Personaxes da emigración
 

 

Manolo Ponte Regueira “Duende”, a sombra galega de Fidel Castro en Caracas en xaneiro de 1959


A vida de Manolo Ponte Regueira “Duende” leva letras e tinta, moita tinta. Fillo dun dos directores de La Voz de Galicia, emigrou na década dos 50 cara a Venezuela, onde desembarcou xa como xornalista. En 1956 non eran as cousas doadas en Venezuela, inda asi, Ponte non tivo problemas para enxergar unha carreira xornalística admirábel e orixinal.

Se cadra, agás o secuestro do Santa María por parte do DRIL e o do xogador e amigo de Manolo Ponte, Alfredo Di Estéfano en Caracas polos guerrilleiros urbanos no hotel Potomac de San Bernardino. O feito máis importante da vida xornalistica de Ponte foi os dias que pasou con Fidel en Caracas co gallo da primeira visita internacional do recén estreado comandante Fidel Castro Ruz, 23 días despois de entrar triunfal en A Havana.

O ano de 1958 foi de cámbios en Venezuela, e o de 1959 na irmá República de Cuba

O 4 de xaneiro de 1959, Aristides Bastidas, compañeiro e amigo de Manolo Ponte en El Nacional chamaba por teléfono a Maracay, á casa de Francisco Pividal Padrón. A chamada era para lle informar que fora, segundo os cabeis, nomeado primeiro embaixador da revolución Cubana ante o Governo da Venezuela, que se aprestaba a celebrar o primeiro aniversário da caída do ditador Marcos Pérez Jiménez.

Volveu chamar Bastidas a Pividal, para lle rogar que se pasase por Caracas, para facer-lle unha entrevista en El Nacional.

Francisco Pividal, antes de pasar pola redacción, pasou pola emisora de rádio que posuía o Movimiento 26 de Julio en Caracas: Indio Azul. Desde a emisora, e por código, comunicou-se cos compañeiross deste Movimiento, que desde princípios de xaneiro se achaban en Cuba, estes solicitaron a sua presenza na illa.

Pasou por El Nacional, onde máis que unha entrevista foi a despedir-se , tanto de Bastidas como de Ponte, sería precisamente o xornalista Manolo Ponte Regueira , quen asinaba como "Duende" o encargado de pasar desde o primeiro até o último minuto con Pividal e Fidel, durante a visita de iste a Venezuela nos próximos dias.

E asi, un 8 de xaneiro de 1959, pouco despois de concluir Fidel o seu discurso en Ciudad Libertad, aterrou no aeroporto internacional José Martí, Pividal e un compañeiro do Movimiento, dous dos cinco dirixintes do 26 de Julio -Sección Venezuela- que permaneceran en Caracas.

Ao dia seguinte, os dirixintes do Movimento 26 de Julio -Sección Venezuela- reuniron-se para coñecer e felicitar a Fidel Castro, este, sen os coñecer, relata Pividal, saudou a cada un deles polo seu nome e apelidos.

Foi nesa mesma xuntanza na que Fidel comentou a Pividal a sua intención de realizar, como primeira viaxe oficial despois do triunfo da Revolución, unha viaxe a Venezuela, que cadraria co primeiro aniversário, 23 de xaneiro de 1959, da volta á democrácia deste país que tanto axudara a Cuba. Rogou-lle Fidel a Pividal que volvera o máis axiña posíbel a Caracas, este lle replicou a Fidel que xamáis se desempeñara coma diplomático... " no acto interrompeume: Eu tampouco coma comandante".

Francisco Pividal Padrón foi o primeiro embaixador nomeado pola Revolución Cubana, designación, ao entender do embaixador, que se debia non a algun mérito, se non a que Fidel escolleu Venezuela como primeiro país a ser visitado. Quince dias transcorreran, desde a entrada triunfal a A Havana, e o Comandante Fidel Castro Ruz voaba nun Superconstellation da liña aérea Aeropostal Venezolana rumo á que foi por algun tempo, a residéncia do Apóstolo da independéncia José Martí.

O 18 de xaneiro de 1959, nun avión do Delta Chicago, chegaba de A Havana o novo embaixador, que prepararia a visita de Fidel.

A embaixada da república de Cuba, lembra-nos Manolo Ponte , estaba ubicada no alto de Colinas de Bello Monte. Facia só dezasete dias, que o hoxe embaixador, tentara, xunto a outros exilados e emigrados, tomá-la pola forza. Tento frustado pola policia venezuelana, e co saldo mortal da perdida da vida da xove Lía Fagundo.

O 19 de xaneiro, un dia despois da chegada, o embaixador Pividal dispuxo o traslado á sede da embaixada das tres dependéncias que constituían a misión diplomática na Venezuela, é dicer, o consulado, a chancelaria e a residénza.

A esposa do embaixador, como voluntária, encarregaria-se da administración. Carme Lina Villaverde seria a agregada civil. José Rodríguez Valdés o cónsul e a sua filla a secretária.

Fidel Castro viña convidado polo Comité Sindical Unificado Nacional e pola Federación de Centros Estudiantis de Venezuela. A Xunta de Governo (transitória) unira-se á iniciativa e declarara hospede de honra a Castro.
Fallaban catro dias e era grande a premura dos anfitrións. A razón da mesma debiase a que era importante a presenza de Fidel, antes da toma de posesión de Rómulo Betancourt o 13 de febreiro.

Betancourt non simpatizaba co Movimiento 26 de Julio, e moito menos con Fidel. Sendo presidente da Venezuela, era moi difícil a presenza de Fidel no país, por non dicer imposíbel. Contaban que o rexeitamento mesmo, era de carácter hormonal, foi o mesmo Betancourt que acuñara máis tarde o neologismo de “castrocomunismo” para se referir ao agrumar da guerrilla en Venezuela.

Rómulo dera moitas mostras desa antipatía. Estando en Nova Iorque, nun acto de apoio aos combatentes de Sierra Maestra, Rómulo Betancourt, quen debeu ser un dos oradores, excusouse alegando que só falaria para todos os cubanos e non para unha parte deles.

O 20 de xaneiro de 1959, Pividal, entrevistabase con Edgar Sanabria, presidente da Xunta Provisoria, este dixo-lle que apresentase as suas credenciais ante el e non ante Rómulo Batancourt, pero como a viaxe de Fidel era iminente, e non tiñan tempo para apresentar as credenciais, fixouse o 2 de febreiro de 1959 como data para acreditalo.

Dias pasou o embaixador buscando ao que seria o próximo presidente, co fin de lle notificar , a chegada do comandante en xefe.

