Personaxes da emigración

 

Mosqueira Manso: Un home namorado da natureza

José María Mosqueira Manso naceu o 17 de outubro de 1886, na Rúa Real Nº 8 en Corme (Ponteceso).

Foron os seus pais Francisco Mosqueira Ponte (fomentador de pesca) e Mercedes Manso Lozada.

A súa vila natal tiña unha forte relación coa vida mariñeira. A fermosa ría de Corme e Laxe dan-lle marco a unha paisaxe sen igual. Mentres o río Anllóns baña os seus verdes vales acompañados pola historia que fala de celtas e de romanos. Dende rapaz José comezou a ter unha forte vocación polo mar. Mentres realizaba os seus estudios primarios e secundarios soñaba con embarcar. Cando cumpre a maioría de idade estudia na escola náutica para capitán da Mariña Mercante. O seu fillo Francisco na semblanza que lle realiza, co nome de “Síntese dunha biografía sentimental” relatanos os seus primeiros tempos de mariño: “...ao acabar os seus estudios embarcou nun paquebote de tres paos, pintado de negro, que desprazaba 300 toneladas (en Corme non había un barco tan grande). Embarcou como “agregado” e se mal non recordo, debía facer na mar 200 días de candea e outros tantos de vapor para poder examinarse de piloto. Naqueles tempos había mais barcos de vela que de vapor. Para ser capitán precisou aínda moitos días no mar. Os días na mar eran de cabotaxe, grande cabotaxe e altura.

Na súa primeira viaxe de altura foi dende a Guinea española ata Bos Aires. A viaxe durou 109 dias...”

Cando tiña 25 anos, casa con Honorina Viciño coa que ten dous fillos Francisco e Manuel. A desgracia chegaría moi pronto a esta familia, en outubro 1918 fina a súa compañeira. Mosqueira ten que facer fronte á crianza dos seus fillos, contando coa colaboración da súa familia, mentres ten que saír a navegar.

Na súa longa traxectoria profesional foi oficial da reserva naval española, axudante militar da mariña en Viveiro e Ortigueira, subdelegado marítimo en Sevilla e Subdelegado de Pesca na Coruña e Ribeira. Durante esta época publica varios traballos científicos o primeiro será "Patrón de Cabotaxe" de grande utilidade entre os mariñeiros de Corme, entón edítase "Bioloxía da pescada”. As súas variedades étnicas e sexuais. A súa pesca". Tamén edita “Tres Cartas de Pesca” e comeza a publicar en revistas especializadas.
Co estalido da Guerra Civil toma posición polo bando republicano. Mosqueira era simpatizante galeguista e a guerra atoparao no bando faccioso. O primeiro de xullo de 1937,- contanos Fernando:

-Toma o tren ata a banda francesa, coa axuda dalgúns bos amigos e vencendo algunhas dificultades logrou chegar a Burdeos, e alí embarcar nun barco da Compañía Transatlántica Francesa. Viaxou en primeira clase coa viaxe e todolos gastos pagos, e o pasaporte dominicano no peto. O Embaixador dominicano que moraba en Endaya foi a despedí-lo. Mosqueira chegou a Porto Prata unha mañá cedo. En automóbil, atravesou toda a illa, de norte a sur, ata a cidade de Santo Domingo, que entón chamaba-se Cidade Trujiño.Os primeiros tempos trataron-o moi ben, estaba ás ordes directas do propio Trujillo. A tal punto que entre os propios ministros era tratado como un par deles. O Xeral Trujillo acostumaba a convida-lo saír a alta mar no iate “Ranfis”.

Foi nomeado técnico pesqueira no Ministerio de Agricultura, Industria e Traballo. O seu paso por este país dura pouco tempo.

Trujillo despois de apoiar á República, pasa a tomar partido por Franco. Os exiliados que alí moraban terán que marchar a outro país. É así como Mosqueira, Eugenio Granell, Francisco Vázquez Díaz "Compostela" e Ramón Suárez Picallo terán que saír fuxindo. Mentres que o galego José Almoina Mateos -quen fora secretario de Trujillo- será asasinado en México polos esbirros do dictador.

