Personaxes da emigración

 

Francisco San Román

Francisco San Román naceu en Santa Eulalia de Campos (Nigrán) o 1 de marzo de 1861. Aos 11 anos os seus pais transládano a Montevideo chegando a ese país o 2 de maio de 1872. Tempo despois a familia transládase a Santa Catalina, onde traballou nunha facenda dedicada á explotación do café. Ao seu regreso a Montevideo coñecedor do negocio vencellado ao café decide poñer unha casa especializada nesta infusión. O 25 de xullo de 1885 na Rúa Colonia nº 6 e 8 inaugura o que se convertería no popular café "Polo Bamba" lugar onde funcionaba unha famosa `peña´ literaria integrada por Florencio Sánchez, Alberto Lasplaces, Ángel Falco, Claudio García, Orsini Bertani, Armando Vasseur, Eduardo Artecona, Edmundo Bianchi, Roberto de las Carreras e o propio Francisco San Román.

Uns anos despois Francisco decide deixarlle o Polo Bamba ao seu irmán Severino e funda o 8 de maio de 1889 o Café Tupí Namba, que se converterá no máis emblemático café de Montevideo.

O escritor Alejandro Michelena no seu libro "Cafés de Montevideo" sinala sobre o mítico café. O Tupí "viejo" chamado así para diferencialo do que posteriormente abrira San Román sobre 18 – estaba ubicado na esquina de Juncal e Buenos Aires, onde hoxe se ergue o Edificio Ciudadela.

Foi desde o comezo un lugar insólito na aldea montevideana, onde se podía saborear o mellor café do Brasil. O seu ambiente físico gañou en suntuosidade coas reformas que introduciron nos seus salóns estatuas e molduras, reformas que levadas a cabo na Escola de Artes e Oficios. O seu momento cume coincidiu co esplendor del novecientos. Nas

súas mesas reuníanse toreiros, cantantes, políticos, deportistas inmigrantes. Francisco San Román, desde a súa atalaia da caixa, observaba o nervioso latir, saudaba a un e a outro, berraba aos mozos que levaran os "tupís" quentes porque había clientes que agardaban...".

Na emblemática Revista arxentina "Caras y Caretas" que dirixía o debuxante galego Xosé María Cao, unha publicidade de xeito poético dicía en 1900:

Tupí Namba
Buenos Aires – Frente al Solis
Nunca digerir podrá
Con felicidad usté
Si no toma del café
Que sirve Tupi Nambá.

Neste memorable café montevideano funcionaron innumerables grupos literarios entre eles un dos máis famosos denominada "Teseo". Aquel grupo estaba encabezada por outro destacado intelectual de orixe galega Eduardo Dieste, irmán do famoso escritor Rafael Dieste. Entre os contertulios se atopaban: Justino Zavala Muñiz, Enrique Casaravilla, Vicente Basso, Carlos Sabat, Ernesto Herrera Manuel de Castro etc.

En 1988 ao se cumprir o décimo aniversario deste establecimiento San Román organizou unha festa ao "grande". No hotel da Pirámides xuntáronse os homes e mulleres máis representativas daquela no Uruguai. O destacado pedagogo Francisco Vázquez Cores un dos pais do ensino educativo deste país, realizou unha cálida homenaxe. Naquela festa San Román foi nomeado simbolicamente "Rey de los Cafeteros" e o seu fillo "Príncipe". Naquela noite de ledicia, o cava foi un dos protagonistas fundamentais. Mentres tanto os famosos da época, falaban dos gustos literarios dos europeos e sobre a convulsión política que se vivía en Bos Aires.

A crónica social da época relataba: "San Román finalmente agradeceu aquelas manifestacións feitas ao home de traballo, humilde, cheo de fe o porvir. E despois, foron todos ata o "Tupí", onde se bebeu de novo cava e onde se renovaron as felicitacións e os votos formulados durante o banquete".