Non foi até o 21 de xaneiro que Pividal atopou a Betancourt no Hotel Maracay. Vintecatro dias mais tarde, o hóspede deste hotel, seria presidente de Venezuela.

Betancourt explicoulle a Pividal que el non podia estar no recebemento ao doutor Castro, pois estaria en Puerto Cabello como observador dunhas manobras navais.

Rómulo mostrouse interesado na sinatura dun convénio entre os Governos de Cuba e Venezuela para que as respetivas sedes diplomáticas pasasen a ser propriedade dos Estados correspondentes.

A isto chamouno Rómulo, "darlle un pau á lámpada", que non era outra cousa, continua Manolo Ponte, que forzar á recén criada Comisión contra o Enriquecemento Ilícito de Venezuela, para que acelerase as expropiacións e confiscacións pendentes de execución. Mesmo, a sede da embaixada de Cuba en Caracas, era a mansión do ministro de Defensa do ditador Marcos Pérez Jiménez.


Chega Fidel Castro

Manolo Ponte, fixo do porto e aeroporto de A Guaira, a sua base de operacións en El Nacional. Unha coluna diária sua reflectia o acontecer daqueles que ían e viñan.

Pero hoxe, 23 de xaneiro de 1959, non chegaba calquera a Caracas, e non só ía cobrir a chegada e saída, senon os dias que estivese en Caracas, o doutor Fidel Castro Ruz.

La Guaira comunicase con Caracas através dunha autoestrada, que facia pouco inaugurara o ditador Pérez Jiménez. Xa desde cedo, ista, atopabase conxestionada pola grande cantidade de persoas que se apostaran á beira, e nas vias colaterais. O vello aeroporto Simón Bolívar, coas suas amplas terrazas era, en palabras do embaixador Pividal: "unha mancha humana que se extendia para cobrilo todo".

Estaba a chegar o heroe da Sierra Maestra, non nun, senón en tres avións. Un cubano, cheo de euforia, subiu por un asta de bandeira e colocou a bandeira de Cuba.

A infanteria de mariña e a Guardia Nacional gardan, dentro das suas escasas posibilidades, a orde da xente que se quere avalanzar á pista de aterraxe con bandeiras cubanas, venezuelanas e cartaces. Só un milagre fixo que aquela euforia desatada non se convertese nun desastre de incomensurábeis proporcións ante a aterraxe dos tres avións, que voaban desde A Havana con Fidel e os seus barbudos.

O avión de Fidel, xa estacionado e en terra, ficou rodeado cunha muchedumbre. Pividal declaraba:

“Ou que tarde tan fermosa e radiante!

A brisa do Caribe, bico azul que nos une a Venezuela, varria a temperatura algo sufocante da hora meridiana.

O arribo do xefe da Revolución Cubana, simbolizaba a vitória do nosa povo.
Vencéramos!

Venezuela recoñeciao e demostrabao!”.

Duende (seudónimo de Manolo Ponte Regueira) calculaba en máis de cen mil, as persoas que concorriron ao recebemento no aeroporto. Fidel explicaba as razóns da sua visita a Venezuela á prensa. Primeiro, por un sentimento de gratitude. Segundo, por un deber elemental de reciprocidade cara todas as institucións que tan xénerosamente convidaron aos cubanos a participar no aniversário deste dia glorioso do 23 de xaneiro.

Sentimento de gratitude ao povo venezuelano polo seu constante e desinteresado apoio moral e material durante a guerra en Sierra Maestra e en toda Cuba.

Subiron até o avión, para saudar a Fidel e a parte da súa comitiva, o embaixador Pividal, Manolo Ponte, Fabricio Ojeda, Jovito Villalba, Eduardo Gallegos Rabelo, Guillermo García Ponce (hoxe un dos protagonistas ideolóxicos da revolución bolivariana), Gonzalo Barrios que pasara tres veráns con Rómulo Gallegos en Beluso, Pontevedra, Luis Beltrán Prieto Figueroa, os estudantes Jesús Carmona e Jesús Sanoja Hernández e o dirixinte sindical José González Navarro.

O contralmirante Wolfgang Larrazábal, presidente en funcións até a asunción do presidente electo Rómulo Betancourt, en febreiro, non pudo subir á aeronave debido á grande cantidade de xente que a rodeaba.
Despois dos saúdos con aquilos que lograron subir ao avión, Fidel, desde a pequena plataforma da escadiña, antes de iniciar o descenso, saudou cos brazos en alto e as mans entrecruzadas. En palabras de Ponte : "Un xúbilo indescriptíbel contaxiaba a todos coma un andazo! Nunca antes, escoitara ovación tan ruidosa! As consignas e os vivas a Venezuela, a Cuba e a Fidel atronaban o espazo".

Toda a América Latina estaba no aeroporto Simón Bolivar. Os independentistas boricuas, os revolucionários dominicanos que loitaban contra "chapita" (Leonidas Trujillo), os haitianos que facian outro tanto contra Duvalier, exibian os seus cartaces e as suas bandeiras, lembrando como ben dicia Simón Bolívar, que a pátria é América.

Nun abrir e pechar de ollos, Fidel e os seus barbudos xa non estaban. O embaixador Pividal marchou co contralmirante Wolfgang Larrazábal. Nengun dos dous sabia onde estaba Fidel . Larrazábal mandou de imediato, a un dos seus axudantes, para coñecer o percorrido e o lugar exacto no que se atopaba Fidel. Momentos despois, informabaselle ao presidente en funcións, Larrazábal, que o xefe da revolución cubana subira a un camión de carga que pasaba valeiro polo aeroporto e xa viaxaba, pola autoestrada, rumo a Caracas.

O Cadillac negro do presidente en funcións Larrazábal, no que viaxaba Pividal, coas suas escoltas motorizadas, tratou de abrirse paso para alcanzar o camión no que viaxaba Fidel e os seus barbudos. Pividal, que levaba xa once anos en Venezuela, exercendo a docencia no liceo Agustín Codazzi e na Escola de Aviación Militar, tivo tempo de falar no automóbil con Larrazábal sobre a posibilidade de que el, despois de asumir o poder Betancourt, fose como embaixador a Cuba, Larrazábal para esa data, xa fora designado embaixador en Chile.

O Cadillac deu alcance ao camión no que ía Fidel e os barbudos. Alzaron en peso a Pividal e a Larrazábal e fixeron un pequeno espazo para que apoiados no teito do camión, sen nengunha suxeción, en cada curva ou en cada bache se zarandeasen como unha xelatina. Aquilo foi todo un espectáculo.

