantes do triunfo do presidente do mesmo, José Neira Vidal, logrando unha alianza entre as agrupacións "Celta", "A Terra" e a nacente "Unión Gallega".

Con Alfonso Castelao, Antonio Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde, fundan o Consello de Galiza, organización semellante a un goberno galego no exilio. Participa tamén da creación de "Galeuzca" no exilio xunto con bascos e cataláns.

Coa morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950 o Consello de Galiza comeza unha etapa moi complexa, xa que a figura do máximo representante do galeguismo era un factor moi importante para liderar á oposición antifranquista... Coa desaparición de Castelao, Picallo estaba exiliado en Chile, o Consello quedaba un pouco orfo de figuras representativas. Dadas estas circunstancias foi necesario reactivar o seu ideario, os deputados Alonso Ríos, Suárez Picallo e Villaverde convocan aos directivos das principais sociedades galegas, a se reunir nunha histórica xuntanza que se celebrou o 11 de xullo de 1960 na sede do entón "Centro Pontevedrés", Sarandí 847. Ante un salón colmado polas multitudes e fervorosas personalidades, Antonio Alonso Pérez foi o encargado de encabezar a comisión que debía lograr reorganizar e dinamizar ao Consello de Galiza. Logrou a súa misión con acerto e, en virtude diso nunha nova xuntanza celebrada esta vez en "Centro Ourensán", durante decembro de 1960 xorde o novo Consello de Galiza e as súas comisións auxiliares. Este novo Consello estaba formado por Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Villaverde, Alberto Vilanova, Daniel Calzado, Martínez Lamela, Bieito Cupeiro, Antonio Fiz Fernández, Uxío García, Manuel Pazos, Santiago Suárez, Antonio Represas, entre outros.

Antonio Alonso Pérez foi nomeado por unanimidade Secretario Xeral de Coordinación.

Carlos Alonso volvénos relatar a vida de Alonso Pérez: "Do meu pai partiu a idea de crear filiais nas cidades onde houbera un número importante de galegos. Así, en Nova York foi representante o Dr. Emilio González López, en México o Dr. Carlos Velo, en Montevideo Jesús Canabal, e en París, a capital onde vivían as figuras cumes do exilio español, Don César Alvajar Diéguez. Tamén foi Antonio Alonso Pérez o creador do Boletín Oficial do Consello de Galiza... O meu pai foi, igualmente, o creador do Premio Castelao, destinado a salientar aquelas entidades galegas que máis destacaran no campo da política, da cultura, da exaltación patriótica e da asistencia".

Entre as múltiples actividades que realizou na colectividade está a de ser Secretario da Comisión Fundadora do "Centro Ourensán"; Tesoureiro da comisión especial que organizou en 1956 o histórico Congreso da Emigración Galega. Foi presidente de tres comisións de homenaxe ao Dr. Ángel Ossorio Gallardo, a Don Manuel Puente e ao Dr. Alberto Vilanova.

"Tivo durante toda a súa vida – conclúe o seu fillo- unha actitude ético-moral rectilínea e sen dobreces, ese valor de actitude polo que o home rescata o pleno sentido da vida.

E foime envellecendo, fóiseme facendo velliño, patriarcalmente, belamente vello. De súpeto o sangue nobre inundou o seu cerebro e días despois no Centro Galego de Bos Aires, na habitación 537, a súa morte, un 16 de marzo de 1985. A súa morte aquí nos meus brazos: en pechei os seus ollos".

Lois Pérez Leira

 
Antonio Alonso Pérez.
 
 
Acto Aniversario Estatuto de Autonomía. Bos Aires.
   
 
 
Acto Aniversario da República.
 
Concello de Galiza en Bos Aires, visita de María Casares.
 
Banquete galeguista, o cuarto dende a esquerda Alonso Pérez e ao seu lado Castelao.
 
Xantar no Centro Lucense. O terceiro dende a esquerda Alonso Pérez,acompañado entre outros por Bieito Cupeiro, Alberto Vilanova e Alonso Ríos.