Personaxes da emigración

 

RAMON DE LA SAGRA: FILÓSOFO SOCIAL

Ramón de la Sagra Périz naceu na Rúa de San Nicolás, 17, da Coruña, un 8 de abril de 1798. O seu pai, Lorenzo Martínez Sagra era de familia oriunda de Xaén, mentres que a súa nai, Antonia Rodríguez Péris era galega. A familia De la Sagra Péris tivo cinco fillos, sendo Ramón o último deles. Os pais eran comerciantes moi vencellados ás actividades do Consulado, os cales tiñan algunhas propiedades no Virreinato do Río da Prata.

Durante a súa nenez estudiou no Colexio de San Agustín, moi perto do seu domicilio. Posteriormente estudiou na Escola de Náutica da Coruña, para logo ingresar no exército. Foi así como ingresou na Academia de Cadetes de Fonseca, en Santiago de Compostela.

En 1815 foi alumno do Real Colexio de Farmacia de San Carlos e no curso 1816-1817 estudiou a asignatura de Matemáticas Sublimes, que impartía como substituto Domingo Fontán, máis adiante o célebre autor da "Carta Xeométrica de Galiza" (1834). As ideas liberais de Ramón, sendo estudiante, valéronlle a persecución e o cárcere por parte da Inquisición, que aínda por aqueles anos seguía exercendo o control moral e político da sociedade. Seguramente por mor das persecucións mencionadas, en 1819 De la Sagra encóntrase en Madrid. Un ano despois fundou con dous amigos o xornal denominado enfaticamente "El Conservador", título de carácter provocador, xa que o contido do xornal era extremadamente liberal. En 1819 De la Sagra foi o primeiro no estado español que deu en coñecer, o pensamento do famoso filósofo Kant.

En 1821 Ramón de la Sagra viaxou a Cuba, por vez primeira, acompañando a un parente lonxano, Agustín Rodríguez, que fora destinado á illa ao fronte dunha nova factoría de tabaco, que quere instalar o goberno español. Antes de chegar á Habana, pasou por Francia para estudiar en Burdeos e en Tolosa, os procedementos de fabricación do rapé e do picado para cigarros. En Burdeos embarcou para a Habana, chegando a Cuba a principios de 1821. Sagra traballou na cidade de Matanzas e na capital da illa. Cando o goberno abandoou o proxecto, Sagra voltou para ao estado español.

O 25 de xuño de 1823, á unha e media da tarde, Sagra partiu da Coruña, novamente rumbo á Habana no barco "La Activa". Nesta oportunidade acompañouno a súa muller, Manuela Turnes del Río Maldonado, coa que casara o ano anterior.

Ramón de la Sagra pasou en Cuba doce años dedicados ás ciencias naturais. Durante este tempo ocupou o cargo de profesor de Botánica na Escola Agrícola e de Director do Xardín Botánico da Habana. Nesta etapa comezou o que el mesmo chamou a "Serie Científica" das súas obras. Son anos que se dedica aos temas relacionados ás ciencias naturais, entre as que destaca a "Historia económica - política y estadística de la isla de Cuba". Durante esta etapa cubana, nomeárono membro de grande cantidade de Academias e Sociedades de todo o mundo. Mália o seu labor científico, tivo ocasión de escribir sobre problemas sociais, como a escravitude ou mesmo a impresión sobre a súa visita aos cárceres dos Estados Unidos, onde ficou sumamente preocupado pola grande cantidade de presos de raza negra. En Cuba coñece as ideas do Barón de Colins, pensador belga exiliado na illa. As ideas do "Socialismo racional" de Colins foron durante bastantes anos a primeira inspiración das obras de Ramón de la Sagra.