A xente, ubicada a ambos lados da autoestrada e ao longo dos trinta quilómetros que separaban La Guaira de Caracas, vitoreaban a Fidel, a Cuba, a Venezuela e a Martí.

Conta Duende que as fotos, aparecidas ao dia seguinte na prensa local, non se aproximan, nen mínimamente, á grandiosidade daquelas esceas que viu e comentou para El Nacional.

O rompemento de todos os esquemas estabelecidos. De protocolo en relación aos xefes de Estado ou de governo. Con autos luxosos e motocicletas. Con automóbiles de cristais blindados... todo iso foi roto por Fidel e os seus barbudos. Por encima do teito do camión vianse os bustos de Pividal, Fidel, Celia e Larrazábal.
Pero Fidel, despois de saudar e saudar...comezou a perguntar a Pividal e a Larrazábal:

• A situación política do país nese momento (23 de xaneiro de 1959)
• O total de votos atinxido por cada partido.
• A opinión da prensa venezuelana pola sua visita
• A povoazón total do país e a porcentaxe de rural e urbana.
• Os benefícios crediticios recebidos pola masa labrega en anteriores governos.
• A superfície de Venezuela e a porcentaxe de terras cultivábeis.

Todas estas perguntas, ian dirixidas, ben ao contralmirante, ben a Pividal, ben a quen as quixese responder. Fidel, en palabras do seu embaixador: "é un lanzador infatigabel. voltaba ao caixón de lanzamentos para repetir os seus envios a home, a fin de avaliar a nosa capacidade de bateo". (comentário con palabras quitadas do argot do béisbol).

E é que o maior obxectivo, de todos aqueles que vivian e convivian con Fidel na sua nacente Revolución, era o non ser retirados da quenlla de bateo. Pividal salvárase das "rectas", "curvas", "bolas baixas" e "parafusos" das perguntas de Fidel, debido aos seus once anos en terras venezuelanas e ao seu coñecemento do meio, porén, a pesares de sair ben da primeira "entrada" (a primeira entrada ao campo de béisbol dos bateadores), fallaban oito mais (nove "innings" (entradas) ten un partido de béisbol).

Asi, na plataforma dun camión destartalado, entraron en Caracas. Case o millón de persoas esperaba ao "cubiche" Fidel e os seus barbudos, armados con pistola ao cinto e metralletas.

Ás 5:30 da tarde, chegaban todos ao restorán El Pinar no bairro El Paraíso, lugar no que se ofereceu un xantar en honra a tan importante convidado. Fidel saudou un por un a todos os asistentes, até que se atopou co presidente do Partido Comunista de Venezuela, Gustavo Machado, ao que abrazou e bromeando dixo-lle: "Ti es o único comunista millonario que eu coñezo".

Sentados na mesa, Fidel ocupou un lugar entre o ministro do Interior e o de Relacións Exteriores.

Fidel, praticou o seu “lanzamento” verbal de perguntas cos ministros que lle tocara a destra e sinistra. Este, o pitcheo, ía desde os tipos e sabores de cada prato, até as perspectivas da política internacional a desenvolver polo novo governo.

Conta Manolo Ponte, presente no xantar, que Fidel abordaba con grande dominio e sinxeleza as temáticas máis complexas e variadas, levando-as sempre aos intereses da Revolución. Conta Ponte, que naquel xantar, escoitara falar de receitas a Fidel (ponto máis tarde corroborado pola mellor biografia feita a Fidel, a de García Márquez), de gastronomía antillana e da preparación de pastas italianas.

Ese mesmo 23 de xaneiro de 1959 na noite, ía celebrarse en El Siléncio, na Praza

Caracas, o acto central polo primeiro aniversário da caída da ditadura de Marcos Pérez Jiménez. Fidel Castro seria o orador de orde, e ponto central da sua visita á nacente democrácia venezuelana.


A "circunstancia" venezuelana de Fidel

Ese 23 de xaneiro de 1959, Fidel, antes de dar o seu discurso, pasara polo Palácio Blanco, sede do Executivo Nacional, e fora atendido polos membros da Xunta Provisional de Governo, que sucedera a Pérez Jiménez mentres non era asumido o governo polo gañador nas eleccións.

Fidel, atopabase cun Governo que non era Governo, e que levaba moi ben o nome de provisional. Por esixéncias constitucionais, o contralmirante Wolfgang Larrazábal, presidente da Xunta de Governo (provisional), deixara o cargo, para apresentarse como candidato na campaña electoral pola presidéncia.

Isto, descabezou á Xunta, e esta acefalía foi coberta polo único membro civil da mesma, Edgar Sanabria, quen seria presidente até a celebración de eleccións e a asunción en febreiro do presidente electo.

As eleccións leváronse a cabo o 6 de decembro de 1958 e Larrazábal sofreu unha grande derrota. Asi, cando Fidel chega a Caracas, Larrazábal non é presidente da Xunta Provisional de Governo, sen embargo goza de grande predicamento entre os venezuelanos, proba de iso é a grande cantidade de persoas que acoden aos actos públicos nos que el está presente.

Foron ao Palácio Branco, Fidel, o seu embaixador Pividal e o comandante Luis Orlando Rodríguez. Manolo Ponte “Duende”, a sombra coruñesa de Fidel tomou nota da visita para os lectores de El Nacional. Recebidos por todos os membros militares da Xunta, a conversa, relatanos “Duende”, tivo como ponto central, distintos tópicos castrenses: armamento, deslocación de forzas, emboscadas, combates, disciplina, poder de disparo, etc.

Abraidos ficaban os militares venezuelanos ante as explicacións do Comandante en Xefe, a pesares, de non ser Fidel, un "profisional da guerra" se non un avogado.

O ponto central das perguntas dos militares venezuelanos consistia en saber como, un puñado de homes derrotara en só 24 meses, a un exército como o cubano que estaba adestrado, asesorado e financiado polos gringos. O espantoso, para eles, foi o corolario desta guerra de guerrillas que asulagaria América Latina un pouco mais tarde, e a Venezuela e ao governo de Rómulo Betancourt en especial.

Os militares venezolanos, daban a impresión, segundo o embaixador cubano, de ter programadas as suas perguntas, acordes aos intereses das armas ás cales pertencian. O coronel Pedro José Quevedo, interesouse pola descrición do cenário da guerra revolucionária, e moi especialmente polo relevo da Sierra Maestra. Manuel Ponte contou a história contada por Fidel.