Mosqueira chega a Venezuela en 1941, onde é contratado como técnico pesqueiro do Ministerio de Agricultura e Cría, entón será contratado como técnico do Laboratorio Experimental de Caigüire. Neste país publica unha carta de Pesca da Costa Oriental e realiza un sen fin de traballos científicos. Foi o primeiro en investigar o mar venezolano e os ríos Orinoco e Apura. Foi membro activo da Sociedade Venezolana de Ciencias Naturais e de American Museum of Natural History e Membro Honorario da Sociedade de Ciencias Naturais La Salle. Sobre o mar e a pesca venezolana ten múltiples publicacións; entre outras unha carta de pesca da costa oriental, e os libros "Ostras e Oerlas na costa venezolanas" E "Os Cupleidos (A sardiña), así como "As Tartarugas do Orinoco". A el debese a notabel colección de zoofiños , equinodermos, toda clase de corais e moluscos atopados nas súas investigacións para o Museu da Nosa Señora de Guadalupe en Caracas. Efectúo profundos estudios sobre a madreperla na illa Margarita, a súa repoboación e cultivo. Estudios que levou a cabo no ostral "A póla", considerado como o parque experimental de cría e de perfeizoamento da pérola. A bordo do buque "Nova Esparta" en 1946 procedeu á construcción de 566 colectores de ostras, cuio ensaio redundou inmediatamente en beneficio dos pescadores e da calidade e perfeizoamento da pérola. Para levar a cabo os estudos e experimentos que habían de expresar no seu libro "As Tartarugas do Orinoco", Mosqueira Manso pasou catro longas tempadas (1945-1946-1947-1948) no Orinoco, na zona comprendida entre Caicara e Porto Ayacucho, principalmente na Illa Parauma. Co seu longo estudio logrou que os organismos oficiais venezolanos ditasen disposicións para a protección da tartaruga "arrau", que ao ser estoupada de maneira indiscriminada, apresentaba o perigo de desaparecer, condeando á fame aos habitantes de vastas zonas fluviais. Cando o capitán Mosqueira recalou naquelas praias, xentes estranas chegaban na época da "posta" e destruían aos animais que, dende tempos inmemoriais, viñeron sendo a base da alimentación dos riveireños do Orinoco. A carne e a manteiga da tartaruga "arrau" foron a solución alimenticia daquelas aldeas.

Mosqueira Manso a pesar da súa activa relación coa súa profesión, mantivo estreitos vínculos cos exiliados e coa incipiente emigración que ía chegando na década dos corenta.

Ao pouco de chegar a Caracas contacta con Castelao en Bos Aires, quen estaba a organizar as Irmandades Galegas en toda América.

En 1944 en viaxe de Rodolfo Prada por Venezuela, deixa bos contactos para formar o primeiro grupo nacionalista co obxectivo de organizar as Irmandades Galegas.

En carta de Xosé Mosqueira Manso a Prada despois da súa viaxe comenta-lle a realización da primeira xuntanza en Caracas pedíndolle ao Castelao, Presidente do Consello de Galiza as correspondentes orientacións para levar adiante o seu traballo político.OU primeiro grupo quedou constituído por tres persoas Silvio de Santiago, Mosqueira e Isolino López.Entre as resolucións desta xuntanza saen na edición dun libro de Antón Vilar Ponte sobre economía galega e a realización dunha velada de carácter patriótica.
A nosa Terra sinalaba nas súas paxinas en relación a esta xuntanza:
" Vai a nosa embora aos irmáns de Venezuela, vos que nestre intre tan cheo de promesas se incorporan a cruzada redentora dá Patria Galega".
Un ano despois Rodolfo Prada volta a realizar unha extensa xira por toda Latinoamericana co fin de consolidar as Irmandades Galegas.O periódico A Nosa Terra sinala:

"recebe alí Prada quentes mostras de afeito de parte de vascos e catalás: do delegado do governo vasco, ou cabaleiro señor José María de Gárate e do musicólogo catalán señor Juan Golos Acostumar. En Caracas parecía que non había galegos, mais chegou que Prada tomase contacto co señor Xosé Mosqueira Manso, afervoado galeguista, e lle sementara no espirito a doutriña de Galeuzca, pra que de seguída, coa colaborazón do cultísimo escritor galego Silvio Santiago, arranxase unha xuntanza de máis de corenta galegos que recibiron con patriótico entusiasmo as noticias que Prada Lis deu de Galeuzca.".

