Personaxes da emigración
 

 

Arturo Patricio Carril

Arturo Patricio Carril naceu o 13 de xullo de 1902 na vila mariñeira de Corcubión. Na súa querida Costa da Morte viviu os seus primeiros anos de vida ata que un bo día como outros rapaces da súa época decidiu emigrar para non facer o servicio militar, que o levaría inexorablemente á Guerra de África. Ao chegar a Montevideo, a cidade atrápao. O tango canción, comezaba a percorrer o mundo, Gardel era o ídolo indiscutible de todo o Río da Plata, mentres os inmigrantes galegos e italianos chegaban a milleiros, e con eles as ideas de redención social.

Arturo comezou a traballar de linotipista, o seu gremio por aquel entón estaba influenciado polos anarquistas. En Montevideo vivíase a democracia liberal de Batlle e Ordóñez, e nesa época en Bos Aires os distintos gobernos da oligarquía reprimían a sable e lume as manifestacións obreiras. Nas dúas primeiras décadas deste século chegaron á capital uruguaia dúcias de anarquistas expulsados da Argentina. Foi así como chegaron os galegos Adrian Troitiño, Hucha, Tato Lorenzo, José María Acha, Manuel Fandiño (Silvetti), etc. Era común velos a diario no mítico café da Praza Independencia "El Polo Bamba" onde se xuntaban para arranxar o mundo. Xunto aos anarquistas galegos chegaran outros destacos libertarios estranxeiros como foron Luis Fabri (Italiano), Juana Rouco Buela (madrileña), etc.

Uruguai desde a chegada a mediados do século pasado do patriota liberal e revolucionario italiano José Garibaldi que deixou a semente do librepensamento, foi creando un país laico e aberto ás novas ideas. Case a finais do século sería o noso paisano Adolfo Vázquez Gómez quen deu coñecer a primeira proclama socialista da historia deste país.

No libro "El anarquismo en América Latina", do recentemente falecido historiador uruguaio (fillo de galegos) Carlos Rama, enumera non só a Arturo Carril senón que tamén a outros galegos que se destacaron no pensamento libertario dentro da literatura, e nomea a: "Cristóbal Otero, galego, nacido en 1892 e falecido na capital uruguaia en 1966, incansable propagandista, que deixou unha novela autobiográfica titulada "Ciempiés"; María Collazo (1885-1942), arxentina (filla de galegos), oradora e activista infatigable, de quen Arturo Carril, no seu libro "Crónica de una ciudad y su musa", refire que ao subir á tribuna facíao rodeada polo seu compañeiro e os seus fillos, todos eles con nomes mitolóxicos: Aurora, Themis, Venus, Hebe, Espartaco..., Ricardo Carril (1900-1923), galego, da súa vida breve e apaixoada fan memoria Armonía Somers, en "Las Máscaras de la mandrágora", y J.C. Welquer Bugallo, en "Máquinas"; Manuel Domínguez Santamaría tamén galego, director do Teatro de "El Pueblo" en Montevideo..."

Arturo que comezou a forxar no seu traballo a súa ideoloxía anarquista, tamén tivo tempo de se atopar cos seus paisanos e pensar cos máis avanzados ou inquietos, as formas de liberar a súa terra do atraso á que estaba sometida. Comezou frecuentar os distintos ambientes da colectividade e a relacionarse cun núcleo de mozos de posicións netamente nacionalistas. Estes nacionalistas entraron en contacto cos seus pares de Bos Aires e comezaron a ter unha fluída relación politica.

En Bos Aires, este grupo de amigos resolveu crear en 1923 a primeira organización nacionalista da Arxentina que se chamou "Irmandade Nacionalista Galega d´América do sul" e ao mesmo tempo fundaron o xornal Terra, "Boletín da Cultura Galega", estando no seu estaf a figura de Arturo Carril como redactor. Algúns daqueles mozos inquetos do Río de Plata eran: Ramiro Illa Couto, Xosé Ares Miramonte, Xavier Ínsua, Lamas Barreiro, Eduardo Blanco Amor, etc.

