Personaxes da emigración
 

 

Luís Fernández

"Princesa de Borbón"

Luís Fernández naceu na Coruña durante os anos en que se proclamou a Primeira República. Por aqueles anos Pi yMargall falaba de federalismo mentres as ideas de Marx, Engels e Bakunin chegaban a Galiza. Organizábanse os primeiros sindicatos e as rúas da Coruña vían por primeira vez aos traballadores realizando folgas e manifestacións. A Coruña liberal e republicana fervía de anceios de cambios.

Luís Fernández era un mozo inquieto dunha aldea próxima á cidade herculina. Cando polo verán se realizaban as festas do lugar, soñaba con cantar melodías de moda, os cuplés, as habaneiras. E cando chegaban os entroidos encantáballe disfrazarse de muller coa roupa da súa nai. Luís aborrecía os traballos duros da súa aldea. Se fose por el deixaba esa aburrida vida en busca dunha cidade grande, onde puidera cantar, bailar ou ser un actor famoso. Soñaba con escenarios e teatros cheos de público.

Os seus amigos do lugar comezaron un a un a marcharse á emigración. A maioría elixían Cuba ou Arxentina. Luís, que tiña familia en Bos Aires, decídese por esta cidade.

Bos Aires era unha das capitais do mundo, Arxentina era un dos países máis ricos e a súa cidade a "Meca dos emigrantes". Chegaban barcos cargados de galegos, italianos, polacos, rusos, xudeos, etc. O porto de Bos Aires era un crisol de razas e linguas. Barcos que entraban cargados con seres humanos ilusionados coa "América" e que ao pouco tempo se daban conta que moitos foran enganados. A maioría deles tiñan que ir a vivir aos "conventillos", que eran vellas casonas de ricachóns que na época da febre amarela foron abandonados polos seus propietarios. Alí, amontoábanse centos de familias que tiñan unha pequena e mísera habitación e compartían os baños colectivos. Os gritos dos nenos, as pelexas e as melodías do tango a todo volume facía imposible a convivencia. Mais había que aguantar; era o que había mentres non se puideran aforrar uns pesiños e alugar algunha casa modesta.

Co nacemento do século a cidade medraba para unha banda e para outra. O crecemento da industria vai perfilando como contrapartida a creación dos sindicatos obreiros e as primeiras folgas importantes.

O "Eco de Galicia", fundado por Xosé María Cao convocaba aos galegos a formar o seu primeiro centro. Mentres todo isto acontecía Luís Fernández daba os seus primeiros pasos no mundo artístico. Comezou cantando, logo animouse a bailar no escenario. Deixou o convento e á súa familia e adicouse a escandalizar a un público dos baixos arrabaldes ou do porto, que buscaba alegría e sexo. A noite de Bos Aires estaba chea de mafiosos, de rufiáns e de mariñeiros en busca de aventuras fortes.

Os porteños daqueles anos que lle escapaban ao traballo duro intentaban converterse en "gigolós" ou planificaban algún timo que os puidese salvar para sempre.

Un dos ladróns máis coñecidos por aqueles anos era o galego Ríos Freire, que co seu lugartenente, tamén paisano e de apelido Ferrando, cometeron un sen fin de atracos que enchían as páxinas dos xornais da época. Un dos roubos máis importantes relátao o escritor José Lence: "Na profusa enramallada da delincuencia podemos ofrecer verdadeiros xenios do delito. O marabilloso asalto perpetrado hai poucos días contra un pagador da alfándega ás dúas da tarde no Paseo Colón, e a cen metros da Casa do Goberno, foi a obra do galego Ríos Freire, ao que toda a policía da Capital busca afanosamente sen o poder atrapar".

Xa a mediados do século pasado outro delincuente galego pasaría á historia arxentina como un dos gauchos máis bravos e sanguinario, foi o lexendario Juan Moreira nado na Pobra do Caramiñal. Juan Moreira foi inmortalizado na obra teatral que relata as súas andanzas, a cal deu comezo ao teatro popular arxentino.

