Personaxes da emigración
 

 

Arturo Cuadrado Moure

Arturo Cuadrado Moure naceu en Denia (Alacante) en 1904. O seu pai Arturo Cuadrado, natural de Valladolid, casa con Merecedes Moure Carollo que vivía en Agolada (A Coruña). Despois do casamento múdanse por cuestións laborais (el era mestre) ata Denia onde residiron durante algúns anos.

O matrimonio Cuadrado Moure tivo catro fillos; o maior Manuel morre sendo neno, despois seguiranlle: Arturo, Mercedes e Bernardo. A familia vive unha etapa feliz fronte ao Mediterráneo ata que o pai de Arturo morre sendo aínda moi novo.

"Asistíramos a unha corrida de toros de Joselito e Belmonte cando o meu pai veume dar o bico de boas noites no hotel. E finou".

A súa nai Mercedes atópase sen marido, sen recursos económicos e resolve volver á súa aldea de Agolada onde vivían os seus pais que gozaban dunha situación económica folgada.

Nese lugar Arturo Cuadrado vive a maior parte da súa nenez e adolescencia. O seu avó materno traballaba de recadador de impostos de toda a bisbarra. Arturo sempre se lembrará cando percorría a pé ou a cabalo a fermosa comarca bergantiñán.

"O meu avó era o recadador de impostos da zona, a él gustáballe moito levarme a traballar con el. Iamos de aldea en aldea, era aínda a etapa dos foros. Os labregos vivían nunha situación moi desprotexida. Lémbrome que moitas veces lle respostaban ao meu avó que non tiñan para lle pagar. Entón o meu avó estaba obrigado a botarlles unha bronca, mais dicíalles que por esta vez pasaba e que había que pagar o que correspondía. Os paisanos antes de marchar agasallábano pola súa atención con algúns xamóns ou galiñas. O curioso é que moitas veces o regalo tiña máis valor económico que o que tiñan que pagar en concepto de imposto...".

A súa adolescencia transcorreu nun ambiente conservador e clerical. Cuadrado soñaba con ir á cidade, con estudiar e coñecer o mundo. En 1920 a súa nai múdase cos seus dous fillos Arturo e Bernardo a Santiago de Compostela.

Nesta cidade rematou os seus estudios secundarios e vincúlase cos mozos universitarios dos anos 20. Cuadrado participa activamente nos grupos de oposición á dictadura de Primo de Rivera, ademais comeza a frecuentar as tertulias literarias daquela cidade. Cuadrado comeza a escribir os seus primeiros poemas e a participar como xornalista na maioría de revistas literarias que modestamente realizaban os escritores da época.


O seu primeiro traballo foi como vendedor na Casa Don Segundo García de Arriba, na rúa Preguntorio nº 9 de Santiago, alí vendía teas e confección fina. Con Cuadrado traballaría tempo despois o escritor Luís Manteiga.

"Un día dime o meu amigo Luís Manteiga: "Arturo necesito traballo". "Pois non te preocupes", respondinlle, "ven polo meu choio que falo con Segundo García e creo que hai posibilidade de que te empregue como vendedor, atendendo aos clientes que temos en distintas partes de Galiza". Así foi que falamos co dono e Manteiga comezou a traballar. Aos poucos días foise a percorrer Galiza traballando. Mentres visitaba aos clientes facía un libro de viaxes que é unha obra fermosísima. Ao chegar a Santiago o resultado comercial fora nulo, mais o cultural marabilloso: nacera un libro. Manteiga perde o seu emprego pero Galiza gaña un libro".

Nesta cidade de Santiago de Compostela Cuadrado irase topar con Luís Seoane con quen manterá unha amizade que será rápidamente semente dunha morea de proxectos conxuntos.

Cuadrado, como a maioría dos mozos intelectuais daquela época, sentía unha grande devoción pola figura de Don Ramón Mª del Valle Inclán, co que manterá unha fonda amizade.

Isaac Díaz Pardo cóntanos algúns perfís de Arturo: "... coñecín aos Cuadrado desde que teño uso de razón. Bernardo, da miña idade, foi á escola comigo. Vivían na rúa veciña á miña, a do Inferniño de Abaixo (hoxe avenida ou rúa da Trindade, porque no franquismo iso de inferniño non era fino, e o de Trindade viña da capela da Trindade que coa igrexa de San Frutuoso eran pórtico da rúa das Hortas...". "...Arturo Cuadrado era en Santiago toda unha institución cultural, era buscado por cantos viñan coñecer algo non só de Compostela senón que tamén de Galiza...".

Durante o bienio negro, Cuadrado e outros intelectuais desenvolven distintas actividades culturais entre elas a fundación de Resol.