Por aquel entón non era contradictorio que persoas de ideoloxía anarquista comprometidas coa loita de clases nos países de acollida, tiveron ao mesmo tempo unha participación activa dentro do galeguismo e incluso no espacio nacionalista como no caso de Carril. Hai que lembrar que no seo da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires e na Sociedad Nacionalista Pondal houbo distintos integrantes do nacionalismo que se definían como anarquistas. Quizáis o caso máis interesante sexa o coruñes José Fernández Lourido quen editaba un xornal escrito íntegramente en galego "Tempos Novos", o cal se definía como anarquista e xustificaba que non era contradictorio a defensa da língua e os dereitos nacionais cos ideais libertarios.

Arturo Carril, xunto a Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo van tomando distancia da Irmandade e incorpóranse a traballar na Revista "Céltiga", conformando un grupo politico-cultural chamado "Os Céltigos" que marcaría unha etapa importante da historia da emigración galega na Arxentina. "Os Celtigos" tiñan unha tertulia no Café "La Armonía", onde se xuntaban polas noites a comer o famoso cocido galego e falar dos distintos temas de Galiza.

Por aqueles anos existían fortes vínculos con Montevideo, moitos dos nosos paisanos vivían tempadas nunha o noutra man do Río da Plata.

En 1927 cando a redacción da Revista "Céltiga", encabezada por Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor, Rial Seixo, Zapata García e Manuel Oliveira realiza unha viaxe de intercambio cultural entre os nacionalistas de ambas as partes do Río da Plata, foron recibidos no porto de Montevideo por Arturo Carril, Xulio Sigüenza e o presidente do Centro Galego, Constantino Sánchez Mosquera.

Arturo Carril realizou distintas viaxes a Bos Aires durante a década do vinte, nun deles a revista Céltiga comentaba a súa llegada á outra beira do Plata: "Días pasados recibimos a gratisima visita do querido "céltigo uruguaio" Arturo Carril, quen permaneceu varios días entre nós. Carril veu expresamente para ler a súa obra "Consulado" a Pascual Carcaballo, talentoso empresario do Teatro Nacional. Carcaballo escoitou con viva compracencia a lectura de Consulado, á que lle augurou un éxito rotundo, aceptándoa en principio e recomendando ao seu autor unha lixeira reducción dalgunhas escenas, adaptándoa ao teatro por horas. Carril traballa activamente na reforma, sendo case seguro que "Consulado" vaia na presente tempada, na catedral do xénero chico crioulo. A súa estrea -asegurámolo- será un grato suceso para os galegos de Bos Aires, pois se trata dunha xoia de emoción e de ambiente emigrado."

Noutra das súas visitas a Revista nacionalista "Terra" sinalou: "Iste noso querido irmao, residente na cibdá de Montevideo, háchase pasando unhos días connosco. Ao seu regreso dará comezo ós traballos de organización d´unha delegación da Irmandá Nacionalista Galega no Uruguay. Pra esta honrosa labor cóntase, na veciña República c´un nucleo entusiata de rapaces cultos e valentes que espallarán as nosas ideas e sabrán arrodear de agarimo e respeto a santa causa que defendemos. Terra acolle ao irmao Carril cúnha apreta fraternal."

Coa proclamación da segunda república o grupo Céltiga do cal formaba parte Arturo Carril sufriu unha importante transformación, por un banda Ramón Suárez Picallo foi elexido deputado en cortes, Julio Sigüenza trasladouse a Galiza e Blanco Amor pasou unha longa etapa no estado español. Os líderes deste movemento político-cultural gañan en influencia en Galiza, mais perden a súa base na emigración. Co estoupido da guerra civil o grupo galeguista de Montevideo sufriu una pequena división co apoio público que realiza o destacado galeguista Constantino Sánchez Mosquera, ao bando franquista. Esta situación de desencontros levouno a se distanciar da militancia galeguista activa e dedicouse máis a súa militancia anarquista.

