Personaxes da emigración
 

 

José Echeverría Novoa

Pontevedra, Panamá, Cuba, Miami 1984

O primeiro lehendakari de Euskadi puido ser José Echeverría Novoa e non José Antonio Agirre. Echeverría Novoa, pontevedrés descendente de emigrantes vascos de Iparralde en Pontevedra, era membro de Izquierda Republicana e o gobernador civil máis novo unha vez caída a monarquía de Afonso XIII. Chega a Bilbao en xuño de 1936. A súa tarefa principal como gobernador civil de Biscaia, nese momento, era descubrir a trama militar que ameazaba cun golpe de Estado á democracia. Desartella e dá a baixa a moitos militares implicados antes do golpe de Estado.

Despois da insurrección fascista, neutraliza os elementos non descubertos, dá armas ao pobo e organiza as primeiras columnas da resistencia.

O antecedente do Goberno Vasco de Agirre atopámolo nas Xuntas de Defensa de Guipúscoa do 20 de xullo de 1936, no Comisariado de Defensa da República en Biscaia do 23 de xullo e na posterior constitución da Xunta de Defensa de Biscaia o 12 de agosto que presidía José Echeverría. Esta Xunta de Defensa estaba integrada por varios partidos, Izquierda Republicana, PSOE, Partido Comunista de Euskadi (EPK), Unión Republicana, PNV, CNT, e polos sindicatos STV e UGT.

O 9 de setembro Echeverría dita unha orde segundo a cal o único organismo director da defensa de Euskadi é a Xunta e o gobernador que a preside. Todos deben obedecerlle e todos son (somos, segundo o texto) “soldados rasos, mudos, disciplinados e austeros”.

Os nacionalistas vascos loitaban tamén por algo superior á Xunta: un Goberno dos vascos para Euskadi. O propio Agirre condicionara a súa entrada no Goberno republicano como ministro de Obras Públicas á concesión do Estatuto Vasco e á formación do Goberno de Euskadi, solicitudes, ambas, rexeitadas polos republicanos españois de Madrid.

Manuel de Irujo presenta ante a Xunta de Defensa de Biscaia a situación de Guipúscoa (a piques de perderse e derrotados moralmente), situación que determina que a Xunta de Defensa de Guipúscoa pida a Bilbao que se constitúa en Goberno de Euskadi.
A proposta de Irujo non ten oposición e é apoiada mesmo polo gobernador civil José Echeverría Novoa.

Echeverria lehendakari?

Foi Echeverría quen contaría anos despois que José Antonio Agirre o visitara para lle propor a presidencia dese goberno autónomo. Echeverría rexeita o cargo por non ser vasco e porque entendía que unha medida así sería aproveitada polo inimigo para desmoralizar os vascos.

Así, un 5 de outubro de 1936 é aprobado nas Cortes españolas o Estatuto e Echevarría Novoa asina a convocatoria para a elección de presidente provisional de Euskadi, eleccións ás que se presentaron só dous candidatos: José Antonio Agirre, apoiado pola Frente Popular e o PNV e Ramón Madariaga.

A asunción de Agirre deixaba sen cargo os gobernadores, Echeverría entre eles. Na Casa de Xuntas de Gernika xura o cargo. Echeverría leu un discurso no cal dixo que a única ambición da súa vida política consistira en que Galiza fose libre e a súa personalidade claramente definida e recoñecida. Pediulles aos que escoitaban fe cega nos poderes constituídos.

Agirre xurou ante a Árbore de Gernika, quedando así como a primeiro presidente da historia de Euskadi e sancionou o cargo o mesmo Echeverría Novoa con estas palabras: “Neste intre, e baixo a Árbore de Gernika, entrego a autoridade do País Vasco ao seu lexítimo representante, don José Antonio de Agirre Lekube”.

Echeverría Novoa, motor e corazón da Comisaría de Defensa de Biscaia, conformada só por partidos de esquerda, e despois da Xunta de Defensa de Biscaia, na que obrigou a participación do Partido Nacionalista Vasco (“díxenlles que ou entraban na Xunta ou disolvería o seu partido; que nunha circunstancia como aquela non se podía ser ambiguo, nin nadar nin gardar a roupa” dixo o historiador Vicente Talón que lle contara o propio Echeverría), rematou a súa tarefa na historia coa constitución do primeiro Goberno Vasco.

Echevaría Novoa marcha despois en plena guerra cara a Valencia e Barcelona, exiliándose despois en Panamá, Cuba e Estados Unidos, país no que morreu esquecido.

Xurxo Martínez Crespo

 
Retrato de José Echeverría Novoa.
 
   
Casa de Xuntas de Gernika. Echeverria Novoa o primeiro pola dereita.
 
Co lehendakari nunha visita a fronte de guerra.
 
Echeverría Novoa e Agirre camiñando cara a Deputación de Bizkaia.