Personaxes da emigración
 

 

Barcia Boente Benito

Benito Barcia Boente naceu na Parroquia de Padróns, en Ponteareas en 1888. Por esta zona o río Tea baña as fermosas terras do Condado, nunha paisaxe que contén todos os matices do verde ata o castaño. A pesar da beleza da terra, esta comarca foi castigada desde finais do século pasado pola "enfermidade" da emigración.

Algúns marcharon para Portugal, que lles quedaba bastante preto, outros orientáronse cara ao Brasil e á Arxentina. Os irmáns José Benito e Generoso Barcia Boente encamiñáronse para Manaos (Brasil), a capital do caucho. Esta cidade, "A Meca" de todos os aventureiros do mundo, estaba xa naquel entón saturada de milleiros de homes e mulleres sedentas de gañar diñeiro fácil e rápido. Os Barcia prefiren a busca doutro lugar máis tranquilo e máis inexplorado. Río arriba había unha cidade que segundo os comentarios do momento tiña as máis importantes reservas de caucho, mais extraelo da selva era unha verdadeira tolemia. A selva era perigosa polas enfermidades tropicais e polos indios que naquelas terras moraban de forma salvaxe. Benito Barcia, home valente e audaz, decidiuse embarcar xunto á súa familia rumbo ao nacemento do río Amazonas. Despois de varios días de navegación polo medio da selva, nun barco que tiña unha inmensa roda na popa, chegou á cidade de Iquitos (Perú), que estaba moi preto das fronteiras de Brasil e Ecuador.

Os primeiros en chegar a estas remotas terras foron os misioneiros xesuítas e franciscanos, os máis interesados en penetrar na rexión co fin de "evanxelizar" a todas estas nacións "pagás", para tal propósito os misioneiros adicáronse a concentrar aos indíxenas en poboacións que foron chamadas "reduccións".

Entre as moitas etnias que poboaban a selva atopábanse os Iquito, cos que se organizaron na zona do alto e baixo río Nanay sete reduccións baixo diferentes advocacións que foron: San Juan de Nepomuceno de Iquitos, Santa Bárbara de Iquitos, San Sebastián de Iquitos, Santa María de Iquitos, Sagrado Corazón de Jesús, San Javier de Iquitos e San José de Iquitos.

Os historiadores informáronnos de que a reducción de Santa Bárbara, situada nas beiras do río Nanay, foi trasladada ao lugar onde hoxe se atopa emprazada a cidade, lugar poboado por Napeanos que lle daban o nome ao sitio, mais debido á preponderancia dos Iquitos a finais do século XVIII chamábase o casarío dos Iquitos.

Polos anos 1840 chegaron ao casarío de Iquitos un bo número de familias do Alto Marañón, da cidade de Borja, fuxindo dos constantes ataques dos Huambisas, estes migrantes aveciñáronse cos Iquito, formando un poboado con 200 habitantes. O 7 de xaneiro de 1861 o Presidente Ramón Castilla crea o Departamento Político Militar de Loreto e ordena a construcción de catro vapores fluviais, un apostadeiro e unha factoría naval en Inglaterra para seren instalados nalgún punto do río Amazonas; aínda que en principio o punto escollido foi Tamshiyacu, decidiuse facer as instalacións portuarias no casarío de Iquitos.

Foi a finais do século XIX cando se produce a quimera do caucho, coa cal se realiza unha das máis grandes migracións á Amazonia. O caucho provocou modificacións no mapa demográfico rexional e atraeu, e atrapou na súa voráxine, a milleiros de peruanos doutras rexións e estranxeiros de distintos puntos do planeta. Galegos, cataláns e portugueses serán algúns dos colectivos con certa importancia no poboamento desta vasta rexión.

Entre os galegos que chegaron a finais do século pasado podemos nomear a Cesáreo Mosquera, dono da librería "Os Amigos do País". Tamén estivo na zona o famoso Alfonso Graña, quen foi nomeado Alfonso I Rey del Amazonas, e os irmáns Rivas. Entre os cataláns é curioso sinalar que estivo como traballador do caucho como dependente de Barcia o ilustre patriota catalán Companys, quen anos despois se converteu en Presidente da Generalitat de Catalunya, o que foi posteriormente fusilado por Franco.

Os irmáns Barcia ao pouco de chegar penetran na selva para gañarlle metro a metro maior superficie nunha batalla sen cuartel. A laboriosidade destes ponteareáns lévaos a fundar a empresa "Barcia Hermanos", sendo o seu xerente e principal impulsor Xosé Benito Barcia.

