Personaxes da emigración
 

 

Xavier Bóveda Pérez

Xavier Bóveda Pérez naceu en Gomesende (Celanova) o 31 de xaneiro de 1898. Esta distinguida comarca galega foi berce tamén doutros sombraceiros poetas como foron Manuel Curros Enríquez, Xosé Velo Mosquera, Celso Emilio Ferreiro e o contemporáneo Xosé Luís Méndez Ferrín.

Xavier aos poucos anos de nacer trasladouse a Ourense onde realizou os seus estudios primarios e secundarios. Sendo un adolescente perdeu a seu pai. Nesta etapa comezou a escribir os seus primeiros poemas, moitos dos cales leunos, el mesmo, á mocidade ourensá de comezos de século. Xavier malia a súa idade tan nova destacaba na cidade pola súa bohemia. O seu aspecto era descoidado, as súas roupas eran humildes. Xavier criouse na máis absoluta pobreza. Mais tiña unha forza poética irresistible. Os seus primeiros poemas xuvenís editáronse na revista viguesa "Vida Gallega". Tamén editou na revista "La Centuria" dirixida por Vicente Risco. Participaba das tertulias da intelectualidade ourensá; alí relacionábase con Otero Pedrayo, López Cuevillas, Noguerol Buján, Primitivo Rodríguez Sanjurjo. En Ourense publicou os seus libros "El madrigal de las hermosuras" (1917), "Semblanza de mulleres ourensáns", e "Epistolario romántico e espiritual" e "Rosario lírico e outros poemas" (1917).

Bóveda sentíase incomprendido nun Ourense conservador, esta sociedade cría ver neste poeta a un mozo excéntrico. Esta situación de afogo intelectual fíxolle tomar o camiño de Madrid.

Nunha carta que lle enviou a Jaime Solá director de "Vida Gallega" desde Madrid confesou o seu estado de ánimo: "¡Ás persoas fainas o xastre! ¡E pobre de min!- Eu estaba, e estou, rifado coa moda. A miña pobre indumentaria amosaba por todos as partes a traxedia do meu absoluto abandono. Abandono que se xustificaba na pobreza da miña vida e na carencia de medios de vivir. Mais, ¿que quere vostede que lle faga? Teño a necesidade de falar e de berrar para apostrofar publicamente todos aqueles espíritos envexosos e malsáns -porque eu quero ter a pretensión de ser envexado- que se xustificaban na diferencia de clases, fixeron que enfastiado fuxise do meu pobo para me refuxiar no xeneroso corazón de Madrid que, como dixo Basilio Álvarez "está aberto a todo arribo prometedor". Si, querido Solá, eu nesta nova viaxe vin fuxido de Ourense. Da noite á mañá desaparecín. E desaparecín coa pretensión de non voltar, aínda que é certo que iso non será posible porque xa hoxe, aos oito días da miña chegada, percibo a necesidade de estender a miña vista nunha magna contemplación da paisaxe galega e noto como os meus beizos se estremecen ao lembrar a miña pobre nai, nun anceio de bicar novamente a súa cara por sempre bendita e dourada...".

En Madrid publicou na revista "Nuevo Mundo" a súa poesía "Cruces Rurales". Colaborou en "La Esfera" e nos "Lunes del Imparcial".

Na capital de Castela frecuentou as tertulias máis intelectuais do Madrid daqueles anos. Diego de San José, Estévez Ortega, González Ruano, Gómez de la Serna, Mariano Tudela eran algúns dos seus compañeiros do encontro diario.

A revista viguesa "Vida Gallega", aos seus 20 anos, adicoulle unha entrevista dentro da columna "Paisanos Ilustres". Algúns parágrafos da mesma deron unha pincelada do biografado: "-Pois verá a min fíxome poeta unha muller, unha noiva alá en Ourense, foi a que inspirou os meus primeiros versos... Era encantadora e eu estaba de verdade namorado dela... tempo despois, chegou alí, unha cupletista: Estrella Soler, da que me prendei barbaramente. E un día perdeu unha peineta que eu tiven a sorte de atopar, e ao entregarlla fíxeno cun ardoroso soneto de corenta e cinco versos. ¡Que idea tiña eu entón do que era un soneto! ¿Non? E así comecei a escribir en verso. Mais canto facía certa xente seria, fóra do círculo das miñas amizades, tomábamo a chacota; todos se rían de min e chegaron a terme por tolo... Entón, eu, por levarlles a contraria, comecei a escribir, escribir en serio e con afán, máis era inútil pois eu pasaba desapercibido... Ata que en Nuevo Mundo publiquei "Cruces Rurales", poesía que gustou a moita xente e que me descubriu como poeta ante os meus veciños. Despois comecei a colaborar en "La Voz Pública" e un día os ateneístas de Ourense ofrecéronme a súa casa social para unha lectura de poesías miñas, mais o día sinalado atopeime co local pechado-. Xavier Bóveda riuse con desdén e proseguiu de seguida.

