Personaxes da emigración

 

Xesús Lorenzo Varela Vázquez

Xesús Lorenzo Varela Vázquez naceu o 10 de agosto de 1916 no barco "La Navarre" que estaba entrando na baía da Habana. Os seus pais eran emigrantes galegos orixinarios de Monterroso (Lugo). En 1920 a familia Varela Vázquez trasládase a Arxentina; a crise económica pola que atravesa a illa agravada por un clima moi caloroso deciden aos pais de Lorenzo a tomar o camiño de Bos Aires. Na capital arxentina, no barrio de Nueva Pompeya, vai pasar a súa infancia onde cursa a escola primaria. A finais de 1920 retorna a Galiza. Chega cun aceno porteño que fará que os seus amigos lle chamen "O Arxentino".

En 1931 comezou a bacharelato no Instituto de Ensino Secundario. Coa proclama da República comezan a espertar as súas inquedanzas políticas. Nun acto que realiza o Partido Galeguista o 22 de marzo de 1932 no Teatro Principal de Lugo coa participación de Castelao, Paz Andrade e Suárez Picallo, o mozo Lorenzo achégase por primeira vez ao ideario nacionalista. Poucos meses despois o 11 de xaneiro de 1933 fúndanse as Mocidades Galeguistas de Lugo coa presencia de Servando Gómez Aller e o deputado pola emigración Ramón Suárez Picallo. Entre os presentes atopábanse Ramón Piñeiro e Lorenzo Varela e outros.

Os mozos galeguistas guiados politicamente por Castelao e Suárez Picallo ían máis alá que os seus maiores declarándose arredistas. Entre algúns dos máis destacados compañeiros de militancia xuvenil de Lorenzo estaban Fernández del Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro, Carvalho Calero e Ramón de Valenzuela. A Lorenzo gustábanlle as ideas do galeguismo pero cría que no social había que ir máis lonxe; as súas posicións cada vez máis radicais vano achegando ao troskismo que daquela estaba representado polo Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM). Na súa etapa xuvenil afonda na súa amizade con Ánxel Fole quen editaba en Lugo "Yunque" unha revista de forte contido esquerdista.

Cando remata o bacharelato en 1935 trasládase a Madrid e comeza a súa actividade intelectual. Alí contactou con outros galegos que tiñan ideas similares, Granell, Dieste, etc. Foi membro das Misións Pedagóxicas e formou parte do equipo de redacción da revista "PAN (Poetas, Andantes e Navegantes)". Nela participaba Rafael Dieste, Otero Espasandín, Antonio Baltar e Fernández Mazas, entre outros. En 1936 colaborou como crítico literario no "Sol", afamado xornal liberal republicano onde escribían as mellores plumas do momento. A súa estadía en Madrid debíase aos seus desexos de principiar a carreira de Filosofía e Letras. Nos seus momentos libres achégase ao café "La Granja del Henar" onde se xuntaba un grupo de escritores, políticos e artistas galegos residentes en Madrid. Nese emblemático café de tradición republicana pasaban a diario mozos como os irmáns Dieste, Laxeiro, que estudiaba pintura, Eugenio Granell, Antonio Sánchez Barbudo, Ramón Suárez Picallo, Otero Espasandín, Fernández Mazas, Carlos Maside e Manuel Colmeiro, entre outros.

En 1936 constitúese en Madrid a "Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura", na que participarán Lorenzo Varela, Rafael Dieste, José Bergamín, Rafael Alberti, Antonio Machado, Federico García Lorca, etc. Lorenzo será un dos máis activos militantes da Alianza incluso foi un dos redactores do manifesto fundacional.

O estoupido da guerra civil cólleo en Madrid adicado de cheo á tarefa xornalística. A súa primeira reacción foi enrolarse como voluntario á fronte da batalla. O "miliciano poeta" pasou a ser comisario político e comandou unha brigada da 11º división baixo o mando do seu compatriota Henrique Líster. Lorenzo Varela, como era coñecido naqueles anos, afíliase ao Partido Comunista converténdose nun cadro destacado deste partido que durante a guerra soportou o peso máis importante da contenda.

