Personaxes da emigración
 

 

Emilio Pita

Emilio Pita naceu na Coruña en 1909. Sendo moi novo e con tan só 12 anos emigrou a Bos Aires. Coa fundación en 1921 da Federación de Sociedades Agrarias y Culturales os mozos máis inquietos da colectividadee vanse achegando a unha institución que por aquel entón bruaba de entusiasmo patriótico. Pita comeza a escribir nos xornais galegos e aos poucos vaise introducindo nunha das súas maiores paixóns, a música.

No marco da Federación participaban tamén mozos que conformaban distintos grupos literarios ou patrióticos, entre os que estaban os "Pondalianos" e os "Celtigos". En ambos os grupos os mozos con inquietudes políticas e literarias debatían sen cesar as formas e xeitos de reivindicar ao noso país. Os da Pondal eran os máis radicais mentres que os de Céltiga eran os máis realistas. Ambos os grupos conviviron durante moitos anos no seo da colectividade ata que a partir da chegada de Castelao se unificaron nas Irmandades Galegas.

Emilio Pita na década dos trinta comeza a colaborar con publicacións nacionalistas da propia Galiza, foi así como escribiu artigos para a Revista "Nós" de Santiago e "Yunque" de Lugo.

Publicou algúns libros como "Jacobusland" (1942), "Cantiga de Nenos" (1944), "Os relembros", "As Cantigas" (1959), "O Ronsel Verdegal" (1964) e "Serán" (1974).

O escritor Luís Seoane escribiu sobre o libro "Jacobusland": "Foi un dos libros de poesía que estimou Castelao e para o que fixo as ilustracións. O único libro galego ilustrado por Castelao en América".

Emilio Pita foi un dos poetas máis importantes que se fraguaron na emigración. A súa poesía tiña unha estructura moderna. As súas imaxes poéticas estaban construídas cun grande voo poético. Foi un poeta que tanto puido sintetizar en palabras sentimentos patrióticos como ninguén puido escribir versos porteños desde o pensamento galego. A súa formación cultural universal, os seus vencellos cos medios culturais argentinos que daquela vangardaban a literatura latinoamericana, fixeron de Pita un dos mellores poetas do noso idioma. Foi un dos mellores expoñentes do que Díaz Pardo chamou o equivalente galego á xeración do 27.

Emilio Pita á parte de poeta e xornalista foi musicólogo, o seu amor pola música galega levouno a fundar o Cuarteto "Ultreya" co obxectivo de difundir a nosa música tradicional. Anteriormente participara na dirección artística do Coro "Lembranzas de Ultreya", fundado en 1932.

O 4 de outubro de 1959 con motivo da aparición do seu libro "Os relembros, As cantigas" fixéronlle unha homenaxe nos salóns do Centro Pontevedrés. A idea xurdiu dun grupo de amigos que frecuentaba Pita, chamado "os da tacita" composta por "pandigos" galegos. O grupo encontrábase nun famoso bar da rúa Boedo onde se xuntaban a tomar a taciña e a charlar de arte e poesía.

Alí estaban presentes as delegacións do Centro Galego, Consello de Galiza, Centro Coruñés, Centro Lucense, Centro Ourensán, Centro Pontevedrés e da Federación de Sociedades Galegas. O actor Fernando Iglesias "Tacholas" fixo de mestro de cerimonias, mentres Prada, Picallo e Blanco Amor interviron para falar da figura e obra poética de Emilio Pita.

O propio Emilio Pita fálanos da súa poesía nunha entrevista efectuada na Revista "Galiza Emigrante", que dirixía Luís Seoane, "Paso meses e ás veces anos sen poder escribir un poema; e unha mañanciña calquera, sinto a lidica de ollar encol dos meus beizos a píldora dúnha cántiga que me agromou de miragre, o mesmo que de miragre lle agromou dos beizos unha roseira de cinco rosas, ao morrer aquel vello monxe medieval, como se conta e se canta na lenda marial de Alfonso o Sabio. Toda a miña poesía é froito dunha emoción e dun sentimento. Emoción e sentimento da miña Terra. É "Jacobusland" onde arelo cantar líricamente a traxedia da súa escravitude. Emoción e sentimento da miña infancia é "Cantigas de nenos"; e sentimento da saudade son "Romances" e "Cantigas" dous libros inéditos xa terminados que agardo poder editar axiña... A miña poesía está consustanciada coa miña terra e toda a miña laboura poética esta feita no idioma galego; cecais abuse un pouco da pura liña musical, pero é o que teño apegado aos ouvidos".

Pita foi membro correspondente da Real Academia Galega, escribiu entre outras cosas a parte dedicada á música da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo.

Emilio Pita faleceu o 7 de decembro de 1981.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Emilio Pita, debuxo de Seoane.
 
Alonso Ríos e Emilio Pita en Ferrol, onde tomaron parte en importantes mitins galeguistas.
 
Emilio Pita rodeado polos asistentes ao xantar despois da presentación da obra.