Personaxes da emigración
 

 

Eduardo Blanco Amor, “ser diferente é ser existente”


De Eduardo Blanco Amor podemos dicir que deixou ó seu paso unha pegada imborrable na cultura galega dos galegos de Venezuela e de Galiza, ademais da súa achega á difusión desa cultura, tan descoñecida, a través de xornais de Caracas como El Nacional e El Universal.

De Blanco Amor quedaron os galegos de Venezuela con tres números das mellores revistas que nunca se editaran relativas a Galiza fóra ou dentro dela. A revista Galicia do Centro Galego de Caracas contou coa súa dirección no número 3 de novembro de 1952, no número 4, de decembro de 1952 e, por último, o número 5, de xaneiro e febreiro de 1953.

Pertencían á xunta directiva do Centro Galego, á súa Comisión de Cultura, Silvio Santiago, José Mosqueira Manso e Carlos Herrera Alonso.

Blanco Amor tivo un papel sobranceiro, tamén, no programa radiofónico do Centro Galego Ecos de Galicia de Radio Caracas. Queda para a historia, e para as anécdotas, que foi precisamente Blanco Amor quen bautizou o programa de radio do Lar Galego co nome de Sempre en Galiza, debido a que el viña de traducir ese libro, desde a Arxentina, ó español.

Blanco Amor veu a Venezuela, a Caracas, en xullo de 1952, invitado polo Centro Galego para dictar unha serie de conferencias sobre aspectos relativos á cultura galega. A actividade de Blanco Amor non se cinxiu ó Centro Galego; tamén dictou conferencias na Casa de España, que era o lugar en que se asociaran os republicanos españois exiliados en Venezuela, así como no Museo de Belas Artes, na Sociedade de Escritores Venezolanos e na Universidade do Zulia, sobre diversos temas e non só sobre temas relativos á cultura galega. A través de Radiodifusora Nacional, foi invitado a dar catro inesquecibles conferencias en torno á poesía.

Interesouse fondamente por Venezuela e, colaborando coa prensa nacional, deixou plasmado ese interese. Foi tan boa a súa acollida por parte dos venezolanos, que o xornal El Nacional o designou colaborador permanente. No programa Ecos de Galicia do Centro Galego pronunciou algunhas charlas sobre "Conceptos de cultura".

Blanco Amor dirixiuse ós seus "irmáns galegos" a modo de salutación por Radio Nacional de Venezuela un 24 de xullo de 1952, véspera do Día de Galiza.

Dicía, entre outras cousas: "Son un galego rescatado de América. Os meus trinta e catro anos de vida arxentina limpan esta afirmación de todo bafo desa hipocrisía que anda por aí acochada co nome de hispanoamericanismo: mercadoría pseudo diplomática en que non cremos nin uns nin os outros en ámbalas bandas do mar. A miña alma é insubornablemente, implacablemente galega, pero o meu espírito hónrase con esta impregnación e aprendizaxe de América.

Eu podo falar de América sen andar ás toas entre a improvisación e a adulación, porque fomos medrando xuntos; porque tanto como na obxectividade do coñecemento, a levo vibrando no meu propio vivir vexetativo; éme próxima, próxima e entrañable como a armazón nerviosa que nela empezou a sentirse e coma o sangue nas súas escuras canles. Por iso, atoparedes razoable que, cada vez que me achego a un novo país de América, sinta a máis decantada emoción e a curiosidade máis pura e extremada. Non é curiosidade turística que aspire a nutrirse coleccionando superficies, senón ansiedade amplísima de ver cómo resoa no novo horizonte o vello sangue augusto, de ver cómo ferveu e madureceu o viño vello no fol novo, qué novas esencias e gustos dá de seu e a qué sutiles ou fortes embriagueces me convida. Trátase, pois, dunha curiosidade da intuición, dunha exquisita sede da alma.

Hoxe estreo este novo país (Venezuela) da nosa América, con tremor de catecúmeno, con estremecemento de iniciado. Agás este estado de gracia para o recibir, ningunha outra cousa podo denunciar xa que aínda non o desfrutei. Cando marche del, e aínda antes de marchar, as súas imaxes, a súa plástica, o seu espírito, comezarán a acocharme, como a árbore as pingas de resina madurecida...

...Este sería o mellor cambio de agasallos entre o visitante e o señorío do país novo: que Venezuela me dese e eu lle dese un libro coma o que Chile e eu nos obsequiamos. Oxalá que así sexa e que a fuxitividade da visita mo consinta. Nós non lle podemos dar a América, xunto cos nosos fillos e o noso traballo, máis ca este pracer de contala e cantala, é dicir, de entendela...