"... No ano 34 -comenta Díaz Pardo- Resol montou unha barraca na Ferradura de Santiago, a coñecida Barraca Resol, na que se expuña pintura de Maside, Colmeiro, Souto, Landín, etc., e pediulle ao meu pai que eu lle pintara o letreiro de cabeceira o que para min, con 13 anos, foi unha ilusión...".

Tamén o seu amigo Luís Seoane lembra aquela revista literaria: "...Arturo Cuadrado fundou e dirixiu unha revista de poesía, "Resol", que se distribuía de balde pola rúas e na feira compostelá dos xoves onde se situou tamén a "Barraca Resol", expoñéndose entre os labregos e para eles obras de Maside, Souto, Colmeiro, miñas, etc. Díaz Pardo, case un neno, axudara á súa decoración. Foi unha grande época compostelá aínda sen estudiar, e nela tivo unha destacada actuación Arturo Cuadrado...".

Tras o éxito de Resol Arturo decide montar unha librería que chegou ter características revolucionarias para o seu tempo.

"Hai moitos anos, cóntanos Seoane, arredor de corenta para ser máis preciso, existía na rúa Caldeirería de Santiago a Librería e editorial "Niké", propiedade de dous homes, mozos daquela, os escritores Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado. Na parte de adiante onde se atendía ao público vendíanse os libros ao prezo que ese público, composto en xeral por estudiantes, decidía que valían. Cando o que mercaba o libro, logo de lelo xulgaba que tiña pagado pouco por el polo interese que lle despertara, completaba o prezo entregando unha nova cantidade. Intentábase facer polos dous propietarios da librería unha pequena revolución comercial...".
O propio Cuadrado lembra con emoción unha de tantas anécdotas de Niké: "Tíñamos en Santiago a librería Niké na que os clientes pagaban polos libros o que lles parecía que valían. O célebre anarquista Marcial Villamor pagou dez céntimos por un de Ortega e pasou ao día seguinte a pagar outros dez porque lle entusiasmara. Cando llo contei a Ortega, quixo coñecelo, e o gran intelectual foi á casa do carpinteiro, que sería paseado no 36".

Nos longos encontros mantidos con Cuadrado dinos un dos aspectos menos coñecidos sobre a vida de Ramón Mª del Valle Inclán: "Valle Inclán veu a morrer a Santiago, enfermo de cancro. Escóllea por riba de Madrid, Barcelona ou París. …Eramos cinco os que o recibimos en Santiago á súa chegada de Roma e a todos nos chamou polo nome cando baixou do Castromil sen equipaxe. Vagou pola cidade e nós detrás sen abrir a boca ata que lle preguntamos a onde quería ir. "Como non teño cartos ao mellor hotel da cidade". "Era un namorado da Berenguela, como Lorca que se axeonllaba e bicaba a pedra...". "...Eu comía tortillas con Valle Inclán en Betanzos e despois iamos aos toros na Coruña. Nunha ocasión convenceunos ao seu fillo Carlos e a min para que nos tirásemos á area. A Azaña coñecino pola súa amizade con Valle Inclán. O día que lle entregamos o Estatuto de Galiza, na véspera do alzamento, deume a man e pediume que quedase, eu tiña que voltar a Galiza para lembrar aquela noite en que se escapara do Hotel Compostela -un presidente da República non podía estar na rúa despois das 10- e acabamos uns cantos na Quintana escoitándoo falar de Valle Inclán".

O finamento de Valle Inclán ocorrería fóra do seo da igrexa xa que cando se lle ofreceron os auxilios espirituais, segundo comentaba Cuadrado, Valle Inclán exclamou: "Nin cura discreto, nin frade humilde, nin xesuita sabichón", frase coa que publicaron os diarios do día 6 de xaneiro, ao dia seguinte do seu falecemento.

En marzo de 1936 realizouse en Santiago a primeira Asemblea para constituír a Asociación de Escritores Galegos tendo unha activa participación nesta iniciativa Arturo Cuadrado. Entre os asistentes atopábanse: López Abente, Blanco Torres, Jacinto Santiago, Filgueira Valverde, Bouza Brey, Lustres Rivas, Sigüenza, Paz Andrade, Torres Quiroga, Santiso, Álvaro de las Casas, Posadas Curros, Xoán Xesús González, García Barros, Iglesias Alvariño, Carvalho Calero, Del Riego, etc.
Cuadrado realiza unha intensa actividade non só literaria senón tamén política. Participa na redacción do manifesto de Esquerda Galeguista, simpatiza coas ideas socialistas-galeguistas do seu socio Xesús González, mantén moi boas relacións con Castelao, do que era moi bo amigo, como así tamén simpatiza con Casares Quiroga e con Azaña. Cuadrado é un home de esquerdas que intenta manter a súa independencia política.
Como funcionario do concello de Santiago de Compostela participa como Subsecretario na Comisión do Estatuto de Autonomía de Galiza. Coa conformación da Frente Popular, Arturo participa activamente na campaña electoral que remata co triunfo das esquerdas. Por aqueles anos é correspondente do xornal "Sol" de Madrid, "Pueblo Gallego" de Vigo e da revista "Yunque" de Lugo.

