Personaxes da emigración

 

O mestre Cachafeiro: O gaiteiro que non era roxo, senón de Soutelo


Falase moito do rexurdimento literário da cultura galega, moitos, a maioria esquece o labor de músicos, de gaiteiros como Avelino na Galiza e Castor máis tarde na emigración, que apostaron pola nosa música cando nada máis que o povo daba algo por ela.

Este labor de dignificación, de seriedade na sua execución, de internacionalización de nosa música e do seu instrumento máis emblemático, a gaita, en Europa, en América do Sul; de gravación de discos, de execucións maxistrais e de composición de obras emblemáticas como a Muiñeira de Chantada, fai que cando falamos de Os Gaiteiros de Soutelo falamos dun anaco da história do noso país escrito en moitas chaves de virtuosismo, de decencia e de amor a nosa cultura en tempos horríbeis que hoxe arrepían e abraian cando tentamos achegarnos á figura de homes e mulleres que como os irmáns Cachafeiro estaban feitos da madeira e da carne da que están feitos os galegos e as galegas bos e xenerosos.

Escrebera o venezuelano Augusto Germán Orihuela en La identidad por el Idioma un capítulo co nome de: Forma de gaita gallega.

Moitos non o saben, pero a “gaita” en Venezuela é o ritmo mais contaxioso e popular que teñen os venezuelanos para celebrar o Nadal. Procedente este ritmo de Maracaibo, non hai zuliano que non queira á sua 'chinita' (A patrona do estado Zulia, do cal é capital Maracaibo) e tampouco hai zuliano que non goste dunha “gaita”.

Aseguraba Germán Orihuela na obra anteriormente citada, que se lle perguntaban a un venezuelano polo que era unha “gaita”, seguramente responderia que é unha forma ou modalidade musical que se toca con furruco (especie de zambomba), tambor, maracas, charrasca e guitarra. Posúe este ritmo letras de profundo contido irónico, social de denúncia, reivindicativo, navideño ou de gabanza á patrona do Zulia a Virxe da Chinquirá (A Chinita).

Pero Germán Orihuela di algo moi interesante, e é que na sua época de estudante os dicionários non posuían ilustracións, sen embargo, cando estudaban anatomia, o texto referinte ao estómago dicia: “'o estómago é un órgao con forma de gaita galega'. E nós (venezuelanos) nunca habíamos visto unha galega nen escocesa...”.

Ao momento de recriar esta história simpática seguraba Orihuela que se ben naquela época non sabia o que era unha gaita galega, hoxe tampouco non o sabe, polo menos sabe como son as galegas “que integran, desde hai vários anos, grupos de imigrantes na Venezuela”.
'Mellor que a gaita galega, da que nos falaba o noso libro de anatomia escolar, sabemos, aprendimos obxectivamente, através do cine, o que era unha gaita escocesa'. Talvez fora en algun filme daquela inefábel parella que fixeron Laurel e Hardy. Pero como os meios televisivos non existian, por entón, só coñecíamos a gaita zuliana, a cual, ao dicer dos folcloristas, hoxe está somamente alterada. Non conserva a sua pureza auténtica. E da escocesa, seguimos sen coñecemento directo, da gaita, porque o whishy si que o temos desde hai vários lustros.

Os rapaces de hoxe, que seguen, como nós, sen coñecer a gaita galega, seguramente terán un coñecemento mais certo da figura do estómago humano. Os textos que usan son escritos por autores venezuelanos, e ainda que o idioma español é o mesmo, as modalidades varian dunha a outra rexión” asegurana Orihuela.

Este libro foi editado en 1982, catro décadas despois da chegada a Venezuela de Víctor Castor Cachafeiro, o menor dos famosos Gaiteiros de Soutelo de Montes.

Castor Cachafeiro chegou a Venezuela en 1952, traído pola Casa Galicia para organizar un grupo folclórico.