"Despois da encalladura do Granma... e do revés sofrido en Alegría del Pío, só ficamos dezaoito compañeiros espallados que logramos reagruparnos, nas Cinco Palmas, para iniciar o ascenso á Sierra. Cumplíamos asi, os dous primeiros enunciados da miña profecia en terra azteca:

Se saio, chego; se chego, entro; e se entro, triunfo.

A cordilleira extendese -continuaba Fidel- desde Cabo Cruz até a Baía de Guantánamo. Ten unha lonxitude de 240 quilómetros e un ancho que vai entre 15 e 30 quilómetros. O pico Turquino cos seus 1.994 metros é a maior altura da Sierra Maestra e de Cuba. As ladeiras da cordilleira afundense polo Sul no mar Caribe, e apenas deixan espazo para o tránsito veicular, o que nos brindaba unha certa protección. Mentres Fidel falaba, continúa Manuel Ponte, o capitán de navio e membro da Xunta, Miguel Rodríguez interrompeu-no, pois segundo el, non entendia a falla de apoio da mariña de guerra.

Fidel explicoulle que a mariña de guerra nada podia facer, pois nese tramo de costa só se aprecian de treito en treito, pequenas enseadas como as de Caletón Branco, Juan González, Chivirico, nengunha delas con profundidade abondo como para embarcacións de grande calado para lograr un desembarco. Porén, prosiguiu Fidel, a pesares desas condicións favorábeis para a guerra de guerrillas, non descuidábamos que unha fragata apoiase o desembarco. En 1957 realizamos unha campaña para coñecer minuciosamente a costa e a cordilleira. Foi a etapa das exploracións e da base social para o posterior apoio loxístico que debia suministrarnos os recursos naturais e humanos da rexión.

Todas estas explicacións de Fidel, ante os militares e membros da Xunta de Goberno na sede do Poder Executivo, eran acompañadas con acenos e ademáns que máis ben semellaba que estabamos ante a proxección dun filme, engade “Duende”.

Desprovistos Fidel e os seus acompañantes de todo protocolo, os militares venezuelanos fixeron máis e máis perguntas. Estas variaban desde a adquisición de armas e a sua clase até o apoio loxístico, a efectividade da aviación e os meios empregados para as comunicacións. Porén, Fidel, xa “desconectara” de tanta pergunta, e acabou dicendo só o que el queria. Falou sobre a estrutura do exército rebelde, a disciplina, os mandos, as colunas. Unha destas, o 10 de outubro de 1958, da Comandancia Xeral, saiu a coluna Nº32, José Antonio Echeverría, organizando o IV Fronte Simón Bolívar.

Fidel voltou ao mesmo ponto de início, despois da sua breve "amnesia interrogativa", ponto que seria central unha hora mais tarde na grande concentración popular da Praza Caracas na zona chamada El Siléncio:

"Os eternos aliados das ditaduras non se resignan a soportar o triunfo definitivo dun povo que sen máis armas que as que soubo arrebatarlle ao inimigo en cada combate, librou durante dous anos unha guerra cruenta contra un exército numeroso e ben armado de tanques e canóns. Un exército dotado das armas máis modernas. E a nosa aldea que nada diso tiña, a nosa aldea inerme, sen adestramento, sen tácticas de guerra pudo derrotar ao exército poderosamente armado da ditadura que contaba con sesenta mil homes".

Manolo Ponte non aloxaba nengunha dúvida verbo o motivo da visita de Fidel a Venezuela, que non era outra que deixar isto ben claro para que servese como exemplo.

A forza aérea de Batista casi non causou baixas entre os rebeldes, pero si causou innumerábeis vítimas entre os labregos. Os Seafury ingleses e os B-26 gringos sementaron o campo de cadaveres labregos, guajiros (nome dos labregos en Cuba), que antes sementaban vida, e hoxe eran eles os "sementados".

O discurso bélico de Fidel cos seus interlocutores venezolanos estivo, como todas as cousas del, encho de anécdotas.

Contaba que despois da batalla de Guisa, batalla que se prolongou por case dez dias, do 20 ao 30 de novembro de 1958, os rebeldes se encontraban festexando a vitória nunha mansión campestre dun xerarca do governo de Fulgencio Batista, apelidado Corona. No meio da celebración alguén dos presentes comezou a alertar sobre a posibilidade dun bombardeo aéreo, chegando ao extremo de dicer que escoitara o ruído do motor dun avión de recoñecemento.

Dixo Fidel, que o lugar no que se achaban era coñecido co nome de Hoyo de Pipa, e que os guerrilleiros, facendo honra ao nome, realizaron hoyos por toda a finca ficando como un queixo suízo.

Lembraba Fidel, coa sua memória privilexiada, as armas utilizadas polo exército de Batista, moitas das cales serviron despois ao exército Rebelde. A lista enumerada por Fidel era longuísima, entre elas estaban, segundo lembra Manolo Ponte:

• Fusiles automáticos Johnson, calibre 30.
• Fusiles metralladoras Thompson, calibre 45.
• Fusiles Springfield, M-1 e Garand.
• Rifles Remington e Winchester, calibre 44.
• Carabinas San Cristóbal, calibre 30.
• Morteiros de trincheira de 81 mm e granadas de 37 mm.

Contaba Fidel que nas primitivas e rudimentárias armerías do exército Rebelde fabricarase o fusil lanzagranada M-26. Engadia o precário das comunicacións entre a Comandáncia e as diferentes colunas, que resultaban moi complicadas, até que precisamente Celia Sánchez, a sua secretária e acompañante na visita a Venezuela, estabeleceu un sistema telefónico que dentro da Sierra Maestra resolveu ese problema.

Radio Rebelde comezou a emitir un 24 de febreiro de 1958, baixo o indicativo 7 RR, correspondiendo o número sete ao mes.

Fidel Castro en El Silencio… para falar

Sen dúvida que o acto de maior transcendéncia, dos tres dias de Fidel en Caracas, foi o de El Silencio. Fidel estaba afeito á xente, ás masas. Baixaron dos cerros, as persoas humildes, querian ver a aquel, brancuzco e barbudo guerrilleiro, apolineo, culto, intelixente, cubano... irmán.

Comezou quitandose do corazón toda a gratitude de Cuba para con Venezuela, a pátria do Libertador de tantas nacións. Augurou unha guerra a morte para combater os golpes de Estado, sancionar aos responsábeis, defender á democrácia, desenmascarar ao imperialismo e loitar pola integración de Latinoamérica. Máis que un discurso, Fidel, conversou durante dúas horas con todos os apresentes, unha conversa che de fe na conciencia e empurre arrollador dos povos do mundo que nunca tiveron acougo, nen liberdade, engade Manolo Ponte.

