Personaxes da emigración
 

 

Fernando Hoyos

Fernando Hoyos naceu en Vigo o 24 de marzo de 1943. Desde moi novo espertouse nel a súa vocación relixiosa ingresando na Universidade Pontificia de Salamanca. Máis tarde continuou os seus estudios en Madrid, Frankfurt e Lovaina. Ao rematar os seus estudios relixiosos na orde dos xesuítas, Fernando Hoyos elixiu o destino de Centroamérica, chegando a esta rexión no ano 1967. Traballou como profesor de seminaristas no Salvador e en 1972 instalouse definitivamente en Guatemala. Neste país desenvolveu o seu traballo relixioso no departamento de El Quiché, zona esta caracterizada pola marxinación dos sectores indíxenas. A miseria e a inxustiza de Guatemala impactaron fortemente na consciencia cristiá de Fernando. Ao pouco tempo organizou un grupo de estudio entre os seus compañeiros xesuítas, sendo a teoría marxista a base filosófica que utilizaban para analizar a realidade de América Latina. Por aqueles anos unha onda revolucionaria alentada pola revolución cubana recorría de arriba a abaixo o continente americano. Fernando Hoyos daquela quixo sintetizar o seu sentimento cristián e a súa formación marxista para acabar para sempre cun sistema de inxustizas que o pensamento solidario non podía aceptar. Estes debates e preocupacións levaron a Fernando e a este grupo de sacerdotes a contactar cos distintos grupos da guerrilla.

O seu constante compromiso social e político puxérono na mira dos sectores da ultradereita, polo que no 1977 un grupo paramilitar vencellado a eses sectores tentouno secuestrar.

Un labrego de El Quiché dixo de Fernando: " El era ben sinxelo e cando celebraba misa era ben sorrinte e cada palabra que nos dicía tocaba o corazón dunha vez, tocaba a mentalidade, e sinceramente un cambiaba polo seu xeito de falar, o seu xeito de convivir moitas veces el quedou durmindo connosco e durmiamos así no chan. A xente preparáballe tortilla, leite e ás veces carne. Mais el non a recibía. Quería comer coma a xente comía: "frijolito", tortilla, ou tan só tortilla con sal" (do Libro Memoria da Emigración, Neira Vilas).

Fernando Hoyos durante varios anos debateu politicamente se era xusta a vida armada para acabar coa inxustiza. Debate este que en moitos momentos foi angustiante pola súa condición de sacerdote. A represión salvaxe por parte do exército e a constante persecución por parte dos sectores reaccionarios levouno a el e ao grupo de sacerdotes a ingresar no Exército Revolucionario dos Pobres (ERP) en 1980.

Ao pouco tempo destacouse como guerrilleiro e como político, sendo nomeado membro da Dirección Nacional do ERP; a partir da súa incorporación á guerrilla pasouse a chamar co nome de guerra de " Comandante Carlos".

Fernando realizou durante eses anos un intenso labor entre as comunidades indíxenas, aprendeu falar o seu idioma de orixe, o maya, sendo un máis nunha guerrilla onde a participación indíxena foi maioritaria. Nos momentos libres, que non eran moitos na montaña, escribiu poesía ou xogaba ao fútbol, deporte que lle encantaba.

No mesmo libro de Neira Vilas, o escritor deu a coñecer uns parágrafos dunha carta que Fernando lle enviou á súa irmá Pilar: "...loitamos non só pola liberdade do noso pobo senón de todos os pobos do mundo. Esa foi unha das cualidades desta loita que ensancha a nosa visión e o noso interese aínda que siga sentíndome tan galego coma antes e non esquecera palabra algunha desa lingua, nin a parte de poesía que imaxino todo galego leva no corazón".

O 13 de xullo de 1982 Fernando de los Hoyos caeu nunha emboscada á beira do río San Juan. Segundo os sobreviventes daquel enfrontamento o corpo de Fernando foi arrastrado polas augas do río sendo imposible atopar o seu corpo.

Fernando Hoyos gañouse o cariño dos seus compañeiros de loita e do pobo guatemalteco. A súa figura converteuse nun símbolo de loita e de heroismo. A xornalista Marisa Palacios dixo de Fernando: "As novas xeracións de combatentes teñen "herois e mártires" propios. Mario o "Compa" que enchía as horas baleiras coa súa marimba: o instrumento nacional, morreu en combate. O subcomandante Fernando Hoyos, o crego español que caeu ao río San Juan cando escapaba dunha emboscada hai doce anos. Nunca atoparon o seu corpo. O xesuíta español incorporou os valores indíxenas no debate ideolóxico, segundo os seus compañeiros.

A desaparición e morte deste crego galego que pensou que a mellor maneira de ser cristián era compartindo a dor e a loita dos máis pobres desta terra conmoveu aos sectores progresistas de América Latina como así tamén a súa orde relixiosa.

A organización á cal pertencía nun comunicado dixo:

"Con profunda pena e dor informámoslles que o noso compañeiro de loita e irmán, Fernando, caeu en combate no mes de xullo do presente ano nas montañas revolucionarias de Guatemala.

Queremos expresarlles que ademais da dor humana que nos causa esta perda tamén significa un forte golpe para a nosa organización e para a causa do noso pobo porque Fernando non foi sinxelamente un combatente máis pola causa da liberación, a independencia, a xustiza e a paz no noso país, senón un guía ou precursor do triunfo da nosa revolución...". Rematando cun "Ata a Victoria Sempre!" e asinando o Comandante en Xefe do Exército Guerrilleiro dos Pobres.

Julián Cabrera, arcebispo da diócese do Quiché, definiu a Fernando Hoyos como "alguén con boa cabeza que coñeceu a tremenda inxustiza e quixo cambiar iso dalgún xeito". "A este pobo (que) foi masacrado por demandar cousas normais como salario, terra e non discriminación" explica o arcebispo Cabrera, quen non compartía sen embargo a loita armada por considerala "histórica". (Revista Resumen).

Lois Pérez Leira

 
         
     
Fernando Hoyos de guerrilleiro en Guatemala.
 
Fernando Hoyos coa familia en Vigo.
 
Fernando Hoyos de seminarista en Vigo.
 
Fernando Hoyos en Guatemala.