Castor, oriundo de Terra de Montes, veu ao mundo un 18 de setembro de 1906. Xa o seu avó fora un famoso gaiteiro, pero sen lugar a duvidas, entre os famosos Gaiteiros de Soutelo, ninguén brillaba con mais luz própria que Avelino, e tanto o seu pai como os seus irmáns acabaron sendo adxectivos a ese grande substantivo que foi Avelino Cachafeiro o autor da Muiñeira de Chantada.

Castor viveu como mestre de escola en Caracas. Contan-se cinco millóns de anécdotas da sua personalidade. Ainda hoxe moitos amigos o lembran como home de carácter difícil, maniático, caprichoso e terco.
Fumador empedernido, de mais de duas caixas de cigarrillos diárias, dos mais fortes e os mais longos. Cigarrillos que semellaban aqueles famosos cigarrillos rusos, 'rompepeitos' e interminábeis.

Bebedor habitual de brandi despois das comidas. Cerdívoro, só comia cocido no xantar e dous chuletas de porco na Irmandade Galega de Caracas á noite. Tivo innumerabeis problemas cando o médico lle proibiu continuar con esa dieta. Tivo tantos problemas que nunca cumpriu as directrices médicas. Seguiu alimentando-se de cocho, espécialmente cocido, fumando case catro caixas diárias de cigarrillos longos, e bebendo brandi.

Ainda asi, este lonxevo e dedicado gaiteiro de Soutelo de Montes, formou xerazóns e xerazóns de gaiteiriños e gaiteiriñas venezuelanos, no país no que a gaita se confunde con ritmos da rexión do Zulia, e onde os gaiteiros son uns homes gordos e grandes que cantan cancións dedicadas a Maracaibo ou a facer críticas acervas a todo aquilo que impede que Venezuela, e especialmente a rexión zuliana, non sexa a que todos eles queren que fose.

Tiña Castor un Volkswagen que conduciu até os últimos dias da sua vida. Isto último é algo verdadeiramente difícil de explicar. Non saberíamos dicer se el conducia o Volkswagen ou éste a el.

A 60 quilómetros por hora, Castor sabia conducir da sua casa á Irmandade Galega de Venezuela, e de esta á sua casa pola noite. Sempre polo mesmo carril… o mais rápido. Era-lle indiferente que a 60 quilómetros por hora todos o insultasen por usar a canle de velocidade ilimitada, en ollar polos espellos retrovisores, como se só houbese horizonte. Anos e anos dunha mesma viaxe. De casa á Irmandade, da Irmandade á casa. De dia o de ida, de noite o de regreso.

Este paisano de Soutelo de Montes deixou unha pegada imborrábel no colectivo galego e no venezuelano.

"Mamai eu quero saber de onde son os cantantes?" é o título da famosa canción cubana do Trio Matamoros. Mamai eu quero saber de onde son os gaiteiros? Imaxino perguntando aos nenos venezuelanos ao ver baixo o sol do trópico ás gaitas galegas en calquera praza ou acto público. Ao fronte dos mesmos unha figura enxoita e pequena, que fumou todas as caixas de cigarrillos do mundo. Que soprou até a saciedade 'o soprete dó seu fol'. Que viu chorar a miles de persoas que si sabian de onde eran os gaiteiros neste outro lado de terra que se chama América.

Castor poderia contestar do mesmo xeiro que o fixera e Lisboa xa iniciada a guerra civil, voltando despois de mil peripécias através Franza e Madrid republicano até Portugal para chegar a Galiza. Camiñaban por Lisboa e un policia portugués parou a Castor na rúa. Perguntoulle que de onde era e Castor constestoulle que galego, ao que ou policia continuou "sodes roxos?" e Castor dixo "non, de Soutelo".

