Personaxes da emigración

 

Joaquina Dorado

O 25 de xuño de 1917 naceu Joaquina Dorado, no barrio de mariñeiros de Santa Lucía, A Coruña. Os seus pais eran dous humildes traballadores que lle deron unha educación baseada na solidariedade cos máis desprotexidos. Joaquina críase vendo como a desgracia chega regularmente ós fogares dos mariñeiros. Para algúns tratábase dun castigo irremediable, nembargantes para Joaquina a pobreza propia e a dos seus irmáns de desgracia, era un mal que tiña solución.

Joaquina era de corpo menudo, loira, con grandes ollos azuis, intelixente, chea de vida. A escritora Lola Iturbe no seu libro "La Mujer en la Lucha Social" coméntanos sobre Joaquina: "Fala despacio, cunha voz algo opaca, pero harmoniosa. Polo que nos relata, na súa nenez era xa moi sensibel á desgracia allea. Como Luisa Michel, xa de nena, sufría ó ver ós fillos dos mariñeiros, descalzos, medios espidos, desnutridos, corricando polas rúas do barrio. E Joaquina, nena como eles, dáballes a súa merenda e corría a casa a pedir outra e voltaba a repetir o ofrecemento.

Preto do porto de A Coruña había unha zona moi arriscada na que sucederan varios naufraxios de barcos pesqueiros. Cando Joaquina oía o lúgubre ronquido das sireas dos barcos que anunciaban que sucedera unha catástrofe no mar, saía a rúa e ó ver o pranto das mulleres dos náufragos, o seu corazón tremía de dor e a súa xove intelixencia trataba xa de comprender a traxedia daqueles seres sometidos a un traballo duro, perigroso e mal retribuído que lles obrigaba a vivir miserentamente e perder a vida con bastante frecuencia".

Joaquina pasa a súa adolescencia nunha Coruña onde o republicanismo e o anarquismo ten unha forte implantación. A xove Joaquina vive de preto a caída da Monarquía e a implantación da Segunda República. Un sen fin de actos e manifestacións de socialistas, republicanos, galeguistas e anarquistas, danlle un toque reivindicativo á cidade herculina. En 1934, despois da revolución asturiana de outubro, os seus pais deciden emigrar con toda a familia a Barcelona. Joaquina ten daquela 17 anos. Ten que escomenzar unha nova vida. A súa formación era a elemental, ten tan só os estudios básicos. Os seus pais non podían seguir manténdolle o aprendizaxe, e decide facer tapicería, por a súa conta.

Barcelona por aqueles anos estaba convulsionada, os nacionalistas de Esquerda Republicana declararan o Estado Catalán, no marco dunha República Federal. A C.N.T. era a central obreira máis importante e radical, mentras os comunistas e o P.O.U.M. competían polo espacio marxista.

Joaquina Dorado consciente do seu papel como traballadora decide afiliarse á C.N.T. É así como se presenta nos locais do Sindicato da Madeira e Decoración que tiña a súa sede na rúa do Rosa, en Pueblo Seco e afíliase a este sindicato.

Co golpe de estado do 19 de xullo de 1936, Joaquina como todos os militantes da C.N.T. e as F.A.I. toman parte activa da loita contra o fascismo. Sen dubidalo alístase para combatir co fusil na man. O seu primeiro combate realízao na toma do cuartel de Atarazanas e posteriormente na ocupación do castelo de Montjuich. Dominada a insurrección militar en Barcelona, formou parte do Comité de Defensa do Centro, que se instalou no que foi o famoso cabaret Mouling Rouge. Este Comité adicouse a reunir e canalizar ós soldados que abandonaran as súas unidades e querían ir voluntariamente a combatir. A súa incorporación á C.N.T. introdúcea de cheo na ideoloxía anarquista. Súmase ás Juventudes Libertarias de Pueblo Seco, que tiñan o seu local na rúa Cabañas, nº 33 de Barcelona. A C.N.T. e as F.A.I., o seu brazo político, contarán a partir dese momento cunha militante abnegada, capaz de facer todos os sacrificios pola causa obreira e revolucionaria.

Os anarquistas cataláns mentras combaten na fronte contra o inimigo, na retagarda intentan por en práctica os seus ideais libertarios. É así que principian a por en práctica as colectivizacións de determinadas industrias. Unha das primeiras foi a da madeira, realizada polo sindicato do mesmo nome. Manuel Hernández o que era por aquel entón o seu máximo dirixente, ó ver en Joaquina unha muller seria, responsabel e intelixente, nomeouna a súa secretaria administrativa. Secundados por un técnico realizaron estudios de planificación da industria da madeira.

Coa mobilización de todos os homes válidos para a fronte de batalla, Manuel Hernández foi mobilizado, e Joaquina reemplázao no cargo de secretario do "Consejo Económico de la Industria de la Madera Socializada". A sinatura dela era necesaria para toda clase de transaccións de orde económico e financieiro.

A Federación das Industrias Socializadas da Construcción, Madeira e Decoración, publicou un periódico mural, que dirixiu Joaquina, así como diversos folletos. Tamén colaborou nun semanario do que era director Felipe Aláiz.

