Personaxes da emigración

 

ALFONSO I REI DA AMAZONIA

Alfonso Graña naceu en Avión (Ourense) en 1895. Sendo aínda un adolescente trasládase ó Brasil, onde río arriba vaise a vivir ó alto Amazonas na zona limítrofe de Brasil, Perú e Ecuador. O xove Alfonso cuia formación era moi rudimentaria, adicarase a distintas actividades entre elas a de caucheiro. Coa escasez de traballo que se produce pola crise do caucho de principios de século, moitos destos traballadores estabelécense na cidade de Iquitos. Graña colle o camiño dos seus compañeiros pero ós dous anos desaparece rumbo a Pongo de Manseriche, entre os Andes e a selva.

Outras fontes sinalan que Alfonso traballaba nun comercio dos seus tíos, oriundos de Ribadavia, os cais comercializaban cos indíxenas da zona. O certo é que Alfonso Graña, anos despois, irase a convertir en Alfonso I Rei da Amazonia. A miña primeira noticia sobre este Rei galego, recibina a través dun discurso grabado, de Ramón Suárez Picallo, nunha das súas famosas clases de periodismo do Centro Lucense de Bos Aires. Picallo cando fala dos galegos en América di: “até tivemos un Rei galego na Amazonia”. A partir desta referencia comenzou o meu interese por esta curiosa biografía, intentando aportar o máximo de datos desta singular personalidade. Tempo despois falando co meu entrañable amigo Elixio Rodríguez, o que fora capitán da aviación republicana, e que conserva unha memoria prodixiosa, pregunteille: “¿Elixio, vostede escoitou falar algunha vez, que houbera un Rei galego na Amazonia?- e contestoume: -”¡Claro que si!”. O Capitán Iglesias Brage, co cal estiven ás súas órdenes, cando tiñamos algúns momentos ceibes, en medio da guerra, comentábame sobre a súa famosa proeza de voar sen escalas entre Sevilla e Salvador de Bahía. Dende Brasil percorrerá Arxentina, para logo subir pola cordilleira dos Andes. No seu paso polo Alto Amazonas, rumbo a La Habana, o capitán Iglesias Brage se entusiasma co obxectivo de organizar unha expedición científica financiada polo governo español. En 1934 viaxa a esta rexión selvática coa idea de organizar a expedición e é cando coñece a Alfonso Graña, xa que ía a ter que contar coa axuda das tribus da selva, do contrario o grupo correría serios riscos. Según me contou o capitán Iglesias Brage, Alfonso Graña traballaba nunha tenda que comercializaba cos indíxenas, na zona límite entre a selva e a civilización. Un día, un grupo de nativos levárono contra a súa vontade até a tribu onde residía o Rei dos indíxenas, o cal dille a Graña que fora elexido para casarse coa súa filla. Así foi como Alfonso sen querelo vese obrigado a vivir entre os aborixes. Contaba Iglesias Brage que este xove ourensán, pouca formación tiña, pero a pouca que aprendera na súa aldea, valíalle para maravillar ós indios. Preparoulles un muiño de auga e outras pequenas obras de gran utilidade. Os dons masculinos de Alfonso comenzaron a ser disfrutados pola maioría das mulleres da tribu, xa que a súa muller como mostra de respeto ofrecíallo a outras indíxenas amigas, actitude moi ben vista neste tipo de culturas. Pouco a pouco Alfonso gañárase o cariño dun basto territorio da selva, pero principalmente tiña a confianza do Rei dos indíxenas. Ó morrer éste, sería Alfonso Graña, co nome de Alfonso I Rei do Amazonas o que sucedería ó seu sogro. O Capitán Brage tamén me contou que Alfonso I prometeralle toda a axuda necesaria para que a expedición percorrera todo o Amazonas sen ningún tipo de dificultades coas tribus hostís”

Con esta información comencei a investigación, xa con datos máis concretos, en principio o nome do Rei. Con estos apuntes fun á Enciclopedia Galega e alí con algúns matices o historiador ourensán Alberto Vilanova, coincide co relato que lle contan a Elixio Rodríguez, que se resume desta forma: “... Aparece estabelecido dende 1922 nas beiras do Amazonas, adicado ó oficio lucrativo de caucheiro. Moi pronto convertiuse no xefe indiscutible dos povos asentados nunha extensión territorial equivalente á de Andalucía, Extremadura e as duas Castelas xuntas: os seus habitantes, os xíbaros, “disecadores de cabezas humanas, feiticeiros e guerreiros sanguinarios, nunha palabra: imposibles a toda civilización” o recoñeceron como soberano indiscutible. “Graña, polo só milagre da súa nativa sagacidade, poido realizar a magna empresa que supón, non só o feito de ter sometido a súa obediencia a aqueles indios, que teñen fama de ser os máis temibles do continente americano, senón que, civilizándoos ó seu xeito, ensinoulles a curtir peles, a fabricar chozas, a extraer a sal das lagoas, a desecar a carne do paiche, xixantesco peixe do Amazonas, e a facer chacina dun mono melenudo, negro e sedoso...”.