A fortuna destes irmáns foi tan grande que en poucos anos as súas instalacións foron as máis grandes da zona, contando con barcazas propias para o traslado do caucho.

O escritor Gonzalo Allegue no libro "Galegos, as mans de América" relata algúns aspectos da vida dos Barcia: "Un día mandou a unha equipa de topógrafos limeños delimitar os seus gomais: quería que as súas terras medisen exactamente o que medía Galiza. Nen un metro máis nen un metro menos. Dividiu a terra en catro provincias: A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense. En cada unha puxo "facenda e canei", casa principal para o administrador e tambos e chozas de iarina para peóns e indíxenas.

Centos de homes saían da "Pontevedra Amazónica" para traballar en plena selva e remolcar, axudados por indios expertos en cruzar pongos e ríos de mil gorxas e bifurcacións, o caucho de Barcia.

Cada mes voltaban con mil, dous mil quilos de caucho que facían aínda máis rico a un Barcia día a día máis indiferente ó diñeiro, e máis ávido da selva e a súa fascinación. Os siaeiros do futingo de Manaos miran a Barcia con respecto. El sorríe, sociable, e paga unha ronda a ferreiros e moinantes galegos que venden bagatelas río arriba. A selva é dura, rapaces, pero paga ben a quen lle planta cara. ¡É mellor que a sífilis das prostitutas de Manaos!. Nos tambos do Lugo amazónico hai cholas, limpas como o ouro, de ollos redondos e movementos tan lentos como os do caimán, caladas e dóciles, silenciosas como ese lagarto que entra na auga e tarda tanto en mergullarse que un home de mañas tempo ten de sacarlle a pel, sen máis, desde a canoa, sen que a besta se inmute e nin sequera lle importe...".

Outra testemuña da epopeia industrial dos Barcia foi Fernando Barcia García (fillo de Generoso Barcia); autor do libro "Ensayos y Confesiones" dí: "O meu pai foi un dos grandes empresarios da goma na Amazonia e conservaba unha colección de shiringais cunha considerable extensión de bosques e un enorme fondo gomeiro-gandeiro que era toda unha reliquia da voráxine caucheira, con armarios completos de carabinas Winchester 44 e armas doutros modelos.

O meu pai e tíos eran españois orixinarios de Padróns, unha pequena aldea galega ao pé do Galleiro, preto de Vigo".

Cando Xosé Benito e os seus irmáns tiveron unha sólida fortuna comezaron a visitar a súa aldea de forma regular. Eles nunca se esqueceron das súas orixes pobres nin dos padecementos dos seus veciños. Na súa aldea fixeron construír un inmenso chalé de pedra ao mellor estilo Indiano. Durante os veráns pasaban as súas vacacións cos seus fillos lonxe dos riscos da selva. A pesar de que a súa formación era limitada, en Iquitos un grupo de comerciantes galegos acercárase ás ideas do librepensamento, incluso algúns eran activos membros da masonería local. Xosé Barcia como os liberais progresistas de remate de século pensaba que a mellor maneira de axudar ao seu país para rematar co atraso era a través da educación. E é así como os irmáns Barcia doan ao seu pobo natal unha fermosa e ampla escola en 1916. Os filántropos "donos do caucho" querían deste xeito pasar á posteridade nunha comarca onde as escolas practicamente eran inexistentes. A principios deste século soamente podían estudiar os fillos dos ricos que estaban en condicións de custearlles os estudios nalgunha vila importante ou nalgunha escola relixiosa como internado. Esta carencia de escolas determinou que a totalidade dos labregos galegos foran analfabetos. Os emigrantes a través de campañas de recadación de fondos conseguiron construír preto de catrocentas escolas, nas primeiras décadas deste século. Coa construcción dunha fermosa escola no alto dunha costa desde onde se divisa o fermoso val e con dúas fermosas palmeiras que adornan a entrada, inaugurouse esta importante obra benéfica. Xa daquela os Barcia eran os homes máis respectados de toda a comarca; as súas historias e aventuras na selva eran comentadas en todos os recunchos da parroquia.

