Personaxes da emigración
 

 

FUCO GÓMEZ: UN INDEPENDENTISTA NA HABANA

Fuco Gómez naceu o 9 de xullo de 1895 en Ouselle, Becerreá (Lugo), e sendo case un neno partiu como polisón rumo á illa de Cuba.

Por aqueles anos Cuba posuía unha colónia galega moi grande. Os exiliados da Primeira República e a emigración de primeiros de século converteron este país nun dos destinos máis solicitados polos emigrantes. Pola illa pasaran Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Castro Chané, Nan de Allariz, Waldo Álvarez Ínsua, etc. Fuco Gómez, ávido de ter coñecimentos, princípia a sua formación autodidacta. A finais da primeira década do século, vinculou-se á colectividade galega, e participou das suas actividades. Logo comezou a escribir nos distintos xornais e revistas: “Galicia”, “Heraldo de Galicia” e “Ecos de Galicia”, entre outros, até que se converteu nun dos animadores máis activos da emigración.

Sendo moi novo foi presidente da Sociedade de Instrución de Becerreá e o seu Contorno, entidade desde a que desenvolveu un intenso labor cultural e patriótico.

Fuco Gómez tivo participación directa na constitución dos primeiros grupos nacionalistas criados en Cuba, á calor dos movimentos galeguistas que se xestaban en Galiza e no Rio da Plata. O poeta Julio Sigüenza será en 1917 un dos promotores da primeira Irmandade Galega da Habana. En 1919 fundou-se en Cuba o Partido Autonomista Galego. O 20 de xuño de 1920 constituíu-se a Xuntanza Nacionalista Galega da Habana, da que é elexido conselleiro primeiro Andrés Orjales e viceconselleiro segundo Fuco Gómez. O seu primeiro órgao xornalístico foi “Nós”, escrito en idioma galego, o cal saiu durante oito números.

En 1921 a Xuntanza Nacionalista editou, baixo a dirección de Fuco, o xornal “Tierra Gallega”. Ese mesmo ano fundou o Comité Revoluzonário Arredista Galego, de neto carácter independentista. Unha série de proclamas revolucionárias, chamando á independéncia da pátria galega, foi unha constante da sua actividade conspirativa. Fuco coidaba necesário derrotar a ditadura de Primo de Rivera e a monarquia, para declarar un estado galego próprio. Nas suas proclamas convocaba á constitución de Comités Arredistas Galegos nos distintos países onde houbese emigración. Con esta base organizativa, darian-se -segundo Fuco- as condicións para constituir un Governo Provisional de Galiza. Os comités eran células revolucionárias de carácter secreto. Os seus membros non podian ter menos de vinte anos de idade e estaban ligados a un xuramento de fidelidade. A ideoloxia destes comités era semellante á das sociedades secretas do nacionalismo irlandés nos EE.UU. Os cataláns nacionalistas residentes en Cuba e Bos Aires tiñan formas organizativas semellantes. Estas ideas independentistas-radicais foron expresadas nos mesmos anos pola Agrupación Cultural Galega “A Terra” e posteriormente pola “Pondal”, todas elas de Bos Aires.


O 16 de agosto de 1928 chegou a Cuba o líder dos nacionalistas cataláns Francesc Maciá. Os independentistas galegos, liderados por Fuco, ven no vello caudillo o líder que non tiña Galiza. Durante a sua visita Fuco entrevista-se con Maciá. Ambos os nacionalistas coinciden na necesidade de derrubar a ditadura de Primo de Rivera e declarar en cada nación ibérica un estado próprio. Segundo testemuñas presenciais, Fuco Gómez dixo-lle en público a Maciá: “Receba, don Francesc Maciá, esta forte aperta no nome da miña aldraxada Galiza...”. Os patriotas cataláns e galegos que os rodeaban interromperon con estrondosos aplausos e con vivas a “Galiza Independente” e a “Catalunya Llivre”.

Unha das anedotas máis famosas de Fuco -que contan os que o coñeceron- é en relación ao seu antiespañolismo. Cada vez que un paisano lle perguntaba: “Oe, Fuco: ¿cando embarcas para España?”, el sempre contestaba: “Un dos meus máis ardentes desexos non é ir a España, senón o de visitar Galiza”. Fuco Gómez cultivou, através da prensa nacionalista, unha chea de relacións internacionais con intelectuais simpatizantes da causa galega. Foi nomeado Académico Honoris Causa da Academia Universal de Humanidades de Bos Aires. Outra institución arxentina outorgou-lle un diploma coa máxima distinción de “Benemérito da Cultura” da Orde Beneméritos na Cultura da Publicación Artístico-Literária-Cultural “Tribuna de las Peñas” de Bos Aires. Foi tamén membro de Honra da Universidade Sintética Latina e Americana de San Salvador.

Desde decembro de 1941 e até 1960 apareceu a revista mensual “Patria Gallega”, dirixida por Fuco Gómez e de neto carácter nacionalista.

No seu longo historial como escritor podemos nomear algunhas das case cincuenta obras editadas: “Grafia Galega” (1927), “Naciones Ibéricas”, “Pastorelas”, “O idioma dos animás”, “La agonía de Iberia”, “Martí”, “Guía de Almas” e “Ensayos de Crítica e Historia de Galicia” (1961), “Galicia es Eterna” (inédita), “Patria Galega”, “Gramática Teórico-Praitico-Etimolóxico da Lingua Galega”, “Novísimo Dizionario Galego-Hespañol”, “Rioras e Gromas”, “A Preito da Lingua”, “Por Galicia y contra sus enemigos”. Un dos seus poemas, “Louco d´Amor”, foi seleccionado -segundo o escritor norteamericano Victor Stahal- pola revista “The Ajax” para ser traducido a vários idiomas, entre eles inglés, español, italiano, grego moderno, alemán, francés, portugués e catalán.