O destacado escritor Víctor de la Serna, conta nun artigo reproducido pola Revista “Raices” de Cuba, do ano 1948, que Graña era: “Galego oriundo de Ribadavia, que reinou doce anos, podía movilizar un exército de cinco mil indios. Os seus poderes abarcan o período de 1922 a 1934... Ningún europeo podía, sen o seu permiso, penetrar na selva...”.

De la Serna entérase da noticia da existencia de Graña pola información que lle proporciona un galego residente en Iquitos, de nome Cesáreo Mosquera. O paisano mencionado era oriundo de Ribadavia, o que como Graña, subira río arriba rumbo a Iquitos. Nesta cidade montou unha barbería, para logo instalar a famosa librería “Amigos do país”. Cesáreo Mosquera que coñecera a Graña na época en que éste residira en Iquitos, manterá co seu paisano encontros esporádicos, de seis en seis meses, cando Graña baixaba da selva.

Nunhas conversacións de Mosquera con Graña, en relación a unha idea de Iglesias Brage, de filmar unha película sobre os xíbaros, Graña díxolle: “Eu poño a disposición do capitán cinco mil indios...”.

Cando en 1926, a Standard Oil quiso explotar os supostos pozos petrolíferos do Alto Amazonas, tivo que pactar con Graña e gracias a él, foille posible facer os sondeos. Graña proporcionoulles ós norteamericanos os medios para que poideran vivir e comer. En 1932 a Latín American Expeditión, dirixida polo enxeñeiro inglés Mr. William J. Williard, iniciou unha exploración polos dominios de Graña, éste axudoulles non só con alimentos, senón tamén con tabaco, armas e roupa. Williard foi o primeiro en afirmar que existía petróleo na cunca do río Tigre, antes de 1930. Tamén deu indicios petroleiros noutros puntos da zona fronteiriza do norte, onde contou coa axuda imprescindibel de Alfonso Graña.

Cando en 1933 un aviador peruano perdeuse na selva amazónica, os seus compañeiros buscárono infructuosamente en difíciles voos; pasados varios meses mirouse descender unha balsa, en cuio centro viña unha especie de túmulo cuberto con follaxe e a popa as bandeiras de Perú e España a media asta. Graña, que atopara o cadáver..., embalsamárao e devolvíao a súa patria. Por este xesto o governo Peruano recoñeceríalle oficialmente a súa soberanía e a utilización das salinas do territorio xíbaro.

Para que teñamos unha idea das características dos povos indíxenas daquela zona da Amazonia, o escritor ecuatoriano Juan León Mera no seu libro “Cumandá” relátanos algunhas das características destos povos: “Non hai caníbales nestas tribus, como algúns creérano sen fundamento; pero é peligroso viaxar por elas, ó menos cando non se toman todas as precaucións necesarias para non causarlles o menor disgusto nen sospeitas. Na guerra son astutos e sanguinarios, sinxelos nas costumes domésticas, fideles na alianza e na venganza inflexibles. Nembargantes a súa adoración á liberdade, as veces miran ós seus xefes, cando sobresaen pola bravura e o número de fazañas, con supersticioso respeto; e cando morren, sacrifican á máis querida das súas esposas para que lles acompañe no país das ánimas...”.