“Irmáns venezuelanos... sentin unha emoción maior ao entrar a Caracas, que a que experimentei ao entrar a A Havana... en certo modo, era lóxico que o povo de Cuba abrise os brazos para recebernos ... polo povo de Cuba loitaramos sete anos...

...De Venezuela só recebemos favores. Nós en cámbio, non lle demos ren... Alentaron-nos durante a loita coa sua simpatia e o seu agarimo. Fixeron chegar a “Bolívar”(1) até a Serra Mestra. Divulgaron por toda a América as transmisións de Rádio Rebelde. Abrironnos as páxinas dos seus periódicos...”.

Manolo Ponte detalla que foron precisamente as emisoras Rádio Continente e Radio Rumbos de Caracas; asi como a Cadena Caracol de Colombia, La Voz de los Andes no Ecuador, e as que se uniron para formar a Cadea Liberdade de apoio á Revolución Cubana, que tiña asegurada, meia hora despois de falar Fidel ou de calquera vitória, a notícia en toda a América Latina.

Por último, Fidel, quixo facer unha homenaxe á prensa escrita, que cos seus artigos e a defensa da Revolución, lograron a suma de moitas vontades.

Lembrou mais tarde outro grande favor que Cuba lle debia a Venezuela:

“Chegou felizmente... a expedición venezuelana, sen perda do menor obxecto dos que foron consignados. En nengunha circunstáncia, mellor que a presente podia auxiliarnos con esta remesa de armas e municións...”.

Carlos Manuel de Relvas, Os Charcos, 17 de xullo de 1871.

Tamén José Martí agradeceu a Venezuela:

“Cando Relvas e Agramonte, Venezuela mandou a Cuba herois seus a morrer; e máis mandase, e abriunos as suas casas, e comezou a armar a sua mocidade -e se non deu máis, non foi culpa de Venezuela-. Cómpre aqui como irmáns, quitarse do corazón toda a gratitude de Cuba a Venezuela”.

José Martí en Patria, Nova Iorque, 1 de abril de 1883.

Seis toneladas de armas doou Venezuela aos heroicos combatentes da Sierra Maestra. Fidel, coñecedor de isto, e moito máis, explicou naquel discurso-conversa a razón máis poderosa da sua viaxe, e asi aparece una prensa venezuelana asinado por polo coruñés Manolo Ponte Regueira “Duende”:

“Porque o povo de Cuba necesita axuda do povo venezuelano, neste intre díficil ainda que glorioso da sua história. Necesita o apoio moral do povo de Venezuela, porque a nosa pátria está a sofrer hoxe a campaña máis criminal e covarde desatada contra povo algún que loitase tanto para conquistar a sua liberdade... Campaña orquestrada polo imperialismo norteamericano”.

O povo de Cuba lanzou-se á loita revolucionária, igual que antes o fixera pola independéncia.

Dixo Fidel:

“Lembrarán vostés a história de América -quen mellor que vostedes que fixeron a história de América!-. Todas as colónias sublevaronse contra a metropolí...e loitando heroicamente un fato de povos valerosos, guiados por aquel condutor que foi Simón Bolívar lograron a sua independéncia...

Bolívar non se esqueceu de Cuba... Non pudo o Libertador unir aquela illa ao ácio de povos que libertase e nós, en Cuba, seguimos un século mais, baixo o xugo colonial. Os governos esqueceronse de Cuba. Só ficou a nosa pátria, librando durante trinta anos a batalla da sua independéncia.

E Cuba fixoo so, o que os outros povos realizaron en forma unida. Cando ao fin logramos a nosa independéncia, apareceron no meio os Estados Unidos.. .para "liberala"... pero cando chegou a hora e ficaron alá dous anos... Todos os asasinos, todos os delatores ficaron na illa. “Protexeunos” o poder estranxeiro. Non houbo, pois, xustiza .E asi comezamos mal a nosa caricatura de República”.

Manolo Ponte sempre fixo fincapé nestas palabras de Fidel, deixando claro que as suas palabras finais, naquel grandioso acto en El Silencio, estiveron tinxidas do ideal bolivariano, deixando claro que a loita pola integración continental americana, ten moito que ver co papel de Venezuela:

“Abonda xa de erguer estátuas a Bolívar sen cumplir as suas ideas. O que temos que facer é cumplir as suas ideas. Até cando imos permanecer en letargo, forzas indefensas dun continente a quen o Libertador concebiu como algo máis digno e grande? Até cando imos estar divididos, vítimas de intereses poderosos? Venezuela debe ser o país líder da unidade dos povos de América, pois Bolívar é o pai da unión dos povos de América”.

O público, casí tumba as dúas torres que están en El Silencio coa ovación que lle ofereceron a Fidel, quen se foi a saudar á xente que estaba abaixo.
Pividal, Manolo Ponte, Fidel, os barbudos e outros xornalistas foronse a altas horas da madrugada daquel acto. Conta o embaixador de Cuba, que a Fidel, a esa hora, se lle ocorreu dar unhas voltas pola cidade, cando todos estaban destruídos ...Fidel semellaba estar fresco como unha leituga.

A esas horas da madrugada, cando bordeando o Guaire (rio que atraviesa a cidade de Cacracas), se achegaban a Bello Monte para chegar á embaixada cubana, Manolo viu como o automóbil no que viaxaba o embaixador e Fidel para nun pequeno restaurante no que se podia ler o seguinte letreiro: "Vendese mondongo de touro negro".

Pediu Fidel ao camareiro, que era ademais o proprietário, un prato de mondongo. Aquel prato de mondongo era impresionante, era, xigantesco. O prato e os pedazos de bandullo e graxa que o enchian. Fidel, literalmente, meteuse un atracón, ninguén pudo seguirlle o ritmo debido ao reventón que poderia significar o mesmo prato en outras humanidades.

Fidel, conta-nos Manolo, chamou outra vez ao proprietário. Pensei que para repetir tan opípara cea-almorzo (era perto da madrugada), sen embargo Fidel chamou ao dono para facerlle unhas perguntas:

• Que diferencia hai -comezou perguntando- entre este mondongo e o dos outros touros que non sexan negros.
• Nengunha! –respondeu sorrindo o dono. Poño o cartaz do touro negro para atrair clientes.
• -Canto gastas en aluguer, luz, combustíbel para cociñar, auga, limpeza, impostos fiscais, manteiga e condimentos para sazonar?

Por este camiño, Fidel levaba a conversa e, mentalmente, realizaba as contas que determinarian o costo da producción conta “Duende”.