Sendo moi novo comezou a súa inclinación pola literatura. En 1920 fundou a Revista "Mundo Teatral" e en 1935 a Revista "La Lectura". Foi o creador da "Editorial Mar" na década do trinta. Nesta editorial realizou a traducción castellana de "Os dous de Sempre" de Castelao, á cal lle realizou un interesante prólogo. En 1938 publicou "Tres Variaciones sobre un tema". Na súa etapa uruguaia estreou a obra teatral "Los Clásicos y sus lectores".

Na década do corenta volve a Bos Aires onde se dedica de cheo á actividade intelectual. O xornal "El Libertario" dixo de Carril: "Loitador social, home de militancia sindical, linotipista de oficio, escritor, xornalista e dramaturgo, autor de varias obras neste xénero, editadas e inéditas, algunhas estreadas aquí e no veciño país irmán, "Faja de Honor de la Sade", premio Municipal 1966, con dereito a súa edición e posta en escea no Teatro San Martín pola súa obra: "Argentina Hora Cero", prohibida e anulada polo goberno militar de facto de Onganía nese mesmo ano, Carril foi sempre un modelo de conducta ética en harmonía co seu pensamento libertario, de estilo recatado, sobrio, cordial, xeneroso, solidario, que fixo da amizade leal e fraternal un acto natural e constante da súa vida."

Entre otros premios conseguidos destacan: "Premio de la Sociedad de Autores Teatrales del Uruguay" (1942) e o "Premio de Radiodifusoras Ariel".

O escritor galego-arxentino Carlos Penelas no seu libro "Os galegos anarquistas na Arxentina" nunha pincelada sobre a vida de Carril di: "É importante recordar que entre as obras publicadas - referindose a Carril - debemos mencionar Nuestro hermano Florencio, Estoy sola y te espero, La viuda de los vivos. Esta última estreouse o luns 18 de outono de 1943 no Teatro Arxentino. É unha augaforte galega, en tre actos. A música, galega, estivo interpretada polo terceto Dopazo. O programa leva versos de Rosalía Castro, pertencentes a un poema de Follas Novas. Este é un exemplo máis de galeguidade que ten o emigrante. En todos eles atoparemos pegadas, mensaxes. En Las viudas de los vivos o tema é a emigración, onde se exaltan os matices máis emotivos do sentimento galego."

"La viuda de los vivos" estreouse pola Compañía de Nélida Quiroga, coa actuación de García León, Ricardo Canales entre outros. A obra foi un suceso de público y de critica.

En 1959 a Editorial Mecenas, de Bos Aires iniciou a publicación do "Teatro Completo de Arturo Carril", do cal apareceron dous tomos.

Outras das obras importantes de Carril foron: "La cofradias de los soñadores" (poemas); "Como las vi" (poetisas, actrices, cantantes e bailarinas); "Como los vi" (grandes e pequenos homes vistos de cerca, colección de crónicas); "Sobre el río como mar" (novela); "Prosa de Argos Antipa"; "El Teatro" (onte, hoxe, mañá) e "Teoria del Estado de transición" (ensaios).

Deixou varias obras de teatro inéditas: "Un banco en la plaza", "No destruyan al mundo todavía", "Si las mujeres mandaran", etc.

Segundo o seu amigo Palazzo "a morte sorprendeuno animado por proxectos literarios vinculados a súa vocación teatral e ao seu fervor cultural e ideolóxico, alleo a toda preocupación pola idade e polo futuro. Lembrarémolo sempre co afecto e co respecto, por esa vida austera e cabal".

Faleceu en Bos Aires dun ataque cardiaco o 13 de xullo de 1990, a súa biblioteca e súa copiosa obra literaria inédita, fue doada á Federación Libertaria Arxentina.

Lois Pérez Leira

 
     
Caricatura de Arturo Patricio Carril.
 
"Peña Céltiga", reunida para tratar a homenaxe ao poeta Caamaño. Na foto o primeiro pola dereita de pé Arturo Carril.
 
Xantar. Na presidencia os delagados de Uruguai, a esquerda da foto Arturo Carril e a dereita Damián Fernández.
 
Caricatura de Arturo Carril, realizada por Crestar, para Céltiga.