Personaxes da emigración
 

 

Daniel Calzado Poceiro

Daniel Calzado Poceiro naceu en Tomiño en 1891. Daniel vivía nunha pequena aldea moi preto ó río Miño. Á fronte estaba Portugal. Dende o seu povo divisábasen, ó lonxe, as casas da outra beira do río. Daniel sentía a curiosidade de saber como era aquela xente, tan achegadas pero tan distantes. A mocidade de Daniel foi igual que a dos seus amigos da aldea, unha vida dura e sen futuro. Polo serán achegábase ó Miño, río nai de Galicia. Fronte ás súas costas camiñaba, mirando a súa desembocadura. Como se alí, se atopara o gran océano que o levaría a América.

En 1911 partiu do porto de Vigo, cumprindo aquel sono fronte ó río. Tiña daquela 20 anos. O destino non era outro que Bos Aires, onde os seus paisanos do Baixo Miño elexiran para emigrar.

Na Arxentina, súmase á colectividade galega, colaborando coa asociación de residentes do seu proprio concello. Daniel era daquela un xove inquieto. Gostáballe estar informado e leer todo aquelo que o podía formar. Na súa mocidade, en Tomiño, presenciara a loita dos labregos contra os caciques. Daniel sabía que era un dos atrasos de Galicia, estaba no tipo de propiedade da terra. Desde a súa chegada a Bos Aires, sumouse ó movimento agrarista, para abolir os foros. Esta posición política, achégao ás institucións galegas de carácter agraristas, que estaban nucleadas na Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais.

Uns anos antes da instauración da Segunda República, volta ó seu povo e participa na fundación de varias sociedades de agricultores, estando presente na Federación Agraria Municipal de Tomiño e na Federación Xudicial Agraria de Tui. Tamén organizou e presidiu a Asociación "La Aurora del Porvenir", de cuia escola foi director Antón Alonso Ríos, fundador da Federación de Sociedades Galegas. Foi tamén apoderado xeral de duas escolas, con vivendas en Barrantes, desde 1928 a 1932.

Durante a Segunda República foi elexido alcalde de Tomiño: "Daniel Calzado Poceiro era un dises homes de mentalidade aberta a vieiros de progreso e reivindicación dun povo premedo por secular sistema alleador. Cando foi elexido alcalde de Tomiño, o seu labor á fronte do Concello, marcou un troque total das disposicións e actos de governo tradicionais. Unha das súas primeiras disposicións, consistiu na renovación de piñeirais dos montes propiedade do Concello deica entón ermos e improductivos, e co rendemento que a devandita repovoación tiña que fornecer serían construídas escolas nas parroquias do concello, co cal sería resolto un vello problema deica entón insolubel para todo canto cacique e mandón estivera ó seu cargo.

A protección e o apoio ás Sociedades Agrarias, foi outra das angueiras enfitadas pola alcaldía tomiñense de Daniel Calzado, en procura de estimular os ideais e as predicas cooperativísticas ante os labregos da bisbarra, como mellor xeito de desenvolver e protexer os seus intereses de caste, sempre esquecida e marxinada" (A.N.T.)

Coa derrota das forzas republicanas, Calzado retorna a Bos Aires. Alí xunto ós exiliados recén chegados, funda distintas organizacións políticas e culturais, entre as cais destaca, as Irmandades Galegas da cal foi presidente. Calzado participou tamén no Consello de Galiza creado por Castelao para representar a Galiza, mentras non houbera un governo lexitimado polas furnas. Na asemblea do Consello de 1965 é elexido Presidente da Comisión de Finanzas do mesmo.

Calzado formou parte da Agrupación "Celta" do Centro Galego, ocupando distintos cargos no mencionado centro. Foi vocal no ano 1927 e novamente electo ó seu regreso de Galiza en 1935, 1945 e 1949. Foi vicepresidente no período 1952-1956 e en varias oportunidades tocoulle integrar a Comisión de Cultura desa institución.

O 17 de abril de 1957, a Agrupación "Celta" organizoulle unha importante homenaxe, a mesma realizouse no Centro de Panadeiros. Máis de cincocentas persoas según as crónicas da época déronse cita para testimoniar o recoñecemento da colectividade galega. Alí estaban presentes entre outros Ramón Suárez Picallo, Avelino Barrio e Manuel Puente. Recibindo adhesións desde Galicia, de Valentín Paz Andrade e Fernández del Riego.

A Agrupación "Celta" fundárase en 1938 con obxetivos patrióticos e galeguistas, pero co triunfo do franquismo, fóronse incorporando novos sectores filofalanxistas, que foron desvirtuando a súa filosofía. Daniel Calzado é o que nos conta esta ruptura: "O meu retiro da Agrupación Celta, xunto con moitos homes de relevantes méritos no Centro Galego, debeuse ó aluvión de xente extraña traída ó seo da Agrupación, co propósito de cambiar postulados que foron o norte da Agrupación". Calzado acusa a estos sectores de falanxista, españoleiros e antigalegos.