Conmovida pola prolongación da guerra, Joaquina presentou unha instancia para estudios e por prácticas de piloto de caza. Os gastos que elo ocasionara custearíaos o Sindicato da Madeira. A súa oferta foi rechazada, coa doutros compoñentes todos da C.N.T.. Según declarou a propia Joaquina queixándose, que estos postos estaban reservados para os incondicionais de Moscú.

Nos feitos de maio de 1937, forma parte do grupo "Luz y Cultura", intervindo na loita nos arredores da Telefónica, onde se producen enfrentamentos moi violentos entre anarquistas e comunistas.

A guerra estaba a punto de rematar, os avións franquistas bombardeaban Barcelona. Joaquina resistíase a perder a contenda. Mentras as tropas de Franco chegaban, Joaquina saía nun camión militar cara ó exilio. En Francia foi internada nun refuxio situado no departamento de Hautes Alpes. Os primeiros días foron moi duros, os franceses tratáranos moi mal. O frío e a fame facían estragos entre os refuxiados extenuados por tantos padecementos. Ó pouco tempo conquire escapar cun grupo de compañeiros e trasládase a Montpellier, onde se refuxia na casa do destacado escritor e anarquista Paul Reclus. Posteriormente chega a Toulouse onde comenza a reorganizar o sindicato no exilio.

O seu traballo era paciente e titánico, a súa misión era contactar cos afiliados dispersos e pouco a pouco estructuralos orgánicamente. A pesar da importancia da súa militancia, Joaquina pensa que o seu deber é ir a pelexar dentro de España. En 1946 incorporouse ó grupo "Tres de Mayo", ó cal perteceron entre outros, os destacados anarquistas, Liberto Sarrau, o galego Raúl Carballeira e Francisco Martínez. O grupo pasou a fronteira clandestinamente realizando distintas actividades conspirativas, moitas das cais cobráronse a vida destos loitadores.

O 24 de febreiro de 1948 foi detida en Barcelona e encadeada na prisión das Crts. Nesta cadea atopouse con outras libertarias, Montserrat Elías, Pepita Subirats, Francisca Abellanet, Esperanza Moreno, Enriqueta Milá e María Pujarols, todas elas condeadas a morte e máis tarde conmutadas por largas condeas. Os seus longos anos na cadea, marcarana para sempre. As condicións inhumanas, a má alimentación e o frío, afectaron a súa saúde. Joaquina durante o seu encarceramento encabezou innumerables protestas e folgas de fame que acabaron con fortes castigos. Ó sair da cadea aparécelle unha tuberculose que a obriga a ser intervida quirúrxicamente no Hospital Clínico. Cáseque moribunda, trasládana á vivenda dunha amiga. Nesta casa recibiu asistencia do sabio profesor naturista Ferrándiz, o que a salva dunha morte segura.

Joaquina logra recuperarse e trasládase novamente a Francia, alí traballa de cortadora de artigos de pel e na confección de calzado pra señoras. Nos anos 70 instálase en París onde se xubila e conquire unha pensión de invalidez total, pois os seus riñóns estaban moi afectados pola súa enfermidade.

Lola Iturbe, a que lle realizou unha entrevista en París, dirá do seu encontro con Joaquina : "Cando se sentou pra darme detalles da súa vida e da súa actuación, tiña ante min unha muller de aspecto xuvenil, coas meixelas sonrosadas e os ollos iluminados. Despois dunha larga charla transfórmase. Os ollos agrandáronselle e teñen ó seu arredor un círculo violáceo moi acentuado. Toda a súa cara mostra o sufrimento ó evocar as lembranzas do pasado: a morte dos seus compañeiros de loita; o rostro martirizado de Carmen Royes que mirara recentemente. Tamén atormenta a Joaquina as lembranzas dos seus pais que ela sostivo económicamente durante 19 anos e que morreran recentemente.

Joaquina Dorado deixa tras de sí un pasado heroico. É unha muller que conquire adquirir moita cultura e escribe moi ben. Dorida, pero non vencida. Nos seus ollos, cheos de tenrura, brila de vez en cando unha chispa de enerxía que a fai fruncir lixeiramente a fronte e acusa unha gran firmeza de carácter. Sobre todo quere que conste neste recordatorio que sigue firme nas súas conviccións, que non perdeu o entusiasmo polos ideais libertarios e que, pese ó seu delicado estado de saúde, está disposta a realizar todos os sacrificios e esforzos que sexan necesarios para propagar e defender esos ideais".

Lois Pérez Leira

 
Joaquina Dorado co seu compañeiro Liberto Sarrau. Andorra 1958.
 
 
Joaquina Dorado a cuarta de esquerda a dereita na foto de pé, cunhas amigas da cárcere.
 
Liberto Sarrau, en prisión ano 1955.
 
De pé Colette Durruti, Joaquina Dorado e Liberto Sarrau, sentados de esquerda a dereita Emilienne Morin, Rosa Durruti e Ricardo Sanz.
París 1979.
 
Joaquina Dorado ano 2002.