Personaxes
da emigración |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Santiago Iglesias Pantín Santiago Iglesias Pantín naceu na Coruña o 22 de febreiro de 1872. Aos 12 anos Santiago comezou traballar como aprendiz tallista de carpintería no obradoiro de Antonio Vidal, quen lle ensinou as primeiras nocións de política e sindicalismo. Vidal foi coñecido por aqueles anos polas súas ideas de esquerda. "Moi poucos meses despois de ingresar no obradoiro ocorreron certas desordes públicas na cidade. A inspiración inconsciente do meu primeiro "Huelga" foi provocada por tal circunstancia entre os aprendices. Este incidente creo que ocorreu un domingo do mes de setembro de 1884. Publicárase unha proclama moi enérxica chamando ao pobo da Coruña a que protestase enerxicamente contra abusos cometidos pola "Compañía Arrendataria de Consumos". A cidade estaba conmovida e a excitación era grande. Os meus compañeiros aprendices presentiran comigo que ía acontecer algo grande e queriamos velo todo. O rumor público anunciaba que por fin se ia realizar aquel enérxico e esperado "Levantamento popular" que remataría por abolir os "Infames impostos de consumos" e despois diso viría a República. Todo isto sentirámosllelo dicir aos operarios do taller nas súas conversas. O mestre carpinteiro do obradoiro máis representativo das ideas internacionais e de maior ilustración e competencia que existía daquela na Coruña era Antonio Vidal. Os máis graves rumores corrían pola cidade asegurando que os labregos se sublevaron aquela mesma mañá, e que se negaron a pagar os "impostos de consumos" nos fielatos do Alto de Iris, na "Gaiteira"; que a Garda Civil arrestou a máis de douscentos homes e mulleres que serían encarcerados aquela mesma mañá na cidade e que o pobo ardía en ganas de "botarse á rúa" co propósito de arrebatarlles os presos á Garda Civil. En efecto, a reunión dos protestantes debía ter lugar ás dez da mañá no paseo do "Cantó Grande", de acordo coa proclama. ¿Como podía eu perder aquela oportunidade? ¡Unha manifestación de protesta en contra do goberno! Iso era extraordinariamente emocionante. "O pobo tería o civismo de protesta en contra dos poderes históricos ultramontanos que lle esquilmaban con impostos onerosos, aniquilando a España e manténdoa nun atraso vergoñento no concerto das nacións civilizadas de Europa". Supliquei ao patrono en nome dos outros aprendices que nos dese o seu permiso para concorrer; el empeñouse en non deixarnos saír e ata nos ameazou con entrarnos a zorregadas se pretendiamos abandonar o taller. Sentiámonos indignados e sixilosamente declarámonos en folga. Cando chegamos ao centro de reunión, un xentío inmenso axitado como o mar nas tempestades esperaba impaciente a "corda dos campesiños presos". A Garda Civil non obstante fora previda a tempo e resolveu cambiar a 'ruta´ levando os presos pola parte oposta da cidade, logrando así evitar un serio conflicto co pobo que veu recoñecer moi tarde que os presos xa ingresaran no cárcere. O que aconteceu entón ao meu xuízo foi grandioso. Aquela multitude que esperara paciente horas e horas sentiu indignación profunda, e rompendo en berros desaforados de "que os solten", "abaixo os consumos", comezouse a mover como un furacán humano polos Cantóns, xardíns e Rúa Real en dirección á Deputación e ao Goberno Civil. Axiña se oíron outros berros subversivos de "abaixo a Garda Civil" e "Viva a República". Aquela acción da multitude causou na miña cabeza unha emoción profunda. Despois da súa primeira experiencia revolucionaria na Coruña, Santiago cambia de obradoiro volvendo a coincidir co seu mestre de oficio e de política Antonio Vidal, quen por aqueles anos era delegado da Primeira Internacional. Iglesias Pantín comezou devorar canto libro pasaba polas súas mans. Foi así que sendo tan novo comenzouse a empapar nas ideas de Carlos Marx e Bakunin, entre outros, emprendendo a través dos clásicos o camiño da auto-educación. Tiña tan só 14 anos cando o rapaz Santiago decidiu embarcar como polisón rumbo a Cuba. Neste país residiu unha breve tempada retornando novamente á Coruña. En 1887 volveu emigrar novamente á Habana onde realizou distintos