...Pero entre o aberto goce vital, mesmo non consentido, e a morriña aceda e anulante, hai unha forma intermedía de vivir cara a dentro, a Patria. E esta forma é a meditación. A iso vin: a meditarmos xuntos sobre algúns temas da eternidade galega, desa eternidade que permanece indemne e superior ó proceso histórico e na que se manca e mela o dente do lobicán”.

Con motivo do tradicional Día de Galiza, o día 24 de xullo de 1952, Blanco Amor pronuncia unha conferencia no Centro Galego baixo o título O Día de Galiza, historia e perspectiva que, segundo o orador foi "metade sermón, metade conferencia". A Galiza da predicación apostólica, coa súa organización social de tipo matriarcal, os seus cultos e fondos druídicos. No Teatro Municipal de Caracas, o 25 de xullo, a actriz Carmen Geyer declama a poesía de Blanco Amor Romance da saudade, e el mesmo expón o traballo Galiza e a súa vocación universal, no que presentou, na súa época e no seu momento, como nos relata Caraqueño na revista Galicia, o longo percorrido dos galegos ilustres que enriqueceron o acervo intelectual e a vontade humana, sinalando a forza misteriosa de Galiza a través dos séculos a partir da aparición do sepulcro de Santiago. Personaxes como Prisciliano, Paulo Orosio, Pedro de Mezonzo, a virxe Eteria, Xelmírez, Paio Gómez Chariño, o Padre Feijoó, Concepción Arenal, Rosalía e Curros, foron radiografados por Blanco Amor na súa visión ecuménica de individualidade, de galeguidade. O 27 dicta unha conferencia baixo o título A poesía dos precursores e a súa mensaxe e, por último, o día 30 expón en galego o seu Espirito e dinámica da doutrina de Castelao. Foi esta a conferencia máis emotiva das dictadas por Blanco Amor en Venezuela. Sirva como anécdota o feito de que a Conferencia Internacional do Maxisterio elixise o debuxo A derradeira leción do mestre para presidir estes actos.

Blanco Amor diría minutos despois nun "xantar" de confraternidade: "O noso labor consiste, non só en celebrar fermosas festas como as que estamos a desfrutar. Debemos enaltecer sempre, co noso espírito e traballo nobre e honrado, o nome da Patria galega, para que, en Caracas coma no resto dos pobos americanos onde a nosa emigración é vella, o dicir galego sexa sinónimo de honradez, laboriosidade e vocación de cultura e universalidade".

As intervencións de Blanco Amor foron un martelazo na conciencia galeguista de principios da década dos 50. Carlos Herrero Alonso, redactor da revista Galicia do Centro Galego dicía, acerca da estadía de Blanco Amor en Venezuela, que esta puxera ó descuberto certo pecado de ignorancia entre os galegos que residían neste país do Caribe, con respecto á historia ou cultura do noso país galego.
Aseguraba Herrero Alonso que a orixe desta falla, pecado chamáballe el, non estaba entre os galegos emigrantes, senón na pretensión secular centralista de afogar toda a nosa cultura (a galega), destruí-la nosa historia, ocultándoa, borrándoa sempre que foi posible e prohibi-lo emprego do noso idioma galego.

Para Herrero Alonso, desde as páxinas de Galicia, o conformarse con ter nacido nunha terra fermosísima, o considerarse simplemente como homes dunha raza posuídora dun determinado número de tradicións propias, de vivencia totémica, un rico e belo folclore, propietarios dunha especial idiosincrasia aureolada de saudades e morriñas que, en moitos casos, pode ter máis de mal que de ben, é negarse a si mesmos, é mata-lo espírito e encerralo nun cauce estreito e angustiante.
Blanco Amor, no editorial de novembro de 1952 de Galicia, co título de Labor conxunto fálanos do proxecto dun gran Congreso de Sociedades Españolas establecidas en América. O tema-lema do proxectado Congreso era "Honrar a España e servir a América". Engadía Blanco Amor que non asinaba o editorial, que este non podía ser máis fermoso, como contido espiritual; sen embargo, remataba con esta pregunta: "¿A que España hai que honrar? ¿A eterna, a que todos levamos na mente e no corazón, desde a nosa nostalxia e o noso labor de emigrados, ou a inoperante, baleira e sempre transitoria da política de gobernos e da diplomacia de entremetidos?