Antes de rematar a súa etapa cubana, o 1 de setembro de 1834, escribiulle ao seu irmán Joaquín, quen emigrara a Montevideo, converténdose alí nunha das figuras máis destacadas da loita pola independencia uruguaia. Na carta facíalle un balance do seu paso por Cuba e contáballe os seus futuros plans: "...A miña vida na illa de Cuba, desde o ano 1823, foi enteiramente consagrada aos asuntos públicos, dos cales os escritos que che envío daránche unha lixeira idea. Se desexas saber algo do estado da miña fortuna, tamén ellos chee farán coñecer que as ciencias non son boa senda para enriquecerse; nembargante vivin e subsisto coa comodidade, e a miña ambición limítase a goces morais... Despois de once años de mansión nesta Antilla, penso regresar a Europa, a ordear e publicar os materiais que reunin, a observar e estudiar moitas cousas que necesito saber, para fixarme na miña casa patria dentro de tres ou catro anos, ou sexa aos corenta de idade. As ciencias naturais cautivan toda a miña afeición, mais varias causas me precisaron a traballar na carreira administrativa, e tal vez as circunstancias da España faránme preferir, como un servicio patriótico, o consagrarme á segunda e continuar cultivando as primeiras, como obxecto da miña máis clara predilección".

En 1837 De la Sagra regresou a estado español despois de producirse a revolución liberal. Desde a súa chegada ata 1842, colaborou co Goberno Constitucional, en temas vencellados á agricultura e a industria. A partir de 1843, De la Sagra comezou a radicalizar o seu discurso achegándose a posturas anarquistas dentro do que foi o pensamento utópico pre-marxista. As opinións deste filosofo atoparon eco en Francia, sen embargo no estado español non encontraron o eco necesario. Sólmente na súa terra galega atopou o entusiasmo dun grupo de intelectuais que anos despois marcaron para sempre a historia de Galiza. A escritora Ascensión Cambrón Infante na súa tese doutoral baseada no pensamento político de La Sagra, dixo da súa influencia nos líderes da revolución de 1846: "Os mozos nacionalistas tomaron das doutrinas de La Sagra os aspectos máis revolucionarios. ¡A intelixencia emancipouse, viva a liberdade, abaixo as cadeas!. Estes rapaces entre 1845 e 1846 impulsaron a <anarquía literaria>, sinónimo de anarquía social que La Sagra tamén defendía e que ia unida necesariamente á implantación do liberalismo económico. Este é o fío conductor que fixo posible a converxencia dos mozos composteláns cos liberais galegos.

La Sagra, que residía temporalmente en Madrid, onde colaboraba na prensa, tamén coincide con outros xóvenes galegos que escriben en El Corresponsal (1839-1841) con Manuel Cociña, en El Clamor Publico (1846-1858), con José Puente Brañas, Antolin Faraldo, Antonio Romero, Ramón Rúa Figueroa y Losada".

De la Sagra como vemos tivo unha estreita relación coa xeración de Antolin Faraldo, a tal punto que foi colaborador do emblemático xornal "El Porvenir" de Santiago, desde febreiro ata agosto de 1845. O escritor Carlos Penelas no seu recente libro Os Galegos Anarquistas na Axentina, comenta tamén a relación de La Sagra co grupo revolucionario de Antolin Faraldo: "Cóntanos unha vez máis Federica Montsney que as ideas anarquistas formuladas nas obras de Proudhon traducidas por Pi y Margall, aparecen xa en España nun primeiro período anarquista en 1845: "El Porvenir", que editara Ramón de la Sagra Peris e Antolin Faraldo. Como dixemos anteriormente este periódico apareceu en Santiago de Compostela. Ramón de la Sagra dinos -Federica- foi o seu redactor principal e é o primeiro anarquista que houbo en España".

O 11 de abril de 1845 La Sagra envioulle unha carta aos redactores de "El Porvenir" na cal di nalgúns parágrafos: "Aplaudin a resolución dos mozos, editores do Porvenir, pola súa franqueza e ousadía en enarborar unha bandeira que eu considero fiel expresión do carácter e das tendencias da época, que son anarquistas e non poden deixjar de selo..."