O destacado sociólogo Julio Mafud realizou unha detallada descrición dos ambientes marxinais de principios de século no seu libro "La vida obrera argentina"; nel relátanos como era o negocio da prostitución e o mundo que a rodeaba: "A outra vida, chea de perigos e acontecementos, xiraba sobre a prostitución: a mala vida. De 1890 a 1930 a prostitución en Bos Aires e no país conformou unha rede cunhas mallas que chegaban e penetraban en todos os intersticios da vida urbana. As autoridades policiais, municipais e ata nacionais estaban complicadas na tolerancia e na explotación humana. Bos Aires nesa época convértese "no grande mercado mundial de trata de brancas". No "Informe de 1923 do Comité Internacional contra a Trata de Blancas", dependente da Liga das Nacións, a República Arxentina figuraba en primeiro lugar dentro do mercado mundial de tratantes de brancas. Aquí actuaban as organizacións máis importantes do mundo: "Zwi Midgal", composta por 500 caften socios con 2.000 prostíbulos que cubría o país, un beneficio de 216 millóns de pesos e a posesión dun banco propio para os seus depósitos. Neste mundo de prostíbulos e cabarés movíase Luís Fernández, mentres os donos das noites de Bos Aires o alcumaron a "Princesa de Borbón". Co transcorrer dos anos o que ao principio eran algúns modais femininos, no intre de maior fama era xa a súa personalidade a dunha auténtica muller que impactaba no escenario polas súas actuacións atrevidas. Ao longo da súa vida musical percorreu os distintos escenarios das grandes capitais do cono sur. Os que a coñeceron relatan que unha desas xiras realizouna cun mulato bailarín co cal mantivo un apaixonado romance.

A súa fama de homosexual transformista, os seus escándalos públicos e algunha que outra actividade delictiva convertérono nun personaxe público que en moitas oportunidades ocupou espacios nos medios de comunicación. "A Princesa de Borbón" seguramente foi o primeiro homosexual que se animou publicamente a actuar como un travestí.

A fama da "Princesa de Borbón" foi tan importante que os propios médicos citan o seu caso de homosexualidade nun coñecido libro de medicina. O escritor arxentino galego Antonio Pérez Prado fai referencia no libro "Los Gallegos y Buenos Aires" a este tema: "Tiña o galego en xaque ás autoridades porteñas e tiña, debo informar a vostedes, certas inclinacións homosexuais que o levaron ao alcume que identificaba a súa equívoca persoa: `A Princesa de Borbón´. Hoxe a súa figura delicada está na memoria de todos os médicos arxentinos; no seu libro de "Medicina Legal de Ricardo Rojas", polo que estudiaron miles de galegos locais, o único pederasta que mereceu reproducción fotográfica é A Princesa de Borbón".

Máis dunha vez foi parar á comisaría, onde, despois de recibir a correspondente "biaba", era posto en liberdade. Así pasou cáseque toda a vida ata que a idade foino arredando da noite, e a pobreza foino acurrunchando ata vivir nunha vila de emerxencia (barrio de chabolas), antes de se retirar, segundo conta Gonzalo Allegue no seu libro "Galegos: As mans de América". Un día, cansa de desabrochar petrinas de botóns de raso verde e de felacións nas que a súa boca era "gruta santa frunxida", a Princesa quixo ser pensionista e retirarse. Nunha cafetería de Bos Aires, sobre o velador de mármore, escribiu unha conmovedora petición ao Congreso Arxentino: "Señores Deputados, Pais da Patria: A que suscribe, inconsolable viúva dun heroico militar porteño morto na guerra do Paraguai, defendendo o pan e as ideas...".

A carta de petición da pobre viúva tratouse no Congreso canto máis que viña avalada por toda unha documentación asinada polo presidente da República, Sáenz Peña. (Entre outras cousas á Princesa non lle custaba nada falsificar, era grande caligrafista).

Faltou pouco para embaucar aos pais da Patria. Mais alguén deu o cante: a viúva non existía, era a última estafa do travestido español, Luís Fernández, famoso cliente de paradeiros e amoblados".

Luís Fernández ou a Princesa de Borbón faleceu na máis profunda pobreza nos anos trinta, cando o tango se convertía no baile de moda de todo o mundo.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Luís Fernández "Princesa de Borbón".
 
Publicidade da época. Bos Aires
 
Foto dun bodegón de Bos Aires. Foto Copola
 
Foto dun teatro de Bos Aires. Foto Copola ano 1920.