Personaxes da emigración
 

 

Paz Noya

In memoriam

Morreu en Paris. Como César Vallejo, Paz Noya. Levaba moitos anos sendo tratada dunha doenza que puido máis ca ela. Despois de rexeitar un ril polo que esperara con entusiasmo e aferrándose á vida, Paz marchou. Muller bule-bule, deixounos sen todos ese proxectos que xa non poderá rematar. Lembro anacos desa vida chea de letras e palabras que estiveron con ela, supoño, até nos momentos máis difíciles, cando estamos sos ante a morte, ou como ben dicía Castelao, cando estamos acompañados do corvo negro que non nos deixa.

Paz Noya traballou co sabio arxentino-polaco Ángel Rosenblat na colleita de léxico carcerario dentro dun dos procesos de pescuda filolóxica máis importantes no español contemporáneo.

Neta do autor de Fuxidos, o lugartenente da Guarda en 1936 Xoán Noya e filla e residente na embaixada galega en Venezuela, que era a casa do seu pai, Óscar Noya, en Caracas, Paz soubo beber e empaparse dun espírito crítico e dunha casa aberta pola que pasaron e viviron persoeiros como Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo e tantos outros.

A derradeira vez que falei con ela tiña un gran proxecto no seu maxín, como era transcribir e traducir ao galego varias entrevistas que fixera a mulleres loitadoras en Caracas relacionadas con Galiza ou cos galegos. Non sei se remataría o seu labor, desde aquí, quérolle dicir á súa familia que deben continuar o camiño non rematado por outros, neste caso por Paz.
O meu pesar gostaría que fose tan lixeiro como as cinzas de Paz, que o sábado 29 de marzo esparexerán no Monte Santa Tegra, lugar co que todos os Noya funden a pertenza ao mundo con ese pequeno mundo marcado no ADN que se chama Galiza.

Paz non morreu un xoves, nin en outono, e se cadra, non chovía en París. Dixérame unha vez que cando chegase o momento, querería morrer presentábel, fermosa. Non teño ningunha dúbida que así foi. Dicía Vallejo que escribiu os seus versos en xoves: “Jueves será, porque hoy, jueves, que proso estos versos, los húmeros me he puesto a la mala y, jamás como hoy, me he vuelto, con todo mi camino, a verme solo.”

Morreu en París a nosa boa compañeira Paz Noya.


© Xurxo Martínez Crespo

 
         
     
Paz Noya.
 
Paz Noya en Caracas, montaxe da foto Xulio Rozados.