É importante salientar que o historiador George Woodcook di na Enciclopedia Británica que o "Porvenir" de Santiago, foi o primeiro xornal anarquista do mundo.

A década do corenta estará marcada en Galiza por distintos movementos de carácter liberal. En 1843 realizouse en Lugo a Asemblea Federal, onde Antolin Faraldo presentou unha moción para declarar a Galiza independente. Por tan só un voto de diferencia esta proposta non se fixo realidade. Anos despois en 1846 produciuse a Revolución Galega, onde o propio discípulo de La Sagra, Antolín Faraldo xogou un papel moi destacado, sendo elexido secretario da Xunta Superior de Galiza, sendo o redactor da proclama revolucionaria. Coa derrota dos revolucionarios, que remata cos fusilamentos de Carril, toda esta camada de rapaces influenciados por La Sagra tiveron que exiliarse en Portugal.

O polifacético La Sagra foi deputado ás Cortes polos sectores liberais en 1838, 1840 e 1854. Entre os temas máis importantes que levouno ao Parlamento foi en relación á situación dos emigrantes en Cuba, sobre a descentralización dos concellos e un novo imposto para gravar a transmisión de herdanzas.

Ramón de la Sagra convinou o seu labor político cunha activa participación na masonería galega. Tanto en Santiago, Madrid ou La Habana, tivo a Ramón nas súas xuntanzas regulares. Esta vocación pola masonería herdouna do seu irmán maior radicado en Uruguai, quen se convirteu nunha das figuras máis destacadas dese país americano.

En 1856 abandoou o escano de deputado e marchou a París. Nesta cidade nomeáronno Cénsul de Uruguai en Francia. As ideas do Socialismo Utópico comezaron entrar en decadencia. O propio Marx e Engels criticaron duramente as concepcións destes pensadores utópicos. Co paso do tempo La Sagra foi modificando a súa ideoloxía ácrata-liberal para irse inclinando a posicións máis conservadoras. Este cambio político trouxolle criticas dos seus antigos seguidores e dos pensadores da época. O 14 de xuño de 1867 morreu en París a súa muller, víctima dunha enfermidade, dixo concisamente La Sagra, que é "case sempre incurable".

O escritor Luis González Guitían no seu libro "Ramón de la Sagra: Utopía y Reforma penitenciaria", relata os últimos momentos da vida do biografiado: "Nos últimos días de agosto de 1870 Sagra abandoa precipitadamente París, ante as novas que chegaban á capital francesa sobre o irrefreable avance das tropas prusianas de Moltke, e toma o camiño Suiza. En Vevey, á beira da Lagoa Lemán, verao Fermín Canellas, Rector honorario da Universidade de Uvieu, no seu fugaz encontro que nos transmitiu Salillas. Pero a última residencia de Ramón de la Sagra non será neste Cantón de Vaud, se non no veciño Neuchatel. O 18 de febreiro de 1871, encontrándose enfermo, redacta o seu testamento; todos os seus bens, que quedaron en París, serán para dúass criadas que alí o atendían. En canto ao seu enterramento, dispon que sexa o máis sinxelo e o menos caro posible..."

Ramón de la Sagra viviu os últimos días da súa vida en Cortaillod, pequeno pobo situado a varios quilómetros da cidade de Neuchatel. Desde a súa casa (que pertencía a Adolphe Hugentobler, discípulo das ideas de Colins en Suiza) permitíase ver unha espectacular vista da lagoa Neuchatel.

O 25 de maio de 1871 á unha e trinta da mañá morreu Ramón de la Sagra. Coa súa morte poníase a fin a unha das máis importantes figuras de Galiza e do estado español do século XIX.

Lois Pérez Leira

         
     
Ramón de la Sagra
 
 
Pasaxeiros cara América na cuberta dun barco século XVIII.
 
"El Socialismo racional" de Ramón de la Sagra.