Castor Cachafeiro non era “de la Loma”, que é de onde son os cantantes en Cuba, senon de Soutelo, de onde son os gaiteiros en Galiza, porque dicer “gaiteiro” en Galiza até non hai moito era sinónimo de Avelino Cachafeiro. Sotuelo está en Terra de Montes. Castor era irmán de Avelino, sen lugar a duvidas o centro de atención de cantas histórias sobre os gaiteiros se escreberon. Avelino foi o centro dunha forza cultural autóctona, enxebre, sen parangón na história do rexurdimento cultural de Galiza.

Castor Cachafeiro naceu un 18 de setembro de 1906. Xa o seu avó, Juan Cachafeiro, era gaiteiro coñecido en Terra de Montes, e foi quen mais influiu para que o seu fillo, Fermín, pai de Castor e Avelino, seguise esa tradición musical.

Regina, Marcial, Darío, Carolina, Avelino, Bautista e Castor que era o menor foron os fillos de Fermín. Avelino comezou a tocar a gaita á idade de doce anos, ainda que a agachadas e coa gaita do seu pai Fermín, que cobraba seis pesetas por tocar nas festas. Sen embargo Fermín escoitou tocar ao seu fillo Avelino e ficou marabillado ao ver que tocaba moito mellor ca el. Deu-lle a gaita e Fermín encarregou-se do bombo do grupo familiar que formara: Os gaiteiros de Soutelo.

A partir de 1914 este grupo fixo-se famoso en Terra de Montes. A nota principal dabaa Avelino coa gaita; Castor que contaba só con oito anos era a outra gaita do grupo, Bautista cantaba de tenor e tocaba o pandeiro e Fermín, o pai se encarregaba do bombo e tamén cantaba.
O momento de maior prestíxio e esplendor chegou un mes de xullo de 1924 cando se celebrou en Santiago un concurso para escoller o mellor gaiteiro de toda Galiza. Un total de nove gaiteiros apresentaron-se ao concurso, entre eles Avelino e Castor.

Comezou o concurso. Tres dos concursantes retiraron-se ao escoitar tocar a Avelino. Contaba Castor 17 anos e ficou en terceiro lugar, sendo Avelino nomeado como o Mellor gaiteiro de Galiza. Aquel dia, Castelao debuxara-lle a Avelino no fol da sua gaita o rosto de Rosalía.
Despois daquel grande triunfo dos irmáns Cachafeiro, as gaitas deles soaron en todos os recunchos onde houbese galegos. En 1928 gravan seis discos coa Casa Regal de Ourense con temas que son case un hino para calquera galego como: Muiñeira de Chatada, da autoría de Avelino, Alborada a Rosalía, Marcha dó Corpus de Pontevedra e Volta da Festa.
Ese mesmo ano de 1928 ten proxectada unha xira por Argentina, suspendida pola morte do pai e fundador do grupo Fermín Cachafeiro á idade de 68 anos.

En decembro de 1929 embarcan-se en Vigo, no barco Serra de Córdoba, con rumo á Argentina. O lugar de Fermín Cachafeiro o ocupó o pontevedrés Antonio Ferro e levaron como bailarins a un fillo e unha filla do seu amigo o señor Novás.

O 28 de febreiro de 1930 apresentaron-se no Teatro Avenida de Bos Aires. Os decorados daquela apresentación eran de Castelao e Camilo Díaz Baliño. De apoteósicas foron cualificadas as actuacións do grupo de Gaiteiros de Soutelo, apresentacións que serian continuadas en Montevideu, ao outro lado do estuario do Rio da Prata.

En 1933 morre Bautista, ficando un espazo moi difícil de encher, e que foi ocupado por Francisco Vieitez, paisano de Sotuelo. En 1936 corrian ventos malos no Estado español. Os gaiteiros de Sotuelo foron convidados a actuar nas Olimpíadas Populares de Barcelona.

Para esa ocasión, en que ian desfilar xunto a Castelao na apertura dos Xogos, Castor compuxo a Marcha de Guerra, con tanta sorte cativa que o dia en que chegaron á capital catalana estoupou a guerra civil.