—Os xornais comentaron aquelo humoristicamente, dando a entender nos breves que publicaron que eu era un desgraciado tolo, digno de compaixón.

¿E cando veu vostede a Madrid?

—¡Ah! En seguida. Verá. Reunín unhas pesetas; e funme onda gobernador a lle pedir un billete de caridade; por iso a viaxe me custou trinta pesetas. Poucas máis tiña, e unha boa mañá cheguei a Madrid, con tres pesetas e cinco céntimos no peto... Direille que a Porta do Sol me pareceu pequena... que comín e que quedei sen un céntimo. Aquela noite durmín nun banco da Praza de Oriente fronte ao Palacio Real... Só, sen amparo nin protección de ninguén, atopeime en medio da voráxine da vida madrileña. Entón busquei a Emilio Carrere. Dixéronme que o atoparía no Café Varela e alí encamiñeime. Non o coñecía. Un camareiro ensinoumo. Lémbrome como se fose agora mesmo. Acerqueime a el. Estaba escribindo "El Señor Catafalco". Ía pola cuartilla trinta e tres. Eu fun saudalo. Son un señor que fai versos -díxenlle-. Supoñíamo, contestoume el, mirándome fixamente. Eu quedei parado e de seguida preguntoume: ¿E que trae?. Versos, díxenlle eu. Non se conquista Madrid con iso só, retrucou...

Deste xeito foi o seu inicio poético e a súa incorporación ao mundo literario madrileño.

En 1922 volveu publicar as súas poesías "La luna, el alma y la amada" e "Los poemas de los pinos". Ese mesmo ano publicou en Ourense "De los pazos gallegos".

En 1923 convidado polo Hogar Gallego para dar algunhas conferencias chegou á Arxentina, onde se estableceu definitivamente. A súa presentación poética foi no Teatro Cervantes, conseguindo crear certa expectativa dada a fama que traía de Madrid. En Bos Aires estábano esperando o seu curmán Eduardo Blanco Amor, o cal rapidamente o relacionou coa colectividade galega e cos distintos medios intelectuais porteños. No seu primeiro ano de chegada editou varios libros entre eles: "Los poemas de los pinos y otros poemas", "Canto a la raza gallega" e "Versos de Fe e de Silencio".

De Bos Aires pasou a outras repúblicas americanas. México e Cuba escoitaron a súa poesía. Bóveda trasladouse por pouco tempo ao estado español, para retornar en 1925 a Bos Aires, onde se estableceu e formou unha famillia. Na capital do Prata colaborou en distintos xornais e revistas. Deu conferencias e integrou un sen fin de asociacións da colectividade galega. En 1927 publicou "La Esencia do Español e outros temas". Durante os anos 30 impartiu unha serie de conferencias por toda a Arxentina, colleitando eloxios da crítica local. Esta campaña concluíu coa edición en 1934 do seu libro "Humanismo Español (significación histórica e cultural de España)" do cal se editaron 50.000 exemplares. En 1935 publicou "Tertulias Literarias". Tamén incursionou no Teatro, levando a escena unha traxedia en tres actos, "Tierra Dura" que representou a compañía do destacado actor arxentino Pedro López Lagar no Teatro Smart. Despois estrenou a obra "Caos", inspirada nos horrores da Guerra Civil española. A mencionada obra foi adicada ao destacado político socialista Alfredo Palacios, quen se distinguiu na súa vida política por un fondo afecto á causa galeguista. Publicou naqueles anos, segundo os críticos, o seu mellor libro de poemas "Cantos de la aurora y de la noche. Integración del Hombre" (1942). Distintos intelectuais eloxiaron a última obra poética de Bóveda. Gregorio Marañón e os escritores arxentinos Bernardo Canal Feijóo, Néstor Ibarra, Raúl Orgaz, Juan Mantovani e a poetisa uruguaia Juana de Ibarbourou, expresaron distintas opinións de valoración crítica, dunha obra poética que estaba pasando os mellores momentos de creación. En 1944 publicou dous libros "Galicia Madre" e "Laura busca un amante y un honrado padre de familia". O primeiro libro é unha comedia en tres actos, e estreouse no Teatro Maravillas o 2 de xuño de 1939 baixo a dirección de Gerardo Ribas. A segunda foi reestreada no Teatro Mayo o 1 de marzo de 1940. A compañía de María Guerrero estreouna no Teatro Solís de Montevideo o 26 de xuño de 1942. En teatro escribe tamén "El Gran Secreto", "La Pícara y el Profesor", dous divertimentos en tres actos que non chegou publicar.