O proprietário non saía do seu abraio. Cada resposta desataba un furacán de contradiccións. Fidel, despois, dixolle que por cada prato vendido, el, o proprietário, perdia cinco céntimos de bolívar. Concluindo, o home vendia moi barato e mercaba un pouco mais caro que vendia.

Saíron todos do lugar e o dono acompañou-nos á porta. Viu na entrada os coches, a limusina, as motos dos escoltas e o persoal militar. Perguntoulle a Manolo Ponte que quen era ese señor. Fidel Castro! respondeu, ao que el engadiu: “E ,cantos restaurantes ten?”.

Fidel lle dixo ao seu embaixador Pividal,: "Embaixador, almorzaremos no Hotel Humboldt, no mais alto do cerro Ávila".

24 de xaneiro, segundo dia da visita

O segundo dia comezou cunha recepción no Concejo Municipal de Caracas. Nun acto coas máis altas honras, Fidel é declarado Hospede de Honra. Lembra “Duende” que no salón hai un óleo que reproduce o momento da sinatura da Acta de Independéncia de Venezuela o 11 de abril de 1811. Fidel viu o cuadro e dixolles que entre os asinantes de tan importante documento estaba o cubano de Camagüey, Francisco Javier Yans:

“Imaxinen aquel 5 de xullo de 1811.Aquilos herois sentiron-se felices ese dia, porque creyeron haber conquistado a liberdade definitiva do povo.Porén, canto tivo que loitar Venezuela despois desa data! É que a história de América se escrebeu con dor, con suor, con bágoas e con sangue!”.

Foi despois Fidel ao Parlamento, a poucos metros do Concejo Municipal de Caracas. Deputados e senadores receben a Fidel con aplausos e ovacións. Rafael Caldera, quen mais tarde seria duas veces Presidente de Venezuela, e nese momento era presidente da Cámara, declara aberta a sesión. O Secretário le o único ponto da orde do dia, ocupando a tribuna o orador designado para o acto, que era o xoven lexislador Domingo Alberto Rangel quen acabou o seu discurso con estas palabras:

“Que os triunfos de Cuba non sexan somente de Cuba, e que os triunfos de Venezuela non sexan somente de Venezuela se non de cubanos e venezuelanos... Construamos o grande Continente... para nos converter en paises definitivamente soberanos que teñen direito á luz, pero que tamén teñen direito ao pan”.

Máis dun minuto duraron os aplausos ao deputado Rangel. A ovación é ainda maior cando Fidel se pon de pé. Este solicitara-lle a Caldera, presidente da Cámara, non facer uso da palabra, pero se agora decidia facé-lo é porque consideraba que non era a el a quen se lle rendia homenaxe, "se non ao povo de Cuba, e porque quen o fai é a representación da povo de Venezuela, que son os deputados e senadores...".


Continúa Fidel:

“Pero nesta Cámara, que é representación lexítima do povo, pode facerse unha revolución tan profunda como a que se está a facer en Cuba por outros procedimentos...”.

nese preciso intre, hembra Manolo Ponte, alguén berra desde a 'varra':
“Aqui non houbo unha verdadeira revolución...!”.

Fidel interrompelle:

“Pero pode habéla...”.

Sinalando a importáncia, e a tarefa que debe desenvolver o Congreso de calquera país demócrata, alentando reformas e dotándolo de leis verdadeiramente revolucionárias.Non deixou de nomear, e estender-se cos ideais de Bolívar e Martí:

“Semella que aos homes públicos de hoxe nos dese vergoña falar deses ideais, en momentos en que precisamos mais que nunca seguir o exemplo deses homes que se sacrificaron pola liberdade e a xustiza...

Hai que unir máis os vencellos entre cubanos e venezuelanos. Imos mandarnos estudantes, pero non catro ou cinco, se non douscentos ou cincocentos. Imos facer tratados de comércio.

Suprimamos os visados entre Cuba e Venezuela...”.

O 23 de xaneiro chegaba Fidel a Caracas, e en menos dun dia pronunciara catro discursos. Despois do acto no Parlamento, tocaba-lle na que Fidel chamaba a sua"casa", a Universidade Central de Venezuela (UCV).

Antes da visita á Universidade Central, Héctor Mujica estivera en A Havana para realizar a portada do periódico universitário, xaneiro 19 de 1959. Nesta portada aparecian dedicatorias do Che, Cienfuegos, Fidel e o presidente provisional Manuel Urrutia.

Con unha demora de dúas horas, ás 2:30 pm, contanos manolo Ponte que chegaron el, Fidel, Pividal, e os barbudos. A Aula Magna, obra do arquitecto venezolano Carlos Raúl Villanueva cos "pratiños voantes" no ceu e paredes da mesma do escultor norteamericano Alexander Calder; hoxe declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO, serviu de marco para que os atestados asentos, corredores, escadas de profesores e estudantes, obreiros e persoal administrativo escoitase a voz do "primeiro território libre de América", Cuba.

Fidel sentiase como en casa. O avogado, comandante, guerrilleiro, revolucionário entrou á política nunha universidade.

Fidel estudara o bacharelato no coléxio Belén da Compañía de Xesus. Moitos dirixintes universitários cubanos da FEOU, Federación de Estudiantes Universitários da Universidade de A HaVana, pertencian á Mocidade Socialista.

Debido ao pasado de Fidel como estudante dun un coléxio de xesuítas, os dirixintes universitários de esquerda comentaban ao escoitálo falar, argumentar e persuadir que entrara na universidade "Deus ou o diaño", segundo Fidel se ubicara á esquerda ou á direita, respectivamente.

Conta “Duende” que abriu o acto o Reitor da Universidade Central de Venezuela, doutor Francisco De Venanzi, científico con unha grande reputación, con amplitude ideolóxica e política quen dixo naquel 24 de xaneiro de 1959:

“A Marcha do Bolívar cara a Sierra Maestra viuse recompensada con creces co achegamento que estamos a receber de Cuba”.

Esta referéncia, indubidabelmente, tiña que ver coa presenza física do líder da revolución cubana en Venezuela e os lazos que unirian a ambas nacións debido a esta presenza. De Venanzi afirmou, que ao dia seguinte, constituiriase o Comité Pro Liberación da República Dominicana, Comité que: “estou seguro que o estudantado universitário de Venezuela emprestará o seu concurso para iniciar a Marcha do Bolívar cara Santo Domingo.Temos que aumentar a solidariedade continental para estar prestos a defender ao país que a necesita”.