Conversando con Blanco Amor, por Silvio Santiago

Esta entrevista foi publicada na revista Galicia, Ano I, número 2 do Centro Galego de Caracas, en setembro de 1952. Empeza Silvio Santiago a entrevista coa seguinte introducción:

Os que aquí, en Caracas, o trataron man a man, ombro a ombro; os que sen tratalo o viron e oíron en círculos de amizade, coincidirán con nós en que o máis estimable e grato de Blanco Amor é o mesmo Blanco Amor. O Blanco Amor descabalgado do seu corcel de poeta, descendido do seu pupitre de conferenciante, sen o enfeite da gravidade profesoral; o Blanco Amor puro, a pé e sen lentes, sinceira e francamente Blanco Amor, é sorprendentemente criatura. Criatura no sentido encantador e tenro do vocablo; criatura tamén nos vaidosos entusiasmos e nos impremeditados desenfados que lle escapan infantil e alegremente: nos nenos, o que semella insolencia, é a cotío xovialidade.

Do conferenciante Blanco Amor ó Blanco Amor tertuliano, vagabundo, común a nós, hai un mundo de distancia, a distancia que vai da sinxeleza á complexidade. Non é o mesmo ser oínte das súas conferencias que copartícipe das súas conversas, non é igual oílo que tratalo. Pero -¡ollo!- isto non significa que de Blanco Amor trascendan cualidades humanas, persoais, opostas ás que emana o Blanco Amor amigo, de anos ou minutos. Non. Quere dicir que orixina emocións distintas, non contrarias; porque dun Blanco Amor ó outro se pode transitar por unha ponte cordíal, tendida e preexistente nel. A simpatía en Blanco Amor é constante, é a súa constante. E ademais, véselle: lévaa na flor de cara.

Ó xurdir na tribuna, mentres o Crispín de turno excita ou irrita a nosa curiosidade virxe, o conferenciante grava, traballa, a súa mesma imaxe. No feito de que o resultado sexa unha contrafigura e non un símbolo tolleito, caído, incorporado e volto a caer da corda que vai da súa mesa á nosa cadeira, está a acrobacia perfecta do seu intelecto.

Así, exposto, elevado e singular, creando e recreando as súas ideas, coa palabra limpa e o aceno doutoral, Blanco Amor faise distante, inasequible, sumamente categorizado... Despois, desprazado do seu lugar sobranceiro, no común diálogo, moi poucos coma el, facilitan a abordaxe das apertas e felicitacións. Este é o home: impresionante e sinxelo, pontifical e infantil. Non é esta a ocasión para unha eséxese a fondo de Blanco Amor. O obxectivo é máis modesto. Queremos tan só agora consigna-lo seu pensamento sobre uns tópicos de máis ou menos oportunidade, suscitados por nós e sometidos a el en forma de interrogatorio. Blanco Amor, como home cargado de mensaxes para transmitir, contesta facilmente ás nosas preguntas.

Silvio Santiago: Dinos Blanco Amor, ¿estás ou non satisfeito da túa viaxe a Venezuela?

Blanco Amor: O estende-lo coñecemento de Galiza entre os estraños e contribuír á súa exaltación entre nós, non é para un escritor galego tarefa grata senón ineludible. É como estar constantemente mobilizados. Este fervor intelixente -intelixente por canto implica a admisión de certas obrigas- non é aínda aquí moi notorio, na masa da colectividade, sen que iso queira dicir que careza del, en forma dun sentido infuso do patriotismo. Todo é cuestión de insistir na tarefa cultural ata que chega a ser unha necesidade na vida colectiva dos emigrados, como xa o é en Buenos Aires.
Neste sentido estou contento polo pouco que puiden aquí en tan limitado tiempo.

S.S.: Nas túas conferencias pronunciadas en Caracas sobre Galiza, ¿lograches expresar plenamente o que te propuñas?

B.A.: A certa altura do noso coñecemento do tema galego, este ofrece dúas vertentes. Por unha banda, é motivo de meditación, de profundización e síntese cada vez máis destacadas, e pola outra, está o sentido misional e divulgador que lles temos que ofrecer ós demais, a quen se achegase menos, ou a quen non se achegase nada, ó núcleo deste coñecer galego. Cando un pode explicarse ante públicos -coma o noso de Buenos Aires- xa previamente informados, medíante unha longa tarefa, dos datos básicos deste coñecemento, a conferencia pode resultar unha meditación conxunta do orador e o público, un estado de comunidade na procura de novas conclusións. Aquí foi preciso centrarse na divulgación dos datos inmedíatos da nosa cultura. Neste sentido estou satisfeito. Manexei todo o caudal que puiden, que non foi escaso, nos cinco temas que aquí desenvolvín.

S.S.: ¿Qué ves ou entrevés, como realidade e como esperanza na colectividade galega de Caracas?