Xavier Bóveda combinou a súa actividade creativa cunha activa participación na colectividade galega. É así que será membro da Comisión de Cultura do Centro Galego e membro fundador da Asociación Galega de Universitarios Escritores e Artistas (A.G.U.E.A.). Nesta entidade compartiu as esperanzas dun conxunto de intelectuais galegos que día a día contaban as horas de existencia do dictador. A AGUEA convértese na corrente galeguista da esquerda liberal da colectividade, enfrontándose nalgunhas oportunidades ao sector conservador do Partido Galeguista. No grupo de Bóveda están Antonio Baltar, Rafael Dieste, Luís Seoane, Ramón de Valenzuela, Blanco Amor, Arturo Cuadrado e Nuñez Búa, entre outros. En 1963 a súa angustia por retornar foi tan intensa que decidin volver ao Estado Español. O Centro Galego, onde era sumamente apreciado, organizoulle unha velada de despedida. Outras sociedades galegas organizáronlle distintas homenaxes na súa honra. En setembro dese ano embarcouse rumbo a súa terra, desembarcando en Barcelona. Nesta cidade estábao agardando a súa familia e trasladáronse ata Madrid. Ao pouco de chegar contactou con vellos amigos que seguían vivindo nesta capital, entre os que se atopaban Ángel Lázaro, Eugenio Montes, Mariano Tudela e José Caamaño, quen foi o encargado de facer a súa representación no Centro Galego de Madrid; distintas institucións culturais da capital do Estado ofrecéranlle organizar distintos recitais poéticos, entre elas o Ateneo de Madrid. Nembargantes, o corazón fíxolle pasar unha mala xogada. Tanta emoción acumulada, tanto esperar este momento que foi irresistible. Xavier Bóveda morría no seu Madrid que o vira triunfar o 31 de outubro de 1963. O Centro Galego de Madrid fíxose cargo de todos os gastos do sepelio, acompañando a este grande poeta ata a súa última morada no cemiterio de San Justo. Aos poucos días o propio Centro organizou unha homenaxe a súa figura, na que participaron Carlos Martínez Barbeito, Manuel Hermida Balado e Mariano Tudela. O orador do acto foi Eugenio Montes.

O xornal "Opinión Gallega" de Bos Aires comentou na súa portada a morte do poeta: "Ao comezo da media tarde faleceu en Madrid Don Xavier Bóveda. Alí o destino puxo a grande palabra definitiva. Chegara había poucas semanas de Barcelona e hospedábase nunha pensión da Praza de Santa Bárbara, no nº 4. Ese mesmo día cando o novelista coruñés Mariano Tudela se acercou á súa habitación para visitalo, atopouno sentado no seu sillón, xa cumprida a súa viaxe definitiva. Estiveron xunto a el inmediatamente o poeta aurosán Baldomero Isorna, o cronista ourensán Hermida Balado, Luís Seoane, circunstancialmente en Madrid, e Enrique Azcoaga, o crítico de arte agora residente en España. Sábese, por referencias íntimas e por cartas chegadas do seu último correo, que Madrid o angustiara co seu ritmo, tan distinto ao dos seus anos mozos. Con todo xa tomara contacto con xente de prensa e estaba cos prolegómenos da edición de libros e da representación dunha obra teatral. O 1 de novembro precisamente ofrecíaselle unha demostración para conectalo co ambiente intelectual. Mais o brinde morreu inesperadamente e a nova chegou ata Galiza, esa súa Galiza á cal non puido chegar, quizais por ter errado o seu itinerario... Antes de partir de Bos Aires deu un recital dos seus poemas no Salón Castelao do Centro Galego e nunha cea íntima soubo que se sumaran os seus amigos máis entrañables. Posiblemente el presentiu a morte. E quizais quixo morrer en Madrid, no Madrid do seu triunfo, xunto ás sombras de Cansinos Assens e de Don Ramón María del Valle Inclán, xa que as súas tertulias daquela frecuentounas con visible emoción...".

En Bos Aires a nova da súa morte causou grande tristeza debido ao gran afecto que gañara en tantos anos de vida fecunda no seo desta colectividade. Con Xavier Bóveda, Galiza perdeu a un dos seus grandes poetas e a un galego cabal.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Xavier Bóveda Pérez
 
 
Casamento de Xavier Bóveda
 
Xavier Bóveda e José Juan xunto ao monumento de Asorey adicado a Marujita Gil.
 
Xavier Bóveda Pérez