Nos anos vinte, cando a crise caucheira xa arruinara a moitos e a miseria e a fame e as enfermidades como a lepra caeron sobre a Amazonia, moitos comerciantes excaucheiros puxeron os ollos nos batanais do Alto Marañón, especialmente nos do Morona. Xa se sabía que era factible traballar nesa zona, sempre e cando se lle levase aos nativos, armas de fogo, machados, machetes e coitelos, evitando non se entremeter nos seus asuntos e menos molestar ás súas mulleres. Nembargante, sempre había riscos; os aguarunas podían facer en calquera momento unha das súas trasnadas: coleccionar varias cabezas. Por outra banda, non era a zona moi saudable para os novatos. A pesar diso, os balatais tentaban ao máis cobarde dos caucheiros. O galego Graña, quen logo de matar a outro patrón deixou o seu fondo do Cajocunillo e refuxiouse entre os aguarunas sendo ben recibido, animou ao seu paisano Benito Barcia Boente a traballar nos batais de Morona.

Xerente en varias ocasións da firma gomeira "Barcia Hermanos de Iquitos", Benito Barcia era un galego miúdo, medio gringo e moi nervioso. Coñecía o negocio e organizou moi cedo a explotación dos balatais. Desde Iquitos e ata Morona unha mediana lancha a vapor cunha chata a cada lado facía o servicio levando persoal e vituallas e traendo carga. Os botiquíns ían ateigados de quinina e todos os balateiros, empregados, motoristas e habilitados, debían tomar forzosamente a súa ración diaria de quinina, para contrarrestrar a posibilidade de contraer o mal. Pero non só había paludismo senón hepatite mortal e febre amarela. Por último, ninguén atinaba a saber de que morrían os traballadores que nin sequera daba tempo para evacualos; pero os que caían eran sepultados baixo unha rústica cruz de pao como sinal de que alí, baixo a terra, descansaba o corpo dun traballador caucheiro.

Un dos irmáns díxolle a Benito Barcia: "Deixa iso, vas ir á quebra e minguarás as posibilidades da firma. Ti non es Graña... Ese é un tolo que non lle fai dano nin a shushupe. Cre que os demais son igual a el".

Graña, ou Alfonso I Rei do Amazonia como lle chamaban os indíxenas, só traballaba con aguarunas e convivía cunha delas. Asegurábase que vivía como un perfecto salvaxe, e cando nalgunhas ocasións aparecía en Iquitos con cabezas reducidas, non faltou quen comentara que el mesmo facía asasinar aos incautos para logo facer reducir as súas cabezas e despois vendelas... Graña, que era oriundo de Ribadavia, dicía que levaba a Iquitos as cabezas reducidas, só cando llo pedían especialmente e que as conseguía dos guerreiros a cambio dalgunha boa carabina.

Benito Barcia abandonou finalmente Morona, despois de que máis dun cento de balateros perecesen atacados de intensas febres e algúns deshidratados por imparables diarreas. A quinina non facía moito efecto. A lancha e as chatas quedaron amarradas na ribeira do Amazonas, como moitas outras, mentres o galego peiteaba os cabelos e trasnoitaba no clube da rúa Pastaza, xogando rocambor e bebendo cócteis.

Mentres fumaba cigarro tras cigarro, comentaba con algún contertulio:

Que barbaridade... é incrible, nin nos anos do caucho ocorreu o que me ocorreu en Morona..

Pero non faltaba alguén que lle recordaba que igual ou peor ocorrera no Yavarí, no Caquetá e en tantos lugares. Nembargante, e non moitos anos despois, o Morona pasou a ser traballable e os males epidémicos desapareceron. Foron moitos os que despois se desenvolveron con sorte nesa zona.

Benito Barcia, un tanto maltreito por unhas e outras, foi en búsqueda de saúde a San Martín, instalándose provisionalmente en Tarapoto. Alí faleceu o 29 de outubro de 1924 aos poucos meses de chegar dun xeito repentino. O seu amigo Sandoval deulle a cristiá sepultura e avisou á firma Barcia Hnos. Benito Barcia foi un solteiro empedernido que gañou o apelativo de "Cascarrabias".

Os seus veciños de Padrón en homenaxe a súa obra filantrópica erixíronlle no cemiterio un monumento que lembra o agradecemento dos seus conveciños.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Os irmáns Barcia en Iquitos.
 
Un grupo de amigos de José Barcía Boente (x) festexando a fundación dunha escola en Padróns, co aporte benéfico de Barcia.
 
Fazenda dos Barcia.
 
Lancha Galicia de "Barcia Hermanos", polo río Tapiche.