Personaxes da emigración

 

Adolfo Vázquez Gómez

Adolfo Vázquez Gómez naceu en Ferrol o 18 de agosto de 1869. O seu pai Manuel María Vázquez foi un destacado coronel que actuou durante a guerra de Cuba. A influencia paterna foi decisiva para que o rapaz Adolfo, despois de realizar os seus estudios de bacharelato no Instituto Provincial de Lugo comezase a carreira militar. O espírito inquedo deste mozo entrou rapidamente en contradicción coa estructura ríxida do exército. Ao pouco tempo abandonou a Academia Militar tirando abaixo o soño do seu pai de velo vestido co uniforme de oficial. Cambiou as armas polas letras dedicándose desde moi novo ao xornalismo. En 1884 comezou a escribir os seus primeiros artigos xornalísticos en "El Regional" de Lugo, "Galicia Moderna" da Habana e "Galicia Liberal" de Compostela. Dirixiu esta última