B.A.: Terá as dificultades de toda aprendizaxe e os conflictos de tódolos comezos. Mais o fondo de sensatez do galego, unido ó sentido creador que a saudade desperta no galego emigrado, acabarán por facer da nosa colectividade en Caracas, un núcleo coherente e unido, a través de tódolos matices; unido no esencial, que non son as obras benéficas, deportivas, docentes, etc. O esencial é non esquecer que nos debemos en adhesión, eficacia e axuda a Galiza; ó espírito e á esperanza do noso país. Sen iso non hai nada. Bo exemplo disto é o Centro Galego de La Habana: Moi poderoso, pero por dentro semella denotar unha certa indiferencia, alomenos no aparente, coas obrigas que toda entidade de emigrados ten coa cultura galega. Con isto exponse a que a súa obra, moi respectable en certos aspectos materiais, quede sen efecto nin repercusión no país do que leva o nome. En cambio, o de Buenos Aires, despois dun cuarto de século de trafego para que así fose, logrou a integración. É forte en espírito e materia. É a entidade de galegos máis significativa dentro e fóra de Galiza. Iso é o que hai que imitar, non as grandes casas vacuas, baleiras de alma.

S.S.: Se as circunstancias te fixesen presidente do Centro Galego de Caracas, e ata ti chegasen como están as cuestións sociais da nosa colonia, ¿como orientaría-lo rumbo do Centro no que á "unidade" se refire?

B.A.: Consultaría nun plebiscito supersocietario a tódolos galegos agrupados nas sociedades existentes e acataría a súa decisión, sempre conservando a designación de Centro Galego, por se-la máis expresiva e consagrada en América. Eu aspiro a unha Federación de Centros Galegos de América, unidos nunha xestión económica en prol da cultura galega, aínda que diversificados nas funcións específicas que cada país requira.

S.S.: Polos indicios que teñas da Galiza de hoxe (1952) ¿pode deducirse que vive o noso país un proceso de galeguización ou, pola contra, tende a castelanizarse?

B.A.: O pobo, víctima da desfiguración sistemática que lle impuxeron desde Madrid, sofre unha desgaleguización máis aparente que real, máis de imaxe que de esencia. En canto á conciencia galega da minoría culta, nunca foi tan fiel, tan fecunda nin tan alentadora. Galiza, malia as dificultades, vive o momento de maior democracia sen veladura, o seu sentido colectivo centrado na galeguidade, o seu esplendor da súa cultura, desde a iniciación do noso rexurdimento hai un século.

“Ser existente é ser diferente”

“Ser existente é ser diferente” é sentencia orixinal do filósofo francés René Descartes. Utilizouna Blanco Amor na audición do programa radiofónico do 2 de novembro de 1952 Ecos de Galicia baixo o título Sobre un concepto xeral da cultura. Este programa de radio do Centro Galego contou coa súa dirección durante dous meses.

O 11 de novembro de 1952 leu o seu Testemuño da cultura galega e, o 26 de novembro, o seu ¿Separatismo ou integración?, alocución esta que transcribiremos na súa totalidade.

Blanco Amor foi unha bombona de osixeno para a cultura e conciencia galega en Venezuela. Se primeiro foi el, coa súa presencia física e o seu traballo, despois foi Camilo José Cela, que viña de Colombia e Ramón Otero Pedrayo. Estes tres piares non se poden deixar de citar sen o adxectivo que significou Silvio Santiago para a súa chegada e a estreita vinculación deste coa Galiza pensante intelectualmente e coa cal pensaba nutrir a Galiza "alén mar" de homes e mulleres traballadores sen conciencia de identidade.

Decía Blanco Amor na alocución radiofónica de Ecos de Galicia e co título Testemuño da cultura galega, en 1952, que medíante a cultura e non medíante as obras hidráulicas nin as estatísticas pesqueiras, pasamos os galegos de sermos españois de terceira clase a europeos de primeira. A vella ironía, o canino retorcido ou o acento como de fanfurriñeiros con que antes se falaba dos galeguiños, retroceden hoxe ante o volume e a calidade do noso intelecto que nunha soa xeración lle deu ó Estado español homes da importancia de Ramón Menéndez Pidal, o arquitecto Palacios, Ramón del Valle Inclán e Salvador de Madariaga. Por iso, dicía Blanco Amor, un galego alleo á súa cultura é, ademais dun desertor, un home que quere ingresar na inexistencia; na inexistencia da alma, que é o único que existe. Racial e intelectualmente trátase dun suicida.

Eduardo Blanco Amor na rádio venezuelana

¿Separatismo ou integración?