Namentres combatía na fronte, tiña tempo para escribir ou dirixir distintos xornais destinados aos combatentes, entre eles "El Mono Azul" e "Hora de España". Xunto a outros poetas como Alberti, Miguel Hernández, Otalaguirre visitaba as frontes de batalla alentando o espírito revolucionario dos milicianos.

En xullo de 1937 participa no Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascistas que se realiza en Valencia. Os escritores de todo o mundo chegaban á España Republicana para lle transmitir a súa solidariedade cos seus combatentes. Algúns dos nomes dos escritores presentes converteron este Congreso no máis importante da historia contemporánea; con nomes como: Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Ernest Hemingway, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz, André Malraux, Lois Aragón, etc.

Lorenzo Varela percorrerá as distintas frontes de batalla combatendo coas armas e coa palabra ata os últimos momentos da contenda.

Coa perda da Guerra Civil, Varela pasa os Pirineos onde permanece no campo de concentración de Saint Cyprien (Francia) a partir do 10 de febreiro de 1939. O 23 de maio de 1939 consegue embarcar no vapor francés Sinaia rumbo ao exilio de México. O 13 de xuño chega ao porto de Veracruz onde vinte mil persoas agardaban aos 1.599 exiliados que levaba o barco. Alí agardábano os seus amigos León Felipe, José Bergamín, Miguel Prieto, entre outros; ao pouco tempo afundará na súa amizade con Octavio Paz. Neste país retoma o seu traballo literario como codirector das prestixiosas revistas "Romance" e "Taller".

Despois dalgúns anos en México, a finais de 1941, decide ir a Bos Aires onde vive o seu pai José Ramón Varela García.

No porto de Bos Aires estábano agardando os seus amigos Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Carmen Muñoz e Rafael Dieste. Despois sumaranse outros amigos como Blanco Amor, Rafael Alberti, Federico Rivas, Xosé Suárez, Colmeiro, Antonio Baltar, Otero Espasandín, Núñez Búa, Gumersindo Sánchez Guisande, cos que adoitará ir á tertulia do mítico "Café Tortoni" da avenida de Maio ou se xuntarán no restaurante de Elpidio Villaverde "La Casa de la Troya," ao que tamén de vez en cando se acercaba o propio Castelao.

Na capital arxentina escribe a súa obra máis importante "Torres de Amor", "Catro Poemas Galegos" e "Lonxe". Nesta cidade funda "De Mar a mar" e "Correo Literario". Colaborou nos xornais máis importantes deste país: "Clarín", "El Mundo", "La Nación" e das revistas "El Hogar", "Del Arte", "Sur", "Primera Plana", "Cabalgata", etc. Tamén realizou xornalismo radiofónico xunto ao destacado fotógrafo Horacio Cóppola no programa "Hora Once". Foi un excelente crítico de arte e ao mesmo tempo adicouse a realizar traduccións do portugués ao castelán; unha das obras máis coñecidas das súas traduccións foi "Doña Flor y sus dos maridos" do escritor brasileiro Jorge Amado. En 1956, despois de moito camiñar polo mundo sentimental, casa con Marika Gerstein, profesora de idiomas, muller culta de ascendencia xudía.

Desde a súa chegada a Bos Aires ao porteño barrio de Nueva Pompeya, Lorenzo Varela incorpórase á militancia política. Coa división do Partido Comunista de España en distintos sectores enfrontados, Lorenzo Varela toma a decisión de se distanciar desas liortas e comeza a militar dentro do Partido Comunista Arxentino colaborando na Frente Cultural. Alí comparte a súa militancia con destacados intelectuais e artistas arxentinos: Bruzzone, Raúl Larra, Horacio Guaraní, Mercedes Sosa, Armando Tejada Gómez, Raúl González Tuñón, Alfredo Varela, Alvaro Yunque, Héctor Agosti, Héctor Negro, etc.