"Ante ese propósito -continua Calzado- de introducir a política da Falanxe Española nos revelamos contra a Comisión Directiva de dita Agrupación ó redor de 350 persoas, asinando un manifesto ó que se lle deu estado público e onde naceu a nova "Agrupación Breogán" que me honro en presidir e que marcha en común, con outras agrupaciós irmáns, como "Galicia", "A Terra", e "Unión Galega", que tamén detestan a intromisión falanxista no Centro Galego...".

Daniel Calzado forma unha familia e adicouse ó comercio, tendo na Avenida Ribadavia un estabelecemento de venda de productos maioristas.

A actividade do noso biografiado estivo centrada fundamentalmente no Centro Galego, él mesmo nos comenta as súas opinións sobre a labor que debería cumprir esta institución na área cultural: "Da sección cultural, endexamais se debe esquecer, porque é o espíritu do corpo, é a savia coa a que a árbore vive, é a alma dos fundadores, grandes patriotas galegos que só pensaban en revivir nestas terras de liberdade, a morriña da Galiza que deixaba alén mar, impregnada de caciquismo reacionario e antigalego. Por eso o Centro Galego debe continuar invitando a dictar conferencias a homes como os que até agora honraron a tribuna do Centro Galego, e non charlatáns que só veñen a representar a unha España de pandereta que ven de tantos séculos, perpetuando unha Galiza ultraxada e soñolenta, atada ó carro centralista para o seu infortunio, esquecendo sempre os problemas galegos e que os seus fillos para vivir tiveron que tomar o camiño da emigración".

En 1962 realizou a súa primeira viaxe á Galiza franquista. Durante o mesmo, a parte do interese persoal de estar coa súa familia, levaba varias misións patrióticas. Unha delas era contactar cos galeguistas do interior e coñecer na práctica que estaba sucedendo baixo a dictadura franquista. Por aqueles anos o que quedaba do galeguismo estaba orientado polo grupo "Galaxia", cuio líder era Ramón Piñeiro. O sector culturalista ou piñeirista como lles chamaban, eran reacios ó traballo que realizaba o Consello de Galicia e os exiliados galegos no exterior.

Nunha carta enviada por Ramón Suárez Picallo en representación do Consello de Galicia a César Alvajar Diéguez o que ostentaba a representación deste organismo en París, Picallo comunícalle a chegada de Calzado a Europa: "Hai uns días saiu para Galicia, nunha viaxe extensiva por Italia, Francia e Alemania occidental, Daniel Calzado, distinguido membro do Consello de Galicia e presidente da Irmandade Galega de Bos Aires. Daniel foi alcalde republicano e galeguista do seu concello de Tomiño, na provincia de Pontevedra, amigo de Castelao, Alonso Ríos e de quen asina estas líneas, entre outras persoalidades da vida política e espiritual de Galicia. Aquí, en Bos Aires, antes da República e despois de perdida a mesma, realizou unha extraordinaria labor en servizo de Galicia, do seu espíritu e da súa cultura. Foi vicepresidente do centro Galego de Bos Aires, e é moi posible que moi pronto sexa candidato a presidente da nosa poderosa institución. É un home de ben, un demócrata, un galego vertical. Chegará a París a fins de xullo ou comenzos de agosto. Desde Italia porase en contacto contigo para concertar un encontro da maior importancia. Leva instruccións do consello acerca de diversos temas que debe tratar contigo..."

Co retorno de Calzado e a traverso do seu informe, o Consello de Galicia puido coñecer pola súa propria experiencia, que Piñeiro e o seu grupo estaban nunha posición temerosa e pouco combativa.

O 28 de novembro de 1970, a Agrupación pro Centro Galego "Breogán" da cal era Presidente Honorario Daniel Calzado, realízalle un xantar en homenaxe a súa figura. Durante a velada estivo acompañado pola cáseque totalidade dos dirixentes da colectividade galega, recibindo telegramas de adhesión desde Galiza de: Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Domingo García Sabell, Francisco del Riego, Manoel Beiras García, etc.

Daniel Calzado faleceu o 11 de novembro de 1972, no Sanatorio do Centro Galego. A Comisión Directiva do Centro, ó coñecer a nova do seu falecemento, dictou a resolución de honores correspondentes, mediante a cal se dispuso que os restos mortais do falecido, foran velados na Sala de Sesións da entidade. Instalada a capela ardente, unha enorme multitude desafiou ante os restos do venerado galeguista.

Ó día seguinte, os restos de Calzado foron depositados no Panteón Social da Chacarita, onde diversos oradores deron o último adeus ó destacado patriarca da emigración.

O xornal nacionalista A Nosa Terra sinalou ó informar sobre a súa morte: "Con él, coa sua bonhomía, vaisenos unha esgrivia figura representativa da Galiza Emigrante, a Galiza Ideal que dexergueu Castelao, posibel somentes polo esforzo moral e patriótico de Daniel Calzado".

Lois Pérez Leira

 
         
     
Daniel Calzado Poceiro
 
De pé dende a dereita Daniel Calzado, Serafín Fernández e Argimiro de Val, sentados no centro Paquiño Otero, Correa e Orduña. Na porta das escolas “Aurora del Porvenir”.
 
Daniel Calzado nun funeral da colectividade galega en Bos Aires.
 
Centro Galego de Bos Aires.