O 18 de xullo de 1936, día do alzamento, Arturo atopábase en Madrid despois de ir coa delegación galega que levara o Estatuto de Galiza ao Presidente da República. Este feito casual sálvalle a vida. O resto da comitiva, agás os deputados establecidos en Madrid, son fusilados ao chegaren a Galiza.

Cuadrado ponse desde o primeiro momento a disposición do Goberno leal e en coordinación directa cos deputados galeguistas Castelao e Ramón Suárez Picallo. Arturo traballa para o Ministerio de Información colaborando nunha morea de xornais e revistas que alentaban ás tropas republicanas. Co traslado do goberno a Valencia, Arturo trasládase con Castelao e Picallo. Nesta cidade casa con Amparo Alvajar, filla do destacado republicano coruñés César Alvajar. Amparo era unha fermosa muller que se forxara ao lado de Casares Quiroga. Durante a guerra traballou nos servicios secretos do goberno cumprindo misións de suma confianza para o propio Casares Quiroga. Durante o casamento de Arturo e Amparo o propio Castelao foi padriño da cerimonia.

Logo dunha tempada en Valencia, tanto o Goberno coma o Parlamento, así como a nosa delegación galega, trasládanse a Barcelona. Alí esperan o remate da guerra. Arturo participa na fundación da revista "Nova Galiza", onde escriben Castelao, Picallo, Dieste, etc.

Coa derrota do bando leal, o matrimonio pasará os Pirineos e instalarase nun campo de concentración de Francia igual que milleiros de ex-combatentes. Os vínculos de César Alvajar coa Masonería, á que pertencía Cuadrado, facilitan a saída do campo de concentración.

Aos poucos meses falece en Tolousse a súa filla Silvia de 5 meses; a nena colleu unha forte infección respiratoria polo frío e a mala alimentación.
Ao pouco tempo conseguen embarcar no barco "Massilia", fletado polas organizacións solidarias arxentinas. No barco que saíu de Bordeos en 1940 ían entre outros exiliados o ex-alcalde de Vilagarcía, Elpidio Villaverde, en compaña da súa compañeira e das súas fillas Rosina e Mariví .

"Ao chegar ao porto de Bos Aires estábame agardando Luís Seoane. Así como nos abrazamos xa estábamos falando de facer proxectos xuntos. Entre eles Seoane proponme que tiñamos que organizar unha Loxia entre exiliados. Aos poucos días reunímonos na casa de Horacio Bermúdez Abente e alí por suxerencia de Luís Seoane fundamos a Loxia de exiliados e puxémoslle o nome "Antolín Faraldo", en homenaxe a ese destacado estudiante nacionalista. Entre os membros da "Antolín Faraldo" lembro entre outros a Gumersindo Sánchez Guisande, ese gran médico que atendeu a Castelao. Tamén participan o deputado de Esquerda Republicana Elpidio Villaverde, Rey Baltar e Eduardo Blanco Amor (durante unha breve etapa). Creo que esta loxia foi moi importante no traballo cultural creando ou impulsando editoriais e todo tipo de iniciativas culturais. Creo que unha das grandes obras impulsadas pola "Antolín Faraldo" foi a fundación do Fogar Galego para Anciáns de Doncelar".

O médico Gumersindo Sánchez Guisande lembra a fundación do Fogar: "...No ano 1942 estabamos reunidos no café "La Asamblea" da Avenida de Maio un antigo residente bonaerense, don Miguel Portela, xunto a dous recén chegados Horacio Bermúdez Abente e eu. Ese día o xornal "La Prensa" traía a nova en recadro de terse atopada morta a causa do frío a unha anciá galega, natural de Ourense. A emoción conseguinte que nos causou o feito fíxonos reaccionar da maneira máis lóxica, é dicir, a máis galega: buscar de inmediato un lugar para resgardar a eses desherdados da sorte. Pensamos vernos con Jacobo André da firma "André e Touriño" e cara a alá nos diriximos. No camiño atopámonos co poeta Arturo Cuadrado que nos acompañou para a entrevista. A idea prosperou e foinos moi útil na emerxencia o señor Jacobo. O caso é que, pouco despois, o que parecía un soño foi unha concreta realidade. Nós reuniámonos os domingos nun apartamento que tiñamos alugado na "Pasaxe La Rural", co doutor Antonio Baltar, Manuel Picón e Luís Seoane. Arturo Cuadrado redactou o manifesto dirixido á colectividade e os formularios para se inscribir e de inmediato nomeouse unha comisión para redactar os Estatutos...".