Alguns temas eran verdadeiras obsesións para Fuco Gómez. As suas preocupacións patrióticas e as suas opinións sobre filoloxia levaro-no a ser un persoeiro querido e polémico. Moitos tamén se foron distanciando do entorno polo seu carácter pouco conciliador. En política foi un independentista de esquerda. Foi un home de ideas socialistas moi influenciado polas correntes progresistas-liberais de primeiros de século. A sua devoción por figuras como Pi i Margall, Curros Enríquez, José Martí, San Martín, Sarmiento e Bernardino Rivadávia, todos eles masóns, e o seu vínculo con entidades vencelladas ao libre pensamento, indican-nos que Fuco Gómez estaba fortemente ligado á masoneria cubana, a cal contou en toda a sua história con destacados dirixentes da colectividade galega.

No seu ideal independentista formulaba conseguir a soberania total de Galiza para logo constituir entre estados libres unha confederación de repúblicas ibéricas e, finalmente, a unión de todos os povos libres do universo. Redactou un anteproxecto de Constitución para Galiza. Escrebeu as bases de princípios para unha Confederación das Repúblicas Ibéricas. Deseñou unha bandeira e un escudo para a República Galega. Tamén redactou un Hino Nazonal Galego, que comezaba con estas estrofas:

Ao combate nos chama, bos galegos,
A meiga Terra que nos viu nazer.
Nant’as suas aras nós tudos juremos
Venzer ufáns, ou groria morrer...

Coa instauración da Segunda República translada-se a Galiza, coa intención de participar activamente do proceso político. Intentou gañar adeptos para a declaración do Estado Galego, mais non tivo eco entre os membros do Partido Galeguista, os cais se declaraban tan só autonomistas. En 1931 hai un intento de declarar o Estado Galego, como o realizara -non habia moito- Maciá en Cataluña. Alguns emigrados da Arxentina encabezados por Campos Couceiro, integrante da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, aproveitan unha folga xeral en protesta pola suspensión das obras do camiño de ferro para declarar o “Estado Galego”. Os folguistas forman unha Xunta Revolucionária e nomean a Alonso Rios presidente desta, con sede en Santiago de Compostela. Comunistas e galeguistas da emigración serian os compoñentes máis activos da conspiración. Alonso Rios fixo chamamentos para “facer a revolución na rua” mentres Campos Couceiro chamaba a “recabar revolucionariamente, impetuosamente, a autonomia, como Catalunya ou Portugal”. Apesar das proclamas patrióticas e o clima favorábel, non atoparon o apoio necesário, e o recentemente elexido presidente tivo que restituir o poder ao Alcalde de Santiago de Compostela. Co fracaso desta intentona, Fuco Gómez afonda os seus fortes enfrentamentos cos galeguistas moderados, xa que para el estes non eran patriotas consecuentes. Fuco non cre na Segunda República. Pensa que cumpre realizar unha alianza de carácter revolucionário entre Galiza, Catalunya e Euscádi para lograr a independéncia das nacións ibéricas.

O escritor Xosé Neira Vilas dirá de Fuco Gómez: “Coñecino persoalmente cando cheguei a La Habana, en 1961. Visitábao seguido no seu fogar da rúa Plasencia. El non saía. Era asmático e por riba padecía o mal de Parkinson. Vivía rodeado de papeis, fardelos de papeis, moreas de apuntamentos sobre temas históricos, xeográficos e sobre todo lingüísticos, referidos a Galicia. Tiña verdadeira obsesión polos aspectos morfolóxicos, léxicos, ortográficos da nosa lingua. E de todo isto conversábamos horas enteiras. Amalia, a súa doce e dócil compañeira, coruñesa, miúda, calada, sempre vestida de negro, observábanos dende algún recanto, matinando seguramente que o seu marido non era o único tolo. Tiña mal xenio o meu amigo, e ás veces discutíamos, e Amalia achegábase conciliadora pero vía axiña que todo non era máis cunha pasaxeira treboada...”.

Fuco Gómez, o que fora un dos líderes máis radicais do independentismo galego, falecía na Habana o 9 de xaneiro de 1972 aos 77 anos de idade.

A sua clara conciéncia nacional e a súa insubornábel conduta patriótica teñen-lle reservado un lugar destacado na história de Galiza.

BIBLIOGRAFIA CONSULTADA:

Xosé Núñez Seixas
“O galeguismo en América 1879-1936”
Edicións do Castro
Galiza, 1992.

Xosé Núñez Seixas e Xusto Beramendi
“Historia do nacionalismo galego”
Edicións A Nosa Terra
Vigo, 1995.

Xosé Neira Vilas
“A prensa galega en Cuba”
Edicións do Castro
Galiza, 1985.

“A lingua galega en Cuba”
Consello da Cultura Galega
Santiago de Compostela, 1995.

Fuco Gómez
“Naciones Ibéricas”
Habana, 1931
“La actitud de los gallegos ante las necesidades de Galicia”
Becerreá, 1932
Revista “Nós” e “Patria Galega”
Editadas na Habana

Lois Pérez Leira

 
         
     
Fuco Gómez.
 
Banda creada por Fuco Gómez en Becerreá.
 
Bandeira deseñada por Fuco Gómez.
 
Fuco Gómez, Patria Galega.
 
La Habana, "Fillos de Becerreá e a súa comarca", nunha festa. Fuco Gómez presentando a insignia social e explicando o seu concepto da patria.
 
Libro de Fuco Gómez, "naciones Ibéricas".