traballos. Ao pouco tempo vencellouse ao movemento sindical cubano. En 1896 foi elixido secretario do Círculo de Traballadores. A súa activa actividade política e a insurrección de Baire, tróuxolle como consecuencia a constante persecución policial polo que se viu na obriga de se refuxiar en Porto Rico. En decembro de 1896 chegou á Illa de Porto Rico que estaba gobernada polo Xeneral Weyler. Durante os primeiros meses Iglesias Pantín intentou captar aos traballadores máis conscientes para organizalos sindicalmente. Así foi que xunto a dous traballadores, un tipógrafo e outro carpinteiro, resolven tirar o 1 de maio de 1897 o primeiro xornal dos traballadores denominado "Ensayo Obrero". O 25 de marzo de 1898 convocou o primeiro mitin no Teatro Municipal onde participaron 3.000 traballadores. O 27 de marzo dese ano librouse unha orde de arresto para Pantín, quen puido eludir a detención e logrou fuxir. Durante varios días tentou despistar aos seus perseguidores, ata que o detiveron e encarceraron durante sete meses. O 12 de maio de 1898 a escuadra de Sampson bombardeou a capital, apuntando a súa artillería contra o forte onde Pantín aínda permanecía preso. Os habitantes de San Juan comezaron a fuxir cara ao interior da illa. Mentres Pantín e os seus compañeiros presos quedaron atrapados nun obxectivo militar. O impresionante canoneo americano puxo nunha situación dramática a vida de Pantín e dos demais presos políticos. Mentres, as bombas caían, as autoridades carcerarias intentaron atopar as chaves da cadea, xa que se perderan. A explosión dunha bomba dentro da propia cela permitiu que Pantín puidese saír en roupas de durmir e salvar milagreiramente a vida. O 25 de xullo de 1898 a invasión norteamericana fíxose efectiva co apoio dunha forte armada que posibilitou un cambio de soberanía incruento. Aos poucos días deste acontecemento, o 23 de outubro de 1898 Pantín editou un novo xornal obreiro "El Porvenir Social". No seu primeiro numero dixo: "...As nosas maiores enerxías e esforzos dirixíanse a organizar, asociar e unir ao exército de traballadores portorriqueños, preparándoos para a loita e a defensa dos seus intereses e dos seus fogares...". O 20 de outubro de 1898 fundouse a Federación Rexional dos Traballadores de Porto Rico, sendo elixido o seu primeiro presidente Iglesias Pantín. En abril de 1899 púxose en contacto co Partido Obreiro Socialistas dos Estados Unidos, dirixido polo destacado sociólogo Daniel de León. Os primeiros contactos entusiasmaron a Pantín e a súa Federación decidindo organizar o Partido en Porto Rico. Durante ese ano a Central Obreira sufriu a intromisión do Partido Republicano, quen forzara á ruptura da Federación e a constitución dunha nova central sindical denominada Federación Libre dos Traballadores de Porto Rico, constituíndo ao mesmo tempo o día 18 de xuño a fundación do Partido Obreiro Socialista. O dito partido declarouse marxista e a Federación Libre de Traballadores de Porto Rico adheriuse á Primeira Internacional. Santiago Iglesias Pantín tivo unha destacada actuación sindical e política durante os primeiros anos do século XX. Participou en distintos congresos sindicais en Nova York onde intentou levar a causa portorriqueña ás entrañas mesmas do coloso do Norte. Na súa illa de adopción foi perseguido en distintas oportunidades. A súa valente actitude conseguiu a xornada de 8 horas e unha chea de reivindicacións que para aqueles traballadores semiescravos parecían un dereito imposible. En 1900 logrou incorporar á súa organización sindical a poderosa American Federatión of Labor. A partir deste recoñecemento oficial solicitou unha entrevista co presidente norteamericano Mc. Kinley, a quen lle transmitiu a protesta da súa central Sindical pola situación deplorable pola que atravesou a clase obreira de Porto Rico. O 14 de outubro de 1901 atopándose en Washington nomeárono Organizador Xeneral da American Federation of Labor para Cuba e Porto Rico. Un día despois Gompers presidente da federación americana levouno á Casa Branca para lle presentar ao Presidente dos EEUU Roosevelt. A prensa da capital "Washington Star" daba deste xeito a nova: "O Presidente Gompers