Personaxes da emigración
 

 

Ao bordo do abismo, polo comandante Soutomaior do DRIL

Falar do comandante Soutomaior (A Pobra do Caramiñal 1904-Mérida, Venezuela, 1986) é falar de moitas e nengunha persoa ao mesmo tempo. Este revolucionario, sen patria e sen amo, cargou sobre as súas costas todas as ausencias do mundo. Fundador do primeiro movemento armado que loitou dende a diáspora contra a ditadura franquista, foi co tempo, o noso comandante Soutomaior, tan universal en Vietnam e Laos como esquecido na súa Galiza. Velaí un dos seus textos con motivo do primeiro aniversario da toma do paquebote portugués “Santa Maria” por membros portugueses, galegos e españois do Directorio Ibérico de Liberación DRIL.

Ao bordo do abismo
Por Jorge Soutomaior

“O poder que só se apoia na forza, pero non na razón e no dereito, é sempre un poder precario que termina sendo vencido por outra forza superior, por canto a súa orixe arrinca da razón e do dereito conculcados.
A verdadeira soberanía xorde da libre vontade do pobo e non da ambición dun home. E cando a nación se pronuncia naquel sentido, con ela está todo o dereito. A ditadura pois, non fai máis que negarlle ao pobo o dereito. A ditadura, pois, non fai máis que negarlle ao pobo eses dereitos inalienábeis, consubstanciais coa súa propia natureza.

Cada español, independentemente da súa ideoloxía política ou do seu credo relixioso debe preguntarse a si mesmo de onde lle vén a Franco o dereito de impoñer a trinta millóns de compatriotas a ditadura que el exerce. A resposta non ofrece dúbidas: o dereito da forza.

Durante vinte e cinco anos toda a oposición tratou de solucionar o arduo problema da volta á legalidade por vías pacíficas. Mais o franquismo respondeu sempre con violencia á reconciliación, coa represión; ao afán de progreso coa ruína, ás necesidades científicas co escurantismo medieval; ao dereito dos cidadáns a ser axuizados por xuíces naturais, cos consellos de guerra; ás lexítimas aspiracións de soberanía e independencia do noso pobo, coa hipoteca do noso territorio, e ás nosas ansias de liberdade coa tiranía.

Que camiño queda daquela aos españois para resolver esta situación? O dilema preséntasenos claro coma a luz do sol: ou continuamos sendo un pobo sometido ou reconquistamos a liberdade, atacando sen compaixón os soportes da ditadura.

Nós non propugnamos a desorde por si mesma. Sabemos moi ben que unha sociedade non pode existir sen establecer antes aquel sistema de orde que corresponda á súa propia natureza, pois do contrario esa sociedade viviría en constante angustia, sometida á axitación de toda clase de perturbacións, e por ende, á diminución da capacidade produtiva do seu traballo, e á bancarrota da súa economía e dos seus valores morais e materiais. Por conseguinte, sabemos tamén que a orde é unha condición inmanente do desenvolvemento dos pobos, indispensábel para o seu progreso e benestar.

Está claro, por tanto, que esta non é nin pode ser a clase de orde á que se refire a ditadura que, despois de vinte e cinco anos de dominación sobre o pobo, só nos presenta un balanzo de ruína económica, de soberanía mediatizada polo estranxeiro e dunha miseria semioculta que cada día vai enseñorándose máis dos fogares do obreiro, do labrego, do empregado, do intelectual honesto e, en xeral, de todo traballador español. De xeito que, se non é a orde aquela de cuxa natureza devén o progreso dos pobos, que clase de orde será esta da que se oufana tanto a ditadura franquista? Se cadra a silenciosa orde dos cemiterios e das cadeas? Se cadra a dun país dividido no que un bando, dende aquela sometido e aterrorizado, anda á espreita agardando o intre de lanzarse sobre o outro que, temeroso á súa vez do asalto, non abandona nin un só instante a arma, sempre disposta a matar? Como é posíbel que un país de tal xeito ‘gobernado’ non camiñe dereito cara á máis grande das revolucións?

Unicamente hai unha orde capaz de enxendrar, por si mesma, todos os elementos constitutivos dunha sociedade digna de chamarse civilizada. Esta é a orde que, repousando na liberdade, permite facer dos homes cidadáns iguais ante a lei, de xeito que ao interviren no goberno na nación, o fagan coa plena facultade de defender legalmente os seus dereitos e intereses, escollendo de entre eles aqueles que deben lexislar no seu nome.

Mais... cara a onde camiña un país sen liberdade? A experiencia destes vinte e cinco anos demóstranolo incontestabelmente. O panorama que nos ofrece a presente situación é o dunha sociedade cada día máis perigosamente inclinada ao abismo; o de pobo humillado, axitado xordamente, que ve con desesperación e sen ser consultado nin poder expresar o que pensa e o que quere, como a nación se afunde; o panorama, en fin, dun pobo irritado, dun pobo xa a piques de estoupar, dun pobo que advertido de que ningunha orde tiña sido restituída co seu consenso, tende a lanzarse á revolución, logo de que todas as vías legais foran pechadas polas ameazantes bocas das metralladoras.

Ante todo isto, que din as clases sociais influentes? As clases sociais influentes falan de patriotismo. Énchense a boca con invocacións patrióticas e, coma a avestruz, agochan a cabeza debaixo da á dos seus privilexios e comodidades para non ver o perigo, o terríbel perigo que se achega, inmisericorde sobre eles e sobre todo o que individualmente tentan conservar.

Non advirten que se hoxe aínda é posíbel derrocar a ditadura e substituíla por un Estado de democracia política e social, sen grandes sacrificios para os seus intereses, aceptando a necesidade de reformas que permitan estruturar a sociedade sobre alicerces de cambio e benestar para todos, mañá será, en cambio, demasiado tarde, porque daquela, para salvar as súas vidas, veranse na obriga de fuxir, abandonando todo o que agora posúen.

Deberían esas clases meditar a fondo; deberían pensar que a situación internacional, tal como se presenta hoxe en día, non é aquela mesma que imperaba no ano 1936. As potencias occidentais xa non se arriscarían na defensa dun réxime desacreditado, arruinado, representado por unha ditadura monstrosa, que compromete diariamente a súa propaganda anticomunista. Mais ben negociarán entre bastidores a expensas dos sostedores da ditadura, do mesmo xeito que, noutros tempos, o fixeran a expensas da República. Porque as nacións occidentais saben moi ben o que arriscan. E a revolución, en España, xa estivo máis lonxe do que agora está”.

Xurxo Martínez Crespo

 
Comandante Soutomaior.
 
Anagrama do DRIL.
 
Xornal do D.R.I.L.
 
Xornal do D.R.I.L.
 
Comandante Soutomaior nun lago de Valencia.