(audición do 26 de novembro de 1952 en Caracas)


Dentro da pequenez deste espacio de radio, tratamos de esclarecer, en dúas audicións anteriores, o que viría ser un concepto dinámico da cultura, e dentro del, a realidade e oportunidade dunha cultura galega. Alguén estrañado de que os galegos nos puxeramos a pensar pola nosa conta nas cousas propias, fíxonos chega-lo alcume de "separatistas". ¿Separatistas de que? O separatismo é un concepto político, e aquí falouse de cousas espirituais. Aínda que a verdade é esta: En canto á forma e á expresión do seu espírito, tódolos pobos españois, querendo ou non, son separatistas, e non por antollo ou por táctica política, senón por esencia; porque teñen que ser como son ou deixar de ser. ¿Transixiría Castela en adopta-lo modo de ser catalán? ¿Quererían os andaluces pensar e actuar como vascos? O estremeño, na súa estepa sufrinte, ¿cambiaría a súa alma pola do levantino na súa terra vizosa e optimista? ¿Que gañariamos uns e os outros estragando a nosa vida persoal e o noso tempo histórico empeñados en traballar pola nosa desfiguración e pola nosa anulación final?

Galiza é un caso típico desta imposibilidade de deixar de se-lo que é. Aragón loitou no século XVI, Cataluña no XVII, o País Vasco no XIX. Baixo as diversas razóns que servían de carátula política a tales enfrontamentos, estaba o instinto de conservación da nacionalidade matria, o sentimento entrañable da terra materna. Castela no século X séntese xa como centrada de seu, como entrevendo o seu magno destino, e é, con respecto á hexemonía astur-leonesa, o primeiro país separatista de España. E efectivamente termina separándose; polo chanzo dos seus condes e dos seus xuíces ascende a nación, a nación modeladora e rica de mando e de sentido.

Nada disto aconteceu en Galiza. Tivemos homes exemplares, pero ningún tivo o instinto da nacionalidade. Sentíanse sicoloxicamente distintos ós demais, pero non politicamente. O gran Xelmírez, entre pontífice e paladín, no século XII tiña o tamaño dun Papa, pero non sentía máis apetencia de gloria galega cá da súa igrexa compostelá. O nobre señor e mariscal Pardo de Cela, decapitado en Mondoñedo por un dos frecuentes maquiavelismos dos Reis Católicos, tampouco era lucidamente un nacionalista galego, aínda que fose algo máis có señor feudal sublevado con que o sinala o tecnicismo xurídico. Os valedores da nosa Señora a Infanta dona Xoana, a quen Isabel de Castela roubou, falando claramente, o trono, tampouco eran nacionalistas galegos senón partidarios dinásticos. Galiza, que no terreo non só espiritual, senón político, no máis alto sentido da palabra, rexe toda a vida española medieval e boa parte da europea, desde a lumieira compostelá, non empuñou as armas nin para defender, no século XI o seu lexítimo rei Don García, encarcerado de por vida, polo seu irmán Afonso VI, alma de lobo e tamén asasino do seu outro irmán Don Sancho.
A guerra dos Irmandiños, no século XV, foi o que hoxe chamariamos un alzamento social e unha intriga pouco clara de feudais apoiados en plebeos.

Galiza non loitou. Dixo a todo que si. E sen embargo, aí está, indemne, igual a si mesma, diferenciada e intacta por riba dos feitos da vontade. ¿Que quere dicir isto? Que con vontade de loita ou sen ela, os pobos ibéricos son como son e converten todo intento de nivelación nunha ociosa utopía e, en certo modo, de crime; porque crime é, e máis ca ningún otro, o intento de anula-lo misterio persistente do espírito. A isto eu non lle chamo separatismo, senón fatalidade, irreductibilidade, destino. Castelao díxoo lapidariamente: “Non hai que falar de unidade senón de harmonía”. A gran Iberia non é, non será, non poderá se-la vulneración e o apagamento dos espíritos desiguais e coadxuvantes das súas nacionalidades, senón a harmonización das súas diferencias na superior unidade do acorde, como na música, como nas proporcións da estatua, como nas gamas complementarias da pintura. Nin separatismo nin centralismo, senón harmonización, integración. Este é o único esquema dunha Iberia posible. O demais son berros, provocacións e teimosías sen obxecto. Eduardo Blanco Amor, Caracas, 26 de novembro de 1952.

Xurxo Martínez Crespo

 

Eduardo Blanco Amor.

 
Capa do libro “Chile a la vista” de Eduardo Blanco Amor.
 
“Horizonte evadido”, libro de poemas de Eduardo Blanco Amor.
 
Retrato de Eduardo Blanco Amor.