Unha vez finalizada a intervención, entregouselle a Fidel, ao doutor Castro, a boina azul do estudante da Universidade Central de Venezuela, boina que representaba, desde o 23 de xaneiro o símbolo da rebeldia e da democrácia. O Orfeón Universitário irrompeu de imediato co Hino da Universidade, e unha vez finalizado, o director colocou sobre a cabeza de Fidel, a boina azul que o Reitor lle entregase momentos antes.

Pablo Neruda, o grande poeta chileno, presente no acto, nese momento recitou o seu Canto a Bolívar. Contanos Duende que o Aula Magna semellaba un cemiterio nese intre, antes de acabar a sua intervención Neruda dixo:

“O grande da liberdade é que sempre produce ao Home que se constitúe no seu mellor símbolo”.

O Aula Magna veuse abaixo coa salva de aplausos para o autor de Alturas de Machu Pichu.

Pero como ben conta Manolo Ponte, todos querian escoitar a Fidel... e Fidel non falaba. Alongando mÁis o acto, antes da intervención de Fidel, falou o vice-presidente da Federación de Centros Universitários, Jesús Sanoja Hernández quen asegurou que "a Xustiza revolucionária é timbre de orgullo para o estudante venezuelano".

Anunciaron-se as palabra de Fidel... os presentes aplauden, petan o andar... agitan pañuelos brancos.

“Compañeiros universitários, quero chamaros compañeiros, porque realmente me sinto aínda universitário. Nengun sítio de Venezuela foime máis familiar que a universidade. Eu que fun estudiante, en nengun sítio podia encontrarme mellor que reunido con vós. Sempre foron os estudantes os máis ardorosos defensores da liberdade”.

A xente non saía do seu abraio, os tiña hipnotizados. Aplaudian e aplaudian. Fidel, fixo un sinal de calma, e continuou a sua alocución:

“Ser revolucionário é manter a postura revolucionária en todas as ordes... Eu sei que coa liberdade só non comen os povos... Non imos a aristocratizarnos nen a burocratizarnos... Nen van-nos mercar, nen a subornar, nen a intimidar. Imos ser sinxelamente incorruptíbeis... Máis que as palabras, os feitos falarán por nós”.

Asi acabou, ese sábado 24 de xaneiro de 1959 a sua visita, aínda que non a derradeira, Fidel á Aula Magna da Universidade Central de Venezuela.

25 de xaneiro de 1959

Fidel foi ao Coléxio de Avogados. Aplausos e euforia. Fidel, como avogado e xurista, planteou a urxéncia da reforma de códigos e das leis procesuais.Tocou temas de direito constitucional e a misión do profisional do direito revolucionário.

Á tarde ficou para receber na embaixada de Cuba no bairo caraqueño de Bello Monte. Por ela pasaron os dirixintes da Unión Patriótica Dominicana. Os nicaragüenses antisomocistas solicitaron, e obtiveron, un pequeno apoio para voltar a Managua.

Tamén Carlos Andrés Pérez conversou con Fidel e do exílio de ambos en Costa Rica. Falaron sobre a xeladaria do Soda Palace de San José de Costa Rica, onde tantos e tantos plans se fixeron. Pérez comentou sobre o cargamento de armas, que el, enviara á Sierra Maestra nun avión que partira da finca La Lindora, propriedade de Marcial Aguiluz, perto de San José.

Fidel queixou-se de que o presidente Figueres lle enviase unha metralladora calibre 50 sen trípode, ao que Pérez lle dixo que fora o americano Marshall e non Figueres.

Entón daquel encontro da memória, Carlos Andrés Pérez regalou-lle a Fidel unha fibela xigante de ouro con incrustacións na que estaban os escudos de Cuba e Venezuela. Fidel agradeceu- o agasallo, e morto do riso, lamentou o non té-la recebido cando se atopaba, estas foron as suas palabras segundo Ponte "feito terra" como estudante da Universidade de A Havana.

Ese mesmo dia, en horas da noite, foron a entrevistar-se co presidente electo de Venezuela, Rómulo Betancourt, e asistirían a un encontro co Comité Executivo Nacional do seu partido Acción Democrática.

Na xuntanza estiveron Raúl Leoni, que seria presidente catro anos mais tarde, Luis Beltrán Prieto Figueroa, Gonzalo BarrIos que compartise exílio con Rómulo Gallegos en Galiza e en España e que trabara unha sólida amizade con Alberto Fernández Mezquita.

Todos eles foron insistintes nunha pergunta, cal era a opinión de Fidel sobre a posíbel ruptura do fio constitucional por un cuartelazo. Por suposto que esta pergunta era con segundas, pois Wolfgang Larrazábal, militar, tivera aspiracións através das eleizóns, e saira derrotado.

Fidel dixo que non lle collia nengunha dúvida sobre a integridade de Larrazábal e a non intención, bastarda foi a palabra que usou, de contravir a eleizón do povo.

Despois desta xuntanza, dirixironse á casa de Betancourt, Maritmar.

De todas as aparicións de Fidel, ésta conta-nos Ponte,esta foi a que mais cobertura tivo. Ao chegar, á casa, estaba chea de xornalistas estranxeiros e nacionais. Prensa plana e radiada, televisión e cine que deixou cego a Fidel cos seus reflectores.

Escoitou “Duende” a Celia Sánchez que lle dicia ao embaixador Pividal: "o presidente quere unha entrevista ou un espectáculo", ao que o embaixador lle contestou: "Busca difundir ao mundo que el non está contra a presenza de Fidel".

Despois dos mil flashes, Rómulo levou-se a Fidel e a Pividal a unha terraza para que estivesen apartados e en privacidade.Conta Pividal o que falaron naquela terraza:

"Rómulo tomou a iniciativa da conversación.Traía en mente o acontecido no mitin de El Siléncio.Con estudada indiferenza só deixou traslucir que coñecia o incidinte”.

Aquela noite, conta “Duende”, en El Silencio, cando Fidel aseguraba que xa en Venezuela non habia espazo para os golpes de Estado, porque o país dispuña de dirixintes militares como Wolfgang Larrazábal e dirixintes políticos como Rómulo Betancourt que impedirian tales intentos...

Ao mencionar ao Contralmirante, a ovación popular non tivo limites, ao citar a Rómulo, a rechifla caraqueña chegou até o aludido por meio da televisión.

Foi a primeira e única vez que Rómulo, sendo presidente, resultou abucheado no seu próprio país e ante un hóspede de honra como Fidel. Rómulo xamáis perdonaría ao xerador involuntário dese desaguisado capitalino".