Aqui acaban Os Gaiteiros de Soutelo de Montes como grupo. De Barcelona foron a Madrid onde atuaron por algun tempo e participaron no desfile da Cruz Vermella Internacional. En outubro de 1936 viaxaron cara a Franza e de alá a Portugal desde onde pasaron a Galiza.

Na Galiza ocupada pola guerra e o bando rebelde de Franco non eran bos tempos para a gaita. Foron tempos de exaltación do español. De pasodobles e música andaluza. A música galega foi borrada do mapa de Galiza, e Os Gaiteiros de Soutelo deixaron de existir como grupo, ainda que non como referéncia de moitas xerazóns que viñeron despois, resgatando un dos folclores máis ricos de Europa.

Os Gaiteiros de Soutelo de Montes viron-se, de súpeto, durmindo nunha Longa Noite de Pedra da cual puderon sair mediante a emigración a América como Castor ou mediante o cultivo de outras artes, tal como fixo Avelino através da poesia e a pintura.

Ninguén voltou a perguntar, por moitos anos de onde eran os gaiteiros. Esta pergunta ficou reservada a América.

Castelao escrebe no Diário de Galicia e no mesmo Soutelo comentários de simpatia cara a Os gaiteiros de Soutelo: "No Diário de Galicia, de Vigo, o dia 10 de agosto do ano 1924 aparecia publicada a nova de que foran proclamados os mellores gaiteiros de Galiza, no Concurso de Gaitas de Santiago...".

Referíase Castelao a eles en Soutelo con estas palabras:

“Velaí cen Avelino, cos seus irmáns, todos vestidos ao enxebre, tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ao mesmo canción de san Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un foguete.
Avelino gañara o Primeiro Pémio. Diciamos: Non hai quen poida co gaiteiro de Soutelo...

Aquela noite escoitei dende a cama coma as mozas cantaban:

Toca, gaiteiriño toca,
Meniñas correi a ve-o
Que é moiña gaita a gaitiña
Dó gaiteiro de Soutelo”.

Tocou Castor nas homenaxes ao rei español Alfonso XIII. En Pontevedra, ante o rei, tocaron a Alborada de Rosalía, e en Marín, o monarca español solicitaria-lles que recitasen a letra de Maruxiña. Os seis discos dobres que gravaron en 1928 o fixeron na Casa Regal.

Víctor Castor Cachafeiro Bugallo chega a Venezuela en 1952, tempo despois se lle unirán a sua esposa e os seus fillos, que hoxe aína viven, sendo nada máis a sua neta a que mantén certo vencello coa Irmandade Galega de Venezuela. Traballa como mestre de escola durante oito anos, xunto á sua compañeira que era mestra como el, na Escola Parroquial de El Recreo en Caracas, dando clase non só a nenos, se non tamén a adultos analfabetos. Os 18 anos seguintes deron clase nos coléxios: Barcelona, Nuestra Señora de las Mercedes, Macaracuay e San Marcos nunha zona de Caracas chamada El Llanito.

A razón da sua chegada a Venezuela foi que o Centro Galego de Caracas chamarao para formar un grupo folclórico. Despois da formación deste grupo realizou o mesmo labor no Lar Galego, momento na que a sua muller chega cos seus fillos a Venezuela.

Coa unión das tres colectividades galegas de Caracas, en 1960, Castor, através do Lar Galego, pasa á Irmandade Galega de Venezuela na que funda o grupo de Gaitas Celta, que xunto á Coral Aires Galegos son as duas institucións culturais representativas da Irmandade Galega de Venezuela.

É imensa a cantidade de viciños que hai en Venezuela orixinários de Soutelo de Montes. Por apoio popular decidiron construir un monumento na sua terra de orixe que falara de Os Gaiteiros de Soutelo, e xunto ao monumento bautizaron a praza na que se encontra o monumento co nome de Venezuela.

