Personaxes da emigración
 

 

Fernando Gómez de Saa, prócer galego do Mar na indepéndencia de Venezuela


Tenente de navío Fernando Gómez de Saa

Este ilustre Prócer da indepéndencia venezuelana naceu na poboación de Río Caribe, distrito Arismendi do estado Sucre. As suas orixes galegas remiten à nobreza gallega, sendo os seus avós maternos don Bernardo Bermúdez de Castro e Lovera e dona Casilda Gil da Coteja e Cornejo; neta do ferrolán don Antonio Bermúdez de Castro, Marques de San Tirso, e de dona Bernarda de Caamaño e Taboada Ulloa.

Os pais do tenente de navio Fernando Gómez de Saa foron Clemente Gómez de Saa e Bárbara Bermúdez de Castro e Gil. Entre os seus ascendentes están tamén Luis Gómez de Saa e Bermúdez de Castro e María Mónica da Tornera Sota, neta do coronel Juan da Tornera Sota, que foi governador do virreinato da Nova Andalucía.

O tenente de navío Fernando Gómez de Saa prestou os seus servizos dende o comezo da revolución emancipadora, emigrando en 1812 à illa de Trinidade, na que se uniría a outro descendente de galegos coma Santiago Mariño e a próceres coma Manuel Piar e José María Sucre.

En xaneiro de 1813 desembarcaron en Venezuela e para tal efecto xuntáranse na illa de Chacachacare, nunha propriedade de Concepción Mariño, irmá do coronel Santiago Mariño. Naquela xuntanza tomaran a decisión de reconquistar a pátria depois de levantar a seguinte Acta:

"Violada polo xefe español, D. Domingo de Monteverde, a capitulación que subscribiu co ilustre Miranda o 25 de xullo de 1812; e considerando que as garantías que se ofrecen naquel solemne tratado se converteron en cadafalsos, cárceres, persecucións e secuestros; que o mesmo xeneral Miranda foi víctima da perfidia do seu adversario; e, en fin, que a sociedade se acha ferida de morte, corenta e cinco emigrados reunímonos nesta quinta, ó abeiro da súa dona, a magnánima señora dona Concepción Mariño e, congregados en consello de familia, impulsados por un sentimento de fondo patriotismo, resolvemos marchar sobre Venezuela co obxecto de salvar esa patria querida da dependencia española e restituírlle a dignidade de nación que o tirano Monteverde e o seu "terremoto" lle arrebataron. Mutuamente empeñámo-la nosa palabra de cabaleiros de vencer ou morrer en tan gloriosa empresa; e deste compromiso poñemos a Deus e as nosas espadas por testemuñas. Nomeamos xefe supremo con plenitude de fecultades o coronel Santiago Mariño. -Chacachacare, 11 de xaneiro de 1813.

-O presidente da Xunta, Santiago Mariño. -O secretario, Francisco Azcué. -O secretario, José Francisco Bermúdez. -O secretario, Manuel Piar. -O secretario, Manuel Valdés".

Na tarde do dia seguinte sairon a bordo da goleta Carlota, comandada polo capitán Vedeau, sobre Cuaranta, nas imediacións de Güiria; mais o xefe realista álferez de navio Juan Gabasso estaba a espreita. Atacaron os expedicionários e tentaron desembarcar, porén xa non existia o factor sorpresa e se viron na necesidade de capear fronte à costa.

Ao amanecer do dia 13 foron os independentistas a ocupar a cidade de Güiria, facendo ondear, novamente a bandeira do novo Estado. Desembarcou o daquela coronel Mariño coas suas tropas para atacar por terra, mentres Piar e Bermúdez atacaban por mar. À vista do ataque combinado, no que tomou parte ativa Fernando Gómez de Saa, o álferez Gabasso resistiu, inda que foi derrotado en Irapa.

Ao saber da toma de Güiria, o coronel realista Francisco Javier Zerbéris se achegou até Cumaná e despois a Yaguaraparo, lugar no que se incorporou o alferez Gabasso. Seguiron até Irapa e atacaron aos republicanos, porén estes resistiron, regresando os españois, sen conseguir o seu obxectivo cara Yaguaraparo.

Alí fixeronse fortes e instauraron un réxime de terror e castigos, entre eles, debaixo dunha árbore de ‘totuma’ (especie de cabaza) flaxelaban e mataban a todo aquel republicano que caía nas suas mans, un deles foi o tamén independentista y descendente de galegos, comandante Bernardo Bermúdez de Castro.

