Personaxes da emigración

 

MANUEL PUENTE:

EMPRESARIO E PATRIOTA

Manuel Puente naceu o 16 de agosto de 1890 en Salvaterra do Miño, provincia de Pontevedra. A súa aldea de Oleiros viuno criar cheo de pobreza. Aos 6 anos, despois da morte do seu pai, comeza traballar como dependente dun almacén de ultramariños. Aos 13 anos trasladouse a Barcelona, onde traballou nunha tenda textil ata 1905. Puente, a pesares das propostas do dono da empresa para que se quede decidiu emigrar a América. Así é como o 30 de xaneiro de 1906 chegou ao peirao de Bos Aires no barco Oropesa. O seu primeiro traballo será no curtume que ten o seu tío Casimiro Puente González. Segundo lembra a súa filla Rosa Puente: "...En 1907 coa chegada da súa nai de Galicia, instalouse nunha modesta casa de Avellaneda, e dedicouse de cheo á tarefa de viaxante de comercio. Recorreu toda a República Arxentina, e formou con moitisimo tesón a experiencia e a clientela dun porvir comercial que el sempre vislumbrou claro...".

Aos precarios estudios primarios cursados en galicia engadiu clases nocturnas, cando o tempo llo permitía, en distintos colexios comerciais. Foi un entusiasta lector, ávido de adquirir coñecementos en distintos colexios comerciais. Interesáballe a política, a arte e todo o que significaba enrequeceimento de espirito.

En 1919 fundou a Empresaa Manuel Puente e Compañía, que co tempo se convertiu na máis importante cada de xoiería e de pratería da Arxentina. A súa empresa estableeu representacións en todo o interior do país, para logo se expandir a Francia e Alemaña. Manuel Puente a pesar do seu éxito coma empresario non abandou a súa inquedanza política e social. As súas ideas por aqueles anos estaban vencelladas ao Partido Socialista Arxentino que dirixían Juan B. Busto e Alfredo Palacios. En outubro de 1921participou da fundación da Sociedade Salvaterra do Miño, a cal se integra á Federación de Sociedades Galegas , Agrarias e Culturais. En 1929 enviáronno pola súa sociedade comarcal para visitar Salvaterra e coñecer os problemas dos seus paisanos. Durante a súa permanencia en Galicia fundou a Casa do Pobo da súa terra natal e realizou unha intensa campaña de contra o caciquismo. Durante estes anos desenvolveu o seu perfil republicano e galeguista, recibindo unha grande influencia de persoalidades que ao carón de el participaron da Federación de Sociedades Galegas, como foron Antón Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo.

Coa chegada da república, Puente entusiasmou co novo proceso español. O comezo da guerra civil fixoo abocarse a un labor permanente de colaboración coa causa dos pobos do estado español. O 30 de agosto de 1938 fundou a Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles, que como dixo o propio Puente "empresa que une aos seus específicos fins mercantís e culturais entre os países español e arxentino, a patriótica tarefa de axudar con doacións e recadacións a todo o pobo español que soporta a guerra civil". Durante estes anos preside tamén o Centro Republicano Español. A través da súa amizade co entón Embaixador de España en Arxentina, Dr. Ángel Ossorio y Gallardo, realizou a tarefa case que secreta de fletar avións que traian refuxiados de guerra, para unha vez na Arxentina procurarlles vivenda e traballo. Coa chegada dos exiliados, a súa casa foi cita dos máis destacados intelectuais e políticos da época, Rafel Dieste, Alejandro Casona, os irmáns Jiménez de Asúa, Arturo Cuadrado, Luis Seoane, Comeiro, Elpdio Villaverde, Ramón de Valenzuela, Colmeiro, Alfredo Somoza e Blanco Amor que xa residía en Bos Aires. Quen se hospedaban na súa casa no seu tránsito por Bos Aires foron os xenerais Rojo e Miaja.