Mil anécdotas poden-se contar dese empeño dos orixinários dá Terra de Montes e o seu monumento. Unha delas, contada por Benxamín Dapena, era que un viciño seu dera cincocentos bolivares (mais de cen euros para a época) e foi a Soutelo a ver o monumento. Contan que os que deran un aporte económico para a obra tiñan o seu nome tallado nunha peza de granito. Este viciño non atopou o seu e solicitou que lle fosen devoltos os seus cincocentos bolívares ao mesmo que lle solicitara a colaboración: Benxamín Dapena.

A comezos da década dos oitenta inaugurou-se o monumento en Soutelo. Acudiu o presidente da Irmandade Galega de Venezuela... pero Castor Cachafeiro, único dos gaiteiros que ficaba vivo non acudiu. Francisco Pazos, un dos organizadores da inauguración comentou que o presidente convidara a Castor, tamén lle conseguira a pasaxe, pero á hora de sair non se apareceu no aeroporto de Maiquetía.

O motivo foi que Castor queria que o monumento fose feito á sua persoa nada máis, pero isto non podia ser, primeiro porque para ese entón estaba vivo e, segundo palabras do presidente da Irmandade, un monumento en vida non tiña xeito. Segundo porque Castor nunca foi a imaxe de Os Gaiteiros de Soutelo, ese, con sinceridade, foi Avelino. Os galegos de Venezuela, que fixeron a colecta coa que se fixo o monumento en Soutelo, através deste quixeron honrar a todos os gaiteiros do grupo, cousa que fica clara ao aparecer o nome de todos, incluído o de Castor. As homenaxes a Castor e a sua lembranza fican no corazón de todos os galegos e galegas emigrados lonxe da sua casa, das suas cores e dos seus sons. Castor foi quen non so de levar eses sons até onde estabn eles e elas, senón tamén de perpetualos através dos nenos e nenas que foron os seus alunos e alunas.

A morte de Castor foi de grande tristura na Irmandade Galega de Venezuela. Tres dias foron dedicados. A sua gaita, as suas roupas están nas vitrinas da sala de actos da Irmandade Galega de Venezuela. O seu retrato de corpo enteiro coroa o salón superior do teatro Rosalia de Castro de Caracas, e a entrada e vixiada por un busto inaugurado poucos meses depois do seu pasamento.

Hoxe a Irmandade Galega é a concentración por metro cadrado máis grande de gaiteiros de América do Sul. Castor, mentres fuma, pensará que como ben dicia Castelao: “para tocar a gaita cómpre máis folgos que para tocar a guitarra” e engadiría da sua especial colleita “e para ensinar a tocar a gaita cómpre ter máis folgos que para tocala”.

Victor Castor Cachafeiro, se cadra, o gaiteiro máis importante de América do Sul.

Xurxo Martínez Crespo

Retrato de Castor Cachafeiro feito polo pintor coruñés, residente en Caracas, Pervazán. O retrato está no teatro Rosalia de Castro da Irmandade Galega de Venezuela.
 
O pintor Mario Granell, irmán de Eugenio Granell, nunha homenxe que lle fixeran a Castor Cachafeiro en Venezuela.
 
“Os gaiteiros de Soutelo” no seu apoxeo artístico a comezos da década dos anos vinte. Castor é o que está recostado do cruceiro.
 
Fóra de toda dúvida, Avelino era o mellor gaiteiro de Galiza. O seu irmán máis novo, Castor, quedará de terceiro no concurso que gañara Avelino en Santiago.
   

A gaita de Cachafeiro no salón da presidencia da Irmandade Galega de Venezuela.

   
O grupo de gaitas Celta é o grupo oficial da Irmandade Galega de Venezuela. Fundado por Cachafeiro á sua morte seria dirixido por "Cotelo", o segundo pola esquerda.