Personaxes da emigración
 

 

Xosé María López Lledín

"O Cabaleiro de París"

O 30 de decembro de 1899 nacía Xosé María López Lledín en Vilaseca- A Fonsagrada (Lugo), resultando un dos persoeiros máis pintorescos da emigración galega. Foron os seus pais Manuel López e Xosefa Lledín, de profesión labregos como consta na súa acta de nacemento. Xosé era o cuarto fillo dos oito que tivo este matrimonio lugués. Desde moi pequeno como era costume na época axudaba aos seus pais nas tarefas agrícolas. Durante a nenez e adolescencia foi nacendo en Xosé María unha poética imaxinación que non tiña límites. Soñaba con aventuras en lonxanos países ou con historias do pasado. Os seus relatos estaban cheos de príncipes e batallas.

Na súa adolescencia namorouse dunha moza da aldea de nome Mercedes, que segundo contan era a filla dun médico da parroquia. Xosé María estaba moi entusiasmado con esta noiva, coa que facía plans de casar e logo marchar á emigración que era a única forma de forxar un futuro. O amor por Mercedes levouno a lle escribir os primeiros versos. Xosé María era feliz ata que unha enfermidade incurable en pouco tempo rematou coa vida da súa amada. Esta tremenda perda márcao para sempre. Para os seus adentros xurouse que non casaría con ningunha outra muller e así o fixo. Cumpriu a súa promesa.

Na aldea de Xosé María a maioría dos seus veciños emigraban para Cuba, a súa irmá Inocencia chegou á illa en 1910 e tras dela foron Amancio e mais Antón. En 1920 decidiuse seguir aos seus irmáns e embárcase no porto da Coruña rumbo á Habana.

Xosé Neira Vilas, o destacado escritor galego, coñeceu a este persoeiro na Habana. El cóntanos como foi a súa primeira etapa: "Era tímido e moi sensible. Non se afacía. Añoraba a casa materna, a lingua de cada día, as xentes, os camiños da aldea. Nun comezo adicouse á venda de flores, e pasou logo a unha librería. Máis tarde empregouse nun bufete de avogados. Non era un emigrante calquera, estaba algo preparado o que acrecentaba as súas posibilidades laborais".

Polas noites estudiou na escola do Centro Galego e tamén realizou cursos de comercio e inglés. A Habana naquela época contaba cunha colectividade galega moi grande e activa. Por esa mesma época tomou clases no mesmo Centro Enrique Líster, mentres Fuco Gómez reclamaba a independencia de Galiza a través de múltiples manifestos e xornais.

Os seus primeiros traballos en Cuba foron na hostelería como camareiro dos hoteis "Telégrafo", "Sevilla" e "Manhattan".

Os inicios foron duros para se acostumar xa que o clima non era fácil. A calor era agobiante. Malia a todo a Xosé María estaba impactado pola cidade que era tan americana e tan europea ao mesmo tempo. Esta cidade do Caribe que daquela era unha das grandes capitais de América tíñao abraiado.

O mozo de Fonsagrada aproveitou a fondo esta cidade para ler e estudiar todo o que lle caía nas súas mans. Pouco a pouco foi forxando unha formación cultural bastante máis elevada que a dos seus compatriotas que non facían outra cousa que traballar duro para lograr unha posición económica estable. A Xosé pouco lle interesaba a vida material, o seu lirismo, a súa sensibilidade humana e o seu espírito libertario foino levando cara a unha interpretación da vida con códigos distintos. Para el o sentido común non era o mellor dos sentidos, ou mellor dito, o sentido de sistema imposto.

Xosé María foise autoformando nun marco de grandes cambios e frustacións. A perda da súa amada noiva. O abandono da aldea. A nova vida en Cuba que o abraiaba, mais que non era doado acostumarse, ata que un bo día tivo un serio problema no seu traballo onde foi acusado inxustamente de roubar uns billetes de lotería. A falsa acusación custoulle varios meses de cadea e un trastorno mental do cal nunca máis se ía recuperar. Cando saíu da cárcere non voltou nin ao seu traballo, nin a súa casa, comezou a vagar polas rúas. Comezáronlle a medrar os cabelos e a barba, a súa roupa fóiselle deteriorando pola intemperie. Ao pouco tempo ocorréuselle poñerse unha capa negra nos ombreiros e comezou a dicir que era o Cabaleiro de París. Con este título comezou a ser coñecido en toda a Habana, segundo conta Neira Vilas. Tamén lle gustaba dicir que era o Conde Montecristo ou o Arquiduque do Continente Americano. Os que o coñeceron contan que en cincuenta anos nunca durmiu nunha cama, nin retornou do seu poético delirio. Gustáballe recitar poesías, contar historias de grandeza. As súas irmás intentaron que retornara ao seu fogar, mais foi imposible; o Cabaleiro de París prefería durmir baixo o ceo estrelado do Caribe. Xosé María como era un Cabaleiro non pedía esmolas. Os hoteleiros da Habana dábanlle sempre a súa ración de comida. A Xosé María gustáballe cambiar de barrios, pasear polas encantadoras rúas do barrio vello e achegarse ao Malecón para contemplar o mar. Xosé María convertérase no tolo oficial, era a nota simpáctica dun galego mestura de Quixote e Sancho Panza que deambulaba pola Habana agasallando unha tolura sa case inocente.

En 1949 déuselle por escribir nas estatuas ridiculizando ós próceres de turno, polo que as autoridades daquel momento levárono á cadea. Os habaneiros protestaron e ata houbo manifestacións por esta gran inxustiza; logo trasladárono a un manicomio.

O 28 de abril de 1981 realizouse na Habana no histórico edifico dos Capitanes Generales un acto homenaxe á figura do "Cabaleiro de París". Entre cancións alusivas a distintos intelectuais e artistas da cidade rendéronlle unha cálida homenaxe. Entre os presentes estaban o director do Museo da cidade o historiador Eusebio Leal quen se encargou de organizar o acto, tamén estaban Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda e o escultor Héctor Martínez Catá quen lle fixo unha escultura de ferro.

Os últimos anos da súa vida pasounos no Hospital Psiquiátrico, onde faleceu o 12 de xullo de 1985 aos 86 anos. A morte do "Caballero de París" foi nova en todos os xornais de Cuba. Segundo novas da época a cidade da Habana choraba a un dos seus símbolos máis queridos e entrañables. A vida, as frases e as anécdotas do noso paisano foron motivo de todo tipo de narracións, artigos, poemas, caricaturas, retratos, historietas e obras teatrais. Ata conta cun danzón do compositor Antonio María Romeo que leva como título "Caballero de París" que di así:

"Parece un filibusteiro

lexendario, un galeote,

coa barba dun quixote

e capa de mosqueteiro.

Mira quen vén por aí

O Cabaleiro de París."

Lois Pérez Leira

 
         
     
Xosé María López LLedín, "Caballero de París".
 
"Caballero de París", nas rúas da Habana.
 
"Caballero de París", nas rúas da Habana.
 
Estatua do "Caballero de París", na Habana.