Segundo relata a propia filla en xullo de 1940 sucedeu algo fundamental para a súa existencia: "Chega a Bos Aires Alfonso Rodríguez Castelao, o irmán que non lle deu a vida mais que si a loita por Galicia". De aí en máis encamiña os seus ideais nacionalistas pola redención do seu pobo. Non hai só acto, a partires desta amizade, que na vida patriótica de Castelao non participase de xeito directo e eficaz.

Xunto a Castelao, Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Elpidio Villaverde fundou o Consello de Galicia, organismo similar a un goberno galego no exilio. Neste Consello presidido por Castelao foi nomeado presidente da Comisión de Facenda. "...A plana maior do galeguismo no Plata, tiña unha xuntanza sabatina. Era de cada sete días, na sala de xantar onde vivía o Sr. Manuel Puente. Un edificio de traza postmodernista, de tres andares e garaxe ao ras do chan. Ubícase ao núm. 3.660 da multiquilométrica calle Ribadavia.

A parte dos máis atractivos correlixionarios da capital, alí caían os da plata, Mendoza, Rosario, Montevideo,... cando se atopaban en Bos Aires. E alí leu Castelao pouco despois de chegar as súas mans, a mensaxe do Presidente Giral...", noutro parágrafo dixo Paz Andrade, "...Chegou ser desde aquel momento mecenas das empresas na s que Castelao foi protagonista ou inspirador, realizadas en Bos Aires, aínda despois da morte del mesmo."
Entre o extenso labor cultural e benéfico sería de destacar a edición de "Sempre en Galiza" de Castelao, fundou a editorial Nós de Bos Aires e reedita "Albumes de guerra" e edita "As cruces de Pedra na Galiza", obras todas estas de Castelao.

Manuel Puente non só aportou os cartos desinteresadamente á causa galeguista senón que tivo a difícil empresa de recadar fondos para distintas iniciativas. Unha delas foi a de conseguir os recursos necesarios para que os deputados galegos presididos por Castelao puideran participar da reunión das Cortes realizada en México.

Presidiu a Irmandade Galega, a Comisión Intersocietaria, e é mebro de honra de distintso Centros da colectividade. En 1946 patrocinou a viaxe de Castelao e Augusto Barcia a Francia, quen foran nomeados o primeiro Ministro sen carteira e o segundo Ministro de Facenda do Goberno Republicano no Exilio.

Antes de partir Castelao a Francia, Puente organizoulle unha homenaxe, a cal se realizou na súa casa da rúa Ribadavia. Durante a reunión estivo presente o máis destacado do exilio galego e español, entre os que estaban: Lasarte, Aldasoro, Serra Moret e Pelaio Sala; os membros do Consello de Galicia, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde; os presidentes dos centros Pontevedreses e o de Corcubión; o Secretario Xeral da Federación de Sociedades Galegas, Sr. Alonso Pérez, os doutores Sánchez Guisande, Rey Baltar, Núñez Búa, Trabazo e Fernández, e os señores Abraira, Iglesias, Vázquez, Prol, Calzado,etc..O xornal "A Nosa Terra" de xullo de 1946 dixo da homenaxe: "...Castelao pode ter a seguridade que sempre no seu corazón atopará sinceira acollida e que nunca se esquencerá das horas pasadas na súa compaña. E para deixar atestiguado todo o que se fixo eiquí en homenaxe ao agasallado, fíxolle entrega dun fermoso albun, onde quedarán rexistrados todolos aitos que se celebraron no seu honor dende que desembarcou en Bós Aires até a data de hoxe. Unha longa salva de aplausos premiou o sinxelo i-emotivo discurso do Sr. Puente..."
Co retorno de Castelao e a posterior enfermidade deste, tentou fletar un charter para lle enviar a EE.UU., onde existían maiores posibilidades de curación. A gravidade de Castelao descartou este intento, falecendo ao pouco tempo, o 7 de xaneiro de 1950. O 3 de xuño de 1951 a colectividade galega da Arxentina realizou no Teatro da Federación de Sociedades Galegas unha multitudinaria homenaxe. O xantar comezou coa entoación do Himno Galego, posteriormente Alonso Pérez, presidente da comisión organizadora, despois do emotivo discurso entrgoulle un diploma especialmente realizado por Luis Seoane. Posteriormente en nome do Consello de Galicia falou o deputado Alfredo Somoza para rematar este acto, coas palabras de agradecemento de Manuel Puente: "...Aceptei esta homenaxe, a pesar da resistencia do meu esprito pouco dado a estas manifestacións, e atópome profundamente satisfeito, porque elo danos ocasón de comprobar como a coleitividade galega vai comprendendo a responsabilidade que os emigrados temos pra nosa Patria..."