Nunha reportaxe que lle realizou Luís Seoane para a revista "Galiza Emigrante" dirá da emigración galega en Bos Aires:

"Galiza a través dos seus emigrantes forneceulle á Arxentina dúas cousas fundamentais: na época crioula o sentimento do misterio, da lenda: a luz mala ou libicán. Na etapa porteña, o "picnic", si, o picnic, o descubrimento da natureza unido a sociabilidade, esa sociabilidade que é a orixe dunha característica galega, xa suficientemente apreciada na Arxentina: o mutualismo. O galego únese fondamente ao clima humano e xeográfico en que vive sen renunciar a súa afastada e mítica Galiza. E ama a Córdoba como se fose Ourense, ou a Mar de Plata como se fose a Costa da Morte. Ensina aos seus fillos a ser arxentinos, a respectar a natureza xeográfica e a tradición histórica que pesan sobre esta patria, a venerar o sangue dos seus pais e a unir esta veneración á que inspira a terra en que se nace. Non se pode dicir doutro xeito ata que punto o galego xoga limpo e é leal, aínda a custa de que esta lealdade faga que os seus fillos se sintan distantes das raíces ás que lles debe o ser".

Os mozos poetas dos obradoiros literarios da Xeración do Cordobazo sentían unha grande admiración por este poeta da xeración do 36. Era frecuente atopalo nos cafés prróximos á Sociedad Argentina de Escritores (SADE) ou nos bares da rúa Corrientes falando da literatura e dos sonos revolucionarios. O seu compromiso militante levouno a vivir momentos moi duros a partir do goberno de Isabel Perón e a actuación das "Tres A". Esta organización paramilitar ultradereitista comezou a asasinar a toda persoa sospeitosa de ideas de esquerda ameazando coa morte a unha serie de intelectuais. Logo co golpe de estado de Videla o 24 de marzo de 1976 e a represión masiva que lle custou a vida a numerosos escritores, Lorenzo Varela tivo que acelerar o seu retorno definitivo a España. Os seus amigos recomendáronlle que debía saír de Arxentina o antes posible xa que a súa vida corría graves riscos. Segundo conta o seu amigo Arturo Cuadrado: "Lorenzo tivo que seguir o camiño do seu segundo exilio saíndo pola fronteira de Brasil, onde permaneceu unha tempada ata poder trasladarse a España". Nestas condicións pouco planificadas chega a Madrid en maio de 1976. Daquela comezábase a vivir a transición española, había ben pouco tempo que morrera o dictador e o partido comunista aínda non fora legalizado. A súa única posibilidade de atopar algún traballo era en Madrid. Durante a súa última etapa contará con moi poucas axudas; as novas xeracións non tiñan ningunha referencia, era un auténtico descoñecido na súa propia terra. Desde un principio contou coa axuda do seu amigo Díaz Pardo e de antigos camaradas como Ramón de Valenzuela ou María Victoria Villaverde. Diariamente, refuxiábase na Galería Sargadelos de Madrid para traballar nas súas traduccións. Alí xunto a Inés Canosa retornada da Arxentina como el lembraba a de Bos Aires que tanto amara. O seu grupo de amigos era moi pequeno: Lueiro Rey no Grove, Paco Lores ou Cuadrado cando pasaban por Madrid e se atopaban con Laxeiro, Lala, Marcial Suárez ou Celso Emilio Ferreiro no café "Gijón".

A soidade, a peor das compañeiras dun home que viviu os seus últimos anos sen a comprensión necesaria, foino levando a unha morte prematura. Algúns dos seus amigos chegaron a simbolizar que foi unha morte buscada. A madrugada do 25 de novembro de 1978 esvaece na rúa e falece na ambulancia que o trasladaba á clínica. O seu corpo foi soterrado posteriormente no cemiterio familiar de Monterroso (Lugo) agardando que algún día os seus amigos depositen no seu nicho unha cesta de mazás como fora a súa petición en vida.

Lois Pérez Leira

         
 
Xesús Lorenzo Varela Vázquez. Foto de Hoacio Cóppola.
   
   
Lorenzo Varela entre dous xefes do Exército Popular (El Mono Azul).
 
Rafael Dieste e Lorenzo Varela en O Castro no ano 1977.
 
 
Lorenzo Varela na Galería Sargadelos de Madrid, na presentación de libros de Ruedo Ibérico, 1978.