A partires de organizar o grupo galeguista, dan-se as condicións para a fundación do primeiro centro da colectividade o Lar Galego, en abril de 1946.Fernando o fillo do biografía conta-nos:

“Un día o capitán Mosqueira, reunido cunha ducia de paisanos, dixo: o que queira que me siga.Vou apañar un candil e a percorrer os barrios caraqueños.Buscando ben, malo será que non atopemos un cento de galegos.Así con 49 paisanos fundase o Lar Galego.Escoller presidente ao Capitán Mosqueira, foi fácil.Todos estaban de acordo en que era o principal impulsor.Tamén inflúo, en certo modo, a relación que tiña con Castelao. Ambos amigos se cartearon ate 1950 data en que morreu Castelao...As catro ducias de galegos converteron-se pronto en mis e rematou-se o pacto de falar sempre en galego. Chegan a Caracas miles de inmigrantes e entre eles unha boa cantidade de galegos. Caracas muda, medra e xurden as relacións amistosas, de toda índole, entre os inmigrantes, vellos e novos, e, pronto, os venezolanos e os españois, de calquera rexión puderon ser socios do Lar, e a estes seguiron xentes nacidas en calquera parte do mundo....”.

Mosqueira cos seus compañeiros de directiva foron utilizando na primeira etapa, os locais de outras instituizóns amigas, ate que decidiron alugar unha casa propia, que por aqueles anos lles custase 500 bolivares de alugamento.

Durante os anos corenta e cincuenta radicaron-se en venezuela varios exilados galegos entre eles Velo Mosqueira, Mariano Oteiro Castelao, Francisco Rico, Alberto Fernández Mesquita, José Fernández Vázquez Soutomayor, Manoel Vaamonde, Leoncio Jaso Roldán, Alberto Paz e Mateos (pai e fillo), Xosé Sesto, Xulio Formoso, Alfredo Caamaño, Manuel Galego, Mario Granell, Xesus Vázquez Gayoso e os xa citados Isolino López e Silvio de Santiago etc.

A medida que ían chegando os novos emigrantes, aquela casa comezaba a encherse de intensa actividade.Unha tarde cando a casa estaba chea de paisanos, Mosqueira entrou acompañado por dúas visitas que asombraron aos presentes.Trataba-se de Rómulo Gallegos Freire e Don Andrés Eloy Blanco Meaño ambos descendentes de galegos. O primeiro foi presidente de Venezuela e destacado escritor e o segundo foi Presidente do Congreso de Venezuela, un dos mellores poetas deste país. Pouco tempo despois por proposta de Mosqueira foron nomeados socios honorarios do Lar Galego.

En 1960 viaxa á Arxentina para se entrevistar con Luis Seoane quen dirixía a Editorial Citania. A cal editaralle o seu libro "As Tartarugas do Orinoco", entón Seoane editase-lle o Berce Galega de Cristobal Colón (1961).

Mosqueira Manso faleceu en Caracas o 13 de maio de 1968.

Lois Pérez Leira

         
     
José María Mosqueira Manso.
 
Mosqueira Manso na praia, na foto vese unha tartaruga
 
Capa do libro "Carta Pesquera del Orino" de José María Mosqueira Manso.
 
Mosqueira Manso na prai no caribe.
 
Capa do libro "Las Tortugas del Orinoco" de José María Mosqueira Manso.
 
Mosqueira Manso cos nativos do lugar no caribe.