Personaxes da emigración
 

 

Bieito Cupeiro Vázquez

Bieito Cupeiro Vázquez naceu o 14 de febreiro de 1914 en Barallobre (Fene). Nesta vila mariñeira, perto a Ferrol, cursa os estudios primarios e secundarios. Sendo aínda un neno contrae a temible enfermidade da poliomielite, que lle afectara a mobilidade dunha parte do seu corpo. Cunha intensa rehabilitación e perseverancia logra unha case plena recuperación física.

Bieito realiza a carreira de mestre exercéndoa durante algúns anos nunha escola da súa parroquia.

En 1936 cando tiña 22 anos decide emigrar á Arxentina, en Mar do Plata estaba establecido o seu pai e Bieito lle segue os pasos. A "cidade feliz" como a chaman os do lugar tiña unha colonia galega importante, xa que moitos dos nosos paisanos puxeran negocios de hostelería dedicados ao turismo.

En 1941 decide transladar a súa residencia a Bos Aires, xa que na capital había máis posibilidades para un mozo cheo de ilusións.

Bos Aires daquela era a cidade galega máis grande do mundo, ao redor de 400.000 paisanos residían entre a capital e o Gran Bos Aires. A colectividade estaba en plena efervescencia.

A chegada dos exilados a finais dos anos trinta e comezos do corenta dinamizaron a vida de todos os centros e entidades culturais. Bieito achégase naqueles años á Federación de Sociedades Galegas, entidade que estaba moi marcada pola súa actividade antifranquista. Alí coñece e frecuenta a Blanco Amor, Antón Alonso Pérez, Emilio Pita, Luís Seoane, etc.

Co achegamento da Federación ás teses do Partido Comunista de España, Bieito comeza a ter certas diferencias, fundamentalmente polo abandono desta entidade do seu espírito galeguista. Esta situación fai que os sectores nacionalistas da Federación potencien -coa suxerencia de Castelao- a fundación de entidades provinciais. É así como nace o Centro Lucense, Coruñés, Pontevedrés e ourensan.

Castelao en Bos Aires impulsa a fundación da Irmandade Galega, entidade esta que supliu ao Partido Galeguista. O político de Rianxo pensaba que ao non haber democracia en Galiza, era inútil manter a un partido político, xa que para a súa opinión os partidos teñen razón de ser cando hai posibilidades de participar dos procesos electorais. Por ese motivo funda as Irmandades, como instrumento unitario de todos os patriotas galeguistas sen distinción de ideoloxías. Bieito foi a partir de 1947 un dos máis entusiastas asociados a esta influinte entidade patriótica. Unha das primeiras tarefas de Cupeiro nol nacionalismo foi fundar en 1953 xunto con Neira Vilas e Manuel Pedreira, as Mocedades Galeguistas.

Durante a súa longa traxectoria nas institucións da colectividade foi Presidente da Irmandade Galega de Bos Aires, directivo do Centro Coruñés, do Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego. Tamén integrou a Intersocietaria de Institucións Galegas e o Consello de Galiza. En xornalismo foi director da Revista "Orzán" e dirixiu durante moito tempo "A Nosa Terra", xornal que expresaba as ideas das Irmandades. Incursionou tamén na literatura escribindo "Xornes" (1987) un libro que relata aspectos da vida da súa aldea. En 1989 edita o seu libro "A Galiza de Alem Mar", un libro de carácter histórico que relata os acontecementos máis destacados da emigración galega na Arxentina deste século.

O escritor Xosé Neira Vilas no seu libro "Memoria da Emigración" aporta algunhas pinceladas da súa personalidad, recordando a súa etapa nas Mocedades: "A súa palabra resultaba para nós (arelantes de todo saber que tivese relación con Galicia), moi estimulante, entrañable, esclarecedora. Os sábados pola tarde, no Centro Coruñés, no Ourensán, e máis frecuentemente no Betanzos, celebrabamos os nosos ateneos ou reunións de estudio. Cupeiro era o noso guía. Aspectos económicos, históricos, etc. de Galicia eran debatidos entre nós neses encontros sabatinos, con frecuencia a partir de capítulos de `Sempre en Galiza´.

Andaba decote moi atildado. Usaba gravata, camisa branca e xeneralmente unha chaqueta de cor verdosa, que lle acaía ben ao seu cabelo rotundamente loiro (dun celta das mariñas, deciamos nós) Camiñaba lixeiro, ríase con amplitude cando era de rir, e procuraba utilizar o máis posible aquel brazo que lle quedara afectado pola poliomielite cando era neno. Para nós resultaba moi agradable a súa presencia, e insustuible o seu maxisterio."

Bieito Cupeiro foi nas décadas do sesenta ata o ochenta un dos máis activos dirixentes da colectividade galega. Impartiu duceas de conferencias, cursos de historia e literatura galega etc.

Quen lles escribe esta pequena semblanza mantivo con Cupeiro unha entrañable relación. A mediados dos anos setenta escoiteino por vez primeira dando unha conferencia sobre Leiras Pulpeiro. Foi maxistral. Despois fomos coincidindo nas distintas actividades culturais do Centro Galego. Pouco a pouco naceu entre el e un grupo de rapaces galeguistas do que eu participaba, unha mútua simpatía. Malia a grande diferencia de idade.

A última vez que o vin en Bos Aires foi en 1992 saíamos dun acto do Centro Galego e levámolo co coche de Paco Lores ata a súa casa. No camiño faloume do seu segundo libro e dos seus plans de viaxar a Galiza. Ao pouco tempo, estando residindo en Vigo, chégame a nova da súa morte, foi un día frío de xuño de 1993. A colectividade perdera un dos seus mellores fillos. Un verdadeiro mestre da palabra. Un patriota cabal.

En 1994 o Concello de Fene encabezado polo seu alcalde Xosé María Ribera Arnoso, inaugura un fermoso paseo marítimo que leva o nome do noso biografiado,o que une o seu Barallobre natal con Maniños. Naquela oportunidade o profesor Adolfo Lozano Bravo sinalou: "Bieito Cupeiro foi un patriota. A súa actitude non tivo estridencias. E na súa prédica educativa, fixoa humildemente:. Fervorosamente. Usando as palabras e os xestos dun xeito sinxelo: chamandolle auga á auga e terra á terra. Semella doada, pero moi difícil dar a cada cosa o seu nome".

O presidente da CIG, Manuel Mera, quen foi compañeiro de militancia de Cupeiro na comisión directiva da Irmandade Galega relatábanos: "Lémbroo con moita admiración. Era unha persoa que expresaba o nacionalismo de esquerda, as súas ideas eran socialistas. Tanto Moisés Dapresa como Cupeiro expresaban ao sector máis progresista do galeguismo daqueles anos".

Lois Pérez Leira

 
         
     
Bieito Cupeiro Vázquez.
 
Despedida de solteiro deBieito Cupeiro.
 
Integrantes da Irmandade Galega durante unha actividade cultural.
 
Capa do libro "A Galiza de Alen Mar" de Bieito Cupeiro Vázquez.
 
Bieito Cupeiro nunha conferencia no Centro Galego de Bos Aires.