Cuadrado realizou en Bos Aires un intenso labor editorial, Seoane lembra este traballo que en moitos casos foi un labor conxunto: "...Pasaron moitos anos e desde hai uns trinta editou en Bos Aires, onde foi a vivir, moitos libros. Tiña comezado a editar en Galiza. Na capital arxentina foi cofundador e codirector de tres editoriais. A derradeira "Botella al Mar" é unha editorial bohemia sen local propio, sen despacho de dirección onde atender ao autor, ou ao público en xeral porque todo isto faise na rúa, ou en calquera librería ou galería de arte onde se atope Cuadrado.

Mais a empresa funciona e pódese dicir que a maioría da nova literatura arxentina publicouse nesa editorial, e, tamén algún dos poetas hoxe máis prestixiosos...".

Cuadrado relátanos os seus primeiros anos en Bos Aires: "... Ao pouco de chegar eliximos o Café Tortoni como lugar de encontro despois de xantar. Alí diariamente nos atopabamos un grupo de exiliados entre eles: Luís Seoane, Rafael Dieste e a súa compañeira Carmen Muñoz, Antonio Baltar, Gumersindo Sánchez Guisande, Colmeiro, Otero Espasandín e Lorenzo Varela. Tamén participaban outros galegos que por distintos motivos viñan irregularmente como Federico Rivas, Xosé Suárez e Núñez Búa".

Xunto aos exiliados participaban na tertulia escritores arxentinos de moita sona no momento, quizais o de máis prestixio é a Naslé Roxlo, viña o escritor brasileiro Newton Freitas, o debuxante norteamericano Ton Fanning e o debuxante alemán Clement Moreau. O Tortini foi o noso lugar de soños, alí fundamos editoriais, revistas literarias, nese Café de Bos Aires contabamos os días para que caera o tirano e puideramos volver a nosa Galiza...".

O 18 de novembro de 1952 sairá á rúa o seu libro de poemas "Soledad Imposible" editada por "Botella al Mar" con debuxos de Luís Seoane. Dirá Lorenzo Varela no prólogo do libro: "Quizais esa voz chega ata nós desde a profunda, escura fronte dun río nado en lonxanísima cova. A súa doce pesadume, as súas flores de viva e desconcertada piedade, de fresca mágoa, abrindo o seu desconsolo á luz dos días como buscando nela un transparente pano de alivio parece indicalo así. Ata esa leve, delicada fatiga que adorna a súa canción podía revelar o fondo desvelo, o recóndito recinto que a orixinou e onde tivo unha entrañable anticipación do seu latido presente...".

Arturo Cuadrado durante o seu longo exilio na Arxentina tivo que sufrir nalgúns momentos da súa vida persecucións e algunha que outra detención. Durante o primeiro goberno de Perón estivo vivindo unha tempada en Montevideo xunto ao poeta comunista Varela.

Durante varias décadas foi director do emblemático xornal "Galiza", órgano da Federación de Sociedades Galegas. Na década dos setenta Cuadrado casou cunha mestra noviña coa cal tivo dous fillos Presiliana e Ramón.
Cuadrado co restablecemento da democracia no estado español puido recuperar o seu grao de comandante e foi homenaxeado polo Parlamento sendo nomeado deputado honorario. As autoridades españolas, a través do propio Rei de España, outorgáronlle a máis alta condecoración polo seu labor cultural e político. Arturo Cuadrado morreu o 5 de agosto de 1998, cando tiña 95 anos de idade, nun centro xeriátrico rodeado de libros e lembranzas.

Lois Pérez Leira

Exposición de Arturo Cuadrado

 
         
     
Arturo Cuadrado Moure
 
Arturo Cuadro, no centro da foto cun xornal nas mans, con Valle-Inclán e outras persoas en Santiago, na etapa republicana dos anos trinta.
 
Arturo Cuadrado, o primeiro pola dereita, nunha reunión do C.C. da Autonomía de Galiza, da cal formaba parte como Secreatrio de Actas. Santiago de Compostela, 1936.
 
Castelao, Seoane, Eiroa e Cuadrado, diante do portal da Consulta do Dr. José Barros Sanromán, Santiago, ano 1932.
 
Arturo Cuadrado cun can.
 
 
Arturo Cuadrado no centro da foto, a esquerda da foto Alberto Guirri e a dereita Héctor Murena.
 
 
 
Arturo Cuadrado na Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires, xunto aos directivos da mesma.
 
Arturo Cuadrado.
 
Sinatura de Arturo Cuadrado.