O 24 de xaneiro de 1953 o Centro Orensano nomeouno Socio de Honor, distinción esta que lle outorgaron durante unha cea de celebración do aniversario desta institución. Durante o acto dixo Puente: "...¿Como non hei de estar orguloso de ser socio de honorario desta casa si toda ela está saturada de patriotismo galego?¿Como non hei de me sentir gostoso entre vosoutros, ourensáns, si na vosa compaña en ista casa de Bóveda, e do gran Castelao que latexa por todo iste ambente e rebalsa istas paredes pra o traverso de vosutros estar decote presente onde sexa necesario defender a Galiza..."

En 1956 organizou e presidiu o Primeiro Congreso da Emigración Galega. Asistiron representantes de toda América, e entre estes estiveron: o deputado Emilio González por Nova York, Gerardo Álvarez Gallego e Maximiliano Matalobos por Cuba, Marcial Fernández, Rodríguez de Bretaña e Francisco Comesaña por México, Xosé Velo Mosquera por Venezuela, Luis Tobío, Canabal, Meilán e Martínez Castro por Montevideo, e Ramón Suárez Picallo por Chile.

No mes de maio de 1964, a través do Centro galego e cos Centros Pontevedrés e Coruñes, organizou o "Festival Céltico en Homenaxe á Semana de Maio".

En outubro de 1965 reditou o "Correo de Galicia". O 31 de agosto de 1968 auspiciou e presidiu os Xogos Florais do Idioma Galego, realizados na ex-sede do Consello Deliberante. Asistiron autoridades do goberno arxentino, escritores da talla de Jorge Luis Borges e Francisco Luis Bernárdes.

Entre as obras culturais máis importantes de Manuel Puente doi a xestación e posterior edición da "Historia de Galicia", dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Así testemuñouno o propio Pedrayo: "Ilustre patricio, D. Manuel Puente, o primeiro dos <bos e xenerosos>; no fogar de cada un de nós e ben logo de cada bon galego, érguense novas fortalecidos co seu quentor de lembranza e arelanza, e a elas, o seu lume enxemais xiado en cinza, vai xunguindo par sempre en groria, como o lume anovador, nome de vostede". A finais de 1969 Puente comezou padecer unha enfermidade que deu por rematada a súa vida o 24 de marzo de 1970. Con Manuel Puente morreu a última xeración de filántropos, unha xeración que soubo conxugar o mundo empresarial cos ideais patrióticos, Galicia perdeu a un dos seus mellores fillos. Na actualidade unha fundación leva o seu nome e presídea a súa filla Rosa Puente, quen desenvolve un labor de difusión da historia da emigración galega.

Lois Pérez Leira

         
     
Manuel Puente
 
Casa de Manuel Puente, en Bos Aires, onde celebraban as reunións do galeguismo.
 
Manuel Puente xunto a Castelao en Bos Aires.
 
Manuel Puente xunto a Castelao en Bos Aires, falando Avelino Díaz.
   
Banquete en Bos Aires, falando Castelao, a súa dereita Manuel Puente.