da American Federation of Labor presentou hoxe ao Presidente Roosevelt a Santiago Iglesias Pantín que foi escollido por el para ir a Porto Rico como representante da federación para organizar aos traballadores da Illa en unións de oficios. Mr. Gompers amosou o seu desexo de que o seu representante non fose molestado polas autoridades no seu labor de americanización. O Presidente Roosevelt dixo a Mr. Gompers que el creía na organización nacional dos traballadores e que todos os dereitos de M. Iglesias serían protexidos". O día 9 de novembro chegou Santiago Iglesias a Porto Rico, foi tan só baixar das escaleiras do barco cando o detiveron e o xulgaron por asociación ilícita, e por alterar o prezo dos xornais, no traballo, empregando violencias e ameazas. Despois de varios días de xuízo, o Tribunal de Xustiza condenouno a tres anos, catro meses e oito días de prisión correccional e prohibiulle a Federación Libre. A repercusión desta sentencia foi moi importante nos EEUU. Os grandes xornais de Nova York, Washington, Chicago e outras cidades fixéronse eco do "Exabrupto legal cometido" solicitándolle ao Presidente norteamericano a abolición da lexislación represiva. Samuel Gompers berrou a viva voz "¡¡fraudulenta, corrupta, escandalosa persecución en Porto Rico!!". Porto Rico por aqueles anos aínda seguía rexido polo Código Penal español, e este permitía esta caste de persecucións. A presión obreira fixo posible a derrogación da mesma e a posta en funcionamiento da lexislación americana a cal invalidaba a sentencia a Iglesias Pantín. A Corte Suprema dos EEUU co visto e prace de Roosevelt absolveu de cargos a Iglesias Pantín e declarou o libre funcionamiento da Federación. A pesar desta resolución o clima de intolerancia e persecucións era unha constante na Illa. O 29 de setembro de 1902 contraeu matrimonio con Justa Bocanegra, filla dun prominente dirixente do Partido Federal da cidade de Aguadilla. Ao cuarto día do seu casamento foi novamente detido tendo que ir a súa esposa a sacalo previo pagamento dunha multa. O 11 de outubro de 1903 organizou unha manifestación de dous mil obreiros coas bandeiras negras en sinal de repudio aos abusos cometidos polo Gobernador Hunt. Como non podía ser doutro xeito a manifestación rematou coa represión policial e con numerosos feridos. O clima de axitación medraba en todo Porto Rico e con el medraba en prestixio a Federación Libre de Traballadores. O 31 de outubro de 1903 convocouse na Cidade de Ponce o Segundo Congreso Obreiro. O 27 de novembro de 1909 participou da Convención da American Federation of Labor durante a súa permanencia no continente, e solicitou unha entrevista ao Presidente Taft co obxectivo de que se trasladara ao Congreso dos EEUU distintas enmendas á Carta Orgánica. Durante as primeiras décadas do século Santiago Iglesias Pantín consolidouse como líder sindical e político. A central sindical norteamericana (AFL) nomeouno delegado en Cuba e Porto Rico. O primeiro partido fundado por Pantín converteuse posteriormente no Partido Socialista de Porto Rico. Por este partido elixiron en 1917 senador dos EEUU en representación de Porto Rico. Durante os seus distintos mandatos ata 1932, levando distintas iniciativas que se converteron en leis que estaban vencelladas ao mundo do traballo. En 1918 participou da organización da Confederación Panamericana do Traballo. Participou do congreso desta confederación que se realizou en Texas onde foi elixido secretario para a área dos países de fala española. Posteriormente foi elixido secretario executivo da mesma. Este nomeamento obrigouno a residir en Washington, lugar onde finou o 5 de decembro de 1932. Aos poucos días o seu cadáver foi levado a Porto Rico onde foi recibido cos máximos honores. En 1940 a Asemblea Lexislativa de Porto Rico decretou a Lei número 40, en virtude da cal "o primeiro luns de setembro dese e dos sucesivos designouse Día de Santiago Iglesias Pantín". Seguramente
a figura deste destacado dirixente sindical e político galego
fora na emigración a personalidade que acadaou maiores recoñecementos
fóra da súa Patria. Lois Pérez Leira |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||