O noso protagonista sufría unha epilepsía que daba lugar a comentarios graciosos que o propio San Román con refinado humor contaba sobre a súa enfermidade: "Eu fun cataléptico e sufrin tres ataques, o último en xaneiro de 1887 coincidindo coa epidemia de cólera que reinaba naquel entón, e cando tiña, en sociedade co meu irmán o "Polo Bamba". Unha fermosa mañá, ao pouco de abrir as portas do negocio e encontrándome en traxe de faena, isto é, en mangas de camisa e co diantal posto, ¡patapún!, deume o último ataque epiléptico. Váiase sabendo, que moi perto de casa –na Rúa Florida– había un foco infeccioso de onde momentos despois de "morrer" eu, levarían nunha ambulancia para o cemiterio do Buceo, a un colérico que morrera de verdade". Parece ser que o confundiron cun morto polo cólera. Ao pouco de chegar á súa última morada recuperouse do ataque. Ao baixar do carro mortuorio desesperado por tal situación e diante da mirada aterrada dos empregados do cemiterio, fuxo despavoridamente cara ao `Tupí´".

Outra de tantas anécdotas, algunhas que xa son parte da lenda montevideana, contada polo historiador Carlos Zubillaga: "San Román foi un dos personaxes máis populares do Montevideo finisecular. A súa figura patriarcal presidiu as tertulias literarias do seu famoso "Café", transformándose nun novo e singular mecenas das letras e as ciencias". "Mentres Francisco dirixía maxistralmente o "Tupí" o seu irmán Severino quedárase co "Polo Bamba". Alí tamén se daban cita os intelectuais e políticos do novecentos. As noites do Polo destacaban -sinala Michelena- polos enormes chambergos, as bohemias corbatas de moña, as melenas desafiantes; máis dun panfleto de ton furibundo e vocación anárquica foi escrito nas súas mesas bulliciosas. Un espectáculo aparte era Don Severino, máis coñecido como "el Cafetero San Román", que interviña nas discusións literarias ou filosóficas dos seus clientes, que chegou a dicir os seus propios versos ante o regocixo da concorrencia, que fiaba sen prazos a quen consideraba verdadeiro artista; termo crebado, e a ese prezo gañou o seu lugar na historia cultural do Uruguai.

A destacada dirixente anarquista Juana Rouco Buela nas súas memorias lembrara o seu paso por Montevideo: "Xuntabámonos á saída de reunións e conferencias, nun café da Praza Independencia que foi celebre: chamábase `El Polo Bamba´. Sentabámonos nas súas mesas gran número de compañeiros, e ao seu redor víanse figuras dun grande valor intelectual e ideolóxico, como Leoncio Lasso de la Vega, Florencio Sánchez, Herrerita, Acha e moitos outros. De alí saían moitas veces manifestos e artigos para xornais que se escribían e publicaban neses momentos, mentres se discutían todos os problemas sociais entre café e café, aclarábanse conceptos e pasábanse momentos de franca camaradería e afecto".

Os dous irmáns souberon darlles aos seus respectivos cafés os seus toques de distinción, mais ambos os dous tiñan en común a bohemia e a cultura.

"El Tupí Namba" permaneceu aberto ata 1959. Ao se achegar a data da súa demolición segundo contan os últimos fieis, desesperábanse por substraer aínda que fose unha taciña ou unha culler para a lembranza.

O escritor Alejandro Michelena no seu libro "Los cafés montevideanos" sinala: "A desaparición do `Tupí – Nambá´ significou unha perda, máis alá do halo que o rodeaba. Era a parte do acervo espiritual do país, como pode selo un teatro, ou un museo. Chama a atención a indiferencia coa que se deixou morrer, cando aínda latexaba cunha vida propia, que non sería xa a do novecentos ou a do trinta, mais era intransferible, única. Con el foise un dos máis típicos lugares da nosa cidade, catalizador de varias promocións que moito aportaron ao Uruguai e á súa cultura".

Así foi a historia de San Román e así rematou a vida deste mítico café que se levou consigo unha parte da historia do Uruguai.

Lois Pérez Leira

         
     
Francisco San Román
   
Café "Al Tupi Nambá", Montevideo a primeiros do século XX, propiedade de Francisco San Román.
 
Interior do Café "Al Tupi Nambá", Montevideo a primeiros do século XX.
 
Diploma outorgado a Francisco San Román proclamado Rei dos Cafeteiros, Montevideo ano 1899.