Manolo Ponte comentaba que Fidel, nese intre, encontrouse nunha posición difícil. De súpeto, para sair do mal trago, dixo que viñera a Venezuela non para exaltar ou difamar ás máis prestixiosas personalidades do país, se non a render tributo ao Libertador e a Venezuela que tanto apoiou a loita revolucionária na Sierra Maestra.

Derradeiro dia de Fidel en Caracas

Aproveitou Fidel, a estáncia en casa de Rómulo, para lles dicer a todos que ao dia seguinte voltaba a Cuba, non sen antes visitar a alguén moi entrañábel para el (que non especificou nese intre).

Esta visita foi á família Larrazábal. Carlos Larrazábal Ugueto, máxima autoridade da Armada atopabase doente. Fidel visitouno na sua cama. Carlos Larrazábal, segundo conta Ponte, reclamoulle a Fidel a suspensión dos fusilamentos en Cuba.

O 26 de xaneiro de 1959, tarde na noite, baixou Fidel ao aeroporto.Ao chegar a un cruce (á esquerda chega-se ao aeroporto e á direita a La Guaira), Fidel perguntou ao embaixador Pividal que habia en La Guaira, ao que contestou que o porto con un terminal de pasaxeiros.

-Imos Á Guaira -dixo Fidel-.

Chegaron ao porto, a un dos peirao, no que se atopaba un cruceiro atracado. Baixaron-se todos dos automóbeis e subiron ao barco perguntando polo oficial de gardia. Abaixo, en terra, permaneceron Celia Sánchez, Ernestina Otero, a esposa do embaixador Pividal, Laura e outros máis.

Apareceu o Oficial de Gardia, e Fidel desculpou-se pola hora.Comezou nese momento un afábel diálogo entre os dous. Por suposto, comezou Fidel coas suas mil perguntas sobre velocidade cruceiro, cantidade de combustíbel por milla nautica, armamento, alcance dos mesmos, e dos radares, lugar e custe do buque, anos de vida útil, tripulación, oficiais...

Total, que se a noite anterior, Fidel, apareceu como proprietário de restaurantes, hoxe, esa mesma noite semellaba o Almirante Nelson reencarnado, comenta Manolo Ponte.

Asi, na madrugada do 27 de xaneiro, Fidel despedidese oficialmente de Venezuela. Conta “Duende”, que o oficial perguntou ao embaixador se Fidel realizara estudos de nautica, ao que non soubo responder.

Porén a despedida, en Maiquetía rematou en traxédia. Cando chegaron ao aeroporto os integrantes da comitiva de Fidel, os que viñeron nos tres avións, levaban horas agardando. Despediu-se Fidel e subiu ao avión.

Unha vez dentro, lembrou aos seus acompañantes que non esquecesen as suas armas. Este recordatório fixo que o comandante Paco Cabrera fose cara a outro dos tres avións, en cuxa cabina deixara a sua metralleta. Cos brazos en alto e con un pañuelo branco facia señas e pedia, berrando, que detivesen o avión de Cubana de Aviación que nese momento ía cara a pista.

Habia néboa e era de noite. Paco Cabrera pensou que a hélice estaba en bandeira, pois asi semella cando se ve de perfil, achegouse e foi totalmente descuartizado. Cando se lle notificou a Fidel o feito, baixaron todos á pista a ver tan dantesco e horríbel acidente. Fidel dispuxo que vários dos compañeiros ficasen, e pediulle a Manolo Ponte que testemuñase ante as autoridades venezuelanas por tan terríbel acidente. Tamén ordenou a Pividal, o seu embaixador que se fixese cargo para repatriar o cadáver.

Dixo Fidel:

“Que horror...! Venezuela deume as máis grandes alegrías e agora, como para que o meu recordo perdure sempre, me quita a Paco. Custame traballo crer nesta traxédia!”.

A primeira viaxe internacional de Fidel remataba deste xeito. Todos os ollos do mundo estiveron en Caracas, e moitos nas liñas da prense venezuelana e das notas que escrebeu Manolo Ponte Regueira, que máis tarde co secuestro do Santa Maria fixerase aínda con moita máis sona ao roubar un carrete fotográfico ao xornalista norteamericano que quitara unhas exclusivas para os Estados Unidos.

Manolo Ponte Regueira, “Duende”, o home con tinta nas veas morreu en Caracas en setembro de 2003.

Xurxo Martínez Crespo


Nota:

(1) Fidel, a través destas palabras, referiase á campaña de procura de fondos, que co nome de "A marcha do Bolívar cara a Sierra Maestra" dotou dunha grande cantidade de diñeiro á loita guerrilleira. É de lembrar que o troco, para a época, era de tres bolivares e trinta e cinco céntimos por cada dólar norteamericano.

Notas bibliográficas:

El Nacional 23, 24, 25 e 26 de xaneiro de 1959.

Fontes orais:

Juan Bisbal, fotógrafo de El Nacional.
Manuel Ponte Regueira, redactor de El Nacional.
Simón Alberto Consalvi, xornalista, ex ministro de Relacións Exteriores da República de Venezuela.

 
         
Manolo Ponte “Duende” rematou a sua carreira xornalística coma director do diário Meridiano 2001. Aquí nunha das últimas entrevistas que deu antes de xubilarse.
 
     
Eis unha das poucas fotos de Fidel co seu primeiro embaixador nomeado no estranxeiro Francisco Pividal.
     
Asi agardaban a chegada dos tres avións con Fidel Castro, de Cubana de Aviación, milleiros de persoas no aeroporto de La Guaira. (Foto: Manolo Ponte “Duende”).
     
Manifestación nas ruas caraqueñas a prol Fidel e a Revolución Cubana e contra as ditaduras latinoamericanas. Caracas, xaneiro de 1959. (Foto: Manolo Ponte “Duende”).
     
Manolo Ponte, o primeiro pola esquerda, tomando nota das palabras de Fidel en Caracas en 1959. Manolo, coruñés con apenas catro anos en Venezuela, foi a “sombra galega” dos tres dias caraqueños de Fidel Castro.
     
Celia Sánchez, morta en 1980, foi un alicerce da Revolución Cubana.
     
 
Un número especial de Universidad Central con Héctor Mujica como enviado especial en A Havana, xaneiro de 1959. A portada ten saúdos autografados de Fidel Castro, Che Guevara, Camilo Cienfuegos e do presidente provisional Urrutia.
       
Fidel entra ao Congreso venezuelano. O primeiro, detrás con anteollos, é Gonzalo Barrios, íntimo amigo de Alberto Fernández Mezquita, compañeiro sentimental da pintora Maruja Mallo. (Foto: Manolo Ponte “Duende”).