Fernando Gómez de Saa incorporárase às tropas de Piar, que se apoderara de Maturín. De Cumaná e Barcelona sairon forzas españolas a reprimilo. Piar rechazou en Maturín os ataques dos españoles comandante Antonio Zuazola, José Francisco Bermúdez e do coronel Lorenzo Fernández de la Hoz, ataques que realizaron por separado e xuntos.

Ante estas derrotas, foi dende Caracas o governador e capitán xeneral de Venezuela, Domingo Monteverde. Embarcou en A Guaira e desembarcou en Barcelona con máis de 2.000 homes, catro veces máis que as de Piar en Maturín. Atacou Monteverde un 25 de maio, con tan boa sorte para los independentistas que en Cerro Colorado lograron desorganizar e desbaratar ás tropas españolas, fuxindo Monteverde para salvar a sua vida.
O 19 de agosto Piar atacou Barcelona para sorprender ao mariscal Juan Manuel de Cagigal, perseguindoo polo camiño do sul até o povo de San Mateo. Con el ía Fernando Gómez de Saa, que estivera toda a campaña às órdes de Piar. Gómez de Saa encheuse de glória o 27 de setembro en El Juncal, ao derrotar ao xeneral Morales. Máis tarde, perseguido polos españois, refuxiouse nas montañas até que logrou unirse às tropas do comandante Luis Alcalá, para despois con Mariño sufrir a derrota que, o 10 de xuño de 1817, en Cariaco, infrinxiralles o coronel José de Cantenac. A raíz deste descalabro foi refuxiarse á illa de Trinidade, de onde pasou a bordo da goleta que comandaba o capitán de navio José Antonio Rosales e volveu nela ao Orinoco. Ao ano seguinte se incorporou à “escuadrilla” do capitán de navio Antonio Díaz e baixo as suas órdes saiu a facer a campaña de Apure, na que gañou o grao de tenente de marina.

 

A “Escuadrilla sutil”

Estaba ista ao mando do capitán de navío Antonio Díaz, e formaba parte dela Fernando Gómez de Saa. As suas órdes eran tomar o porto de Güiria. O 14 de agosto levaron ancóras do porto fluvial de Goïana A Vella. O 19 sairon á mar e o 22 contaban co almirante Brión que viña dende a illa de Trinidad. Esta misión estaba composta, ademáis, polo xeneral Bermúdez que con 100 homes do batallón "Valeroso", e 300 do exército de Cumaná, debían efetuar un desembarco.

Mentres que o xeneral Bermúdez atuaba por terra, o capitán Díaz, coas suas forzas “sutis” atacaba aos españois no porto. Apoderouse de todas as embarcacións, causando gran estrago nas suas tripulacións e fiséronse co bergantín “Colombia”. O comportamento de Gómez de Saa nesta acción foi admirábel. Baixo o seu mando desembarcou a maior parte dos mariñeiros independentistas republicanos armados, para reforzar a acción do xeneral Bermúdez.

O dia 26 se incorporou ao xeneral Bermúdez, o coronel Juan Carlos Fouchet, quen con 200 homes operaba na zona. Ao saber Simón Bolívar que Güiria estaba en poder do xeneral Bermúdez, concebiu un plan para apoderarse de Cumaná. Para iso, debia marchar co exército do xeneral José Tadeo Mónagas dende el campamento de El Pao; Bermúdez dende Güiria e Santiago Mariño dende Maturín. Asi, todos os xefes republicanos trataron de corresponder às instruccións recebidas: Mónagas marchou de El Pao achegándose a Barcelona; Bermúdez saiu dende Güiria con once “flecheras” (naves pequenas) comandadas por Antonio Díaz; e Mariño emprendeu a marcha o 15 de outubro.

Acompañaban ao xeneral Bermúdez, entre outros, o tenente de navío Fernando Gómez de Saa.

Fernando Gómez de Saa terminou os seus dias nun país independente. Os seus ancestros galegos, ferroláns, meteránlle nas veas, ademáis de sangue e anceios de liberdade, auga, auga de mar.

E asi Gómez de Saa que tivera orixes nobres galegas terminara sendo un loitador pola liberdade e pola República independente de Venezuela.

Xurxo Martínez Crespo

 
         
Golfo de Santa Fe, ao leste do estado de Sucre.
 
 
Castelo de Cumaná.
   
Canoa artilleira ou “flechera”.