Namentras Alfonso I Rei da Amazonia seguía reinando a basta selva, o Capitán Brage conquerira que o governo da república se entusiasmara co seu proxecto. É así que contando coa axuda de intelectuais de renome como Marañón e Pittalunga, elaboran a proposta titulada “Anteproxecto dunha viaxe de exploración científica polo Alto Amazonas”, a cal foi entregada ó Ministro de Instrucción Pública e Belas Artes, Fernando de los Ríos. O governo da República encomenda a Expedición Iglesias ó Amazonas á Fundación Nacional pra Investigacións Científicas e Ensaios de Reforma. O 16 de xuño de 1932 as Cortes Constituíntes aproban a elaboración dunha lei que facilite a rápida execución da expedición. Formouse un Padroado pra probar a intencionalidade ciéntifica que se quiso dar ó proxecto. Entre os seus membros estaban: os directores do Museo Nacional de Cencias Naturais, do Instituto de Física e Química, do Observatorio Astronómico de San Fernando e da Escola Nacional de Sanidade; Ortega y Gasset, Marañón e Menéndez Pidal. Iglesias é nomeado secretario técnico, e comenza a editarse a revista Crónica da Expedición Iglesias ó Amazonas. Despois de elaborar os programas científicos, encárgase a construcción dun barco especialmente dotado para esta iniciativa. O 16 de febreiro de 1935, coa presencia de Alcalá Zamora, é botado o barco “Artabro”. Iglesias Brage difundirá os obxetivos da súa expedición por todo o Estado Español. Nunha conferencia na súa cidade natal, Iglesias dirá no Ateneo Ferrolán: “Non é o río o obxetivo da expedición, senón o estudo científico dunha zona que abarca unha extensión de 1.500 Km. cadrados, comprendida entre a cordilleira andina e o río negro; elexida por ser a que maior variedade ofrece para as investigacións. O barco expedicionario será de pouco calado e preparado para realizar as dez ou doce clases de investigacións científicas que se pretenden; ó mesmo tempo que albergue, será gabinete de traballo e laboratorio para os numerosos especialistas que comporán a viaxe. Irá provisto de avións de pequeno tamaño e alas plegables para ser empregadas nas exploracións.

A pesar da ilusión do governo da República por escomenzar a expedición, os sucesos da Guerra Civil suspenderon os preparativos e o Capitán Iglesias Brage, combatirá ó lado das forzas leais á República. Será durante estos anos, que Iglesias Brage contaralle ós seus dous amigos Ramón Suárez Picallo e Eduardo Blanco Amor as aventuras de Alfonso Graña. Tempo despois serán estos dous escritores os que difundirán as historias do Rei da Amazonia.

O escritor Gonzalo Allegue no seu libro “Galegos: as mans de América”, relatará algunhas paisaxes da vida de Alfonso I:”... Con él viñan catro ou cinco xíbaros, indios huambises. Os indíxenas o adoraban e o seguían a todas partes. Na cidade curáballes as úlceras das pernas, cortáballes o pelo, invitáballes a xelados e levábaos ó cine. Pola tarde os huambises vestíanse de frac e chapeu de copa dos masón da colonia española e saían a pasear no Ford 18 descapotable, cedido por Cesáreo Mosquera. Os huambises ían moi serios, abismados e saudaban ós peatóns, tocándose moi lixeiramente o chapeu. Graña conducía e mostráballes a cidade...”. “...Graña co seu rostro aniñado, ollos gatos, pelo loiro e extrema delgadez, sorprendía ás xentes. Era difícil imaxinalo entre os xíbaros. Pero a súa fraxilidade era só aparente; resistía como calquera as fiebres e as tarántulas e negábase a que lle atasen cada vez que cruzaba o terrible Pongo de Manseriche, un rápido que se tragaba continuamente balsas e curiaras...”

Nunha oportunidade, Alfonso Graña levou a Iquitos, a un mago-médico, ó que lle fixo unha fotografía. Un día Mosquera, preguntoulle por él a Graña, e éste contestoulle:"-...¡Ah! ese foi Mariano. Mariano morreu. Matárono por bruxo... Sí, matárono porque fíxose de médico e foi curar unha criatura e morreulle. E como alí é costume entre eles matar ó médico cando non sana o doente, pois...¡morreu o bruxo!...”.

Alfonso I Rei da Amazonia, faleceu nalgún lugar do territorio xíbaro en 1935, cando aínda non cumplira 40 anos.

Seguramente no corazón da selva se oculte un dos tantos misterios desta apaixoante historia. Como dixera o escritor Manuel Marías nun artigo en “A Nosa Terra” referido a Graña: “Valería a pena investigar a fondo sobor da vida, feitos e aventuras deste galego emigrante...”.

Lois Pérez Leira

         
     
Alfonso Graña (Rei da Amazonia) o primeiro dende a dereita, xunto ao galego Mosquera e indios wambisas desposi de marchar de Manaos.
 
Colonia galega en Iquitos.
 
Alfonso Graña, indios xíbaros e outras en Iquitos.
 
Alfonso Graña na porta da libreria "Amigos del País", do galego Mosquera en Iquitos.
 
Indixenas da Amazonia.
 
 
Crónica da Expedición Iglesias ao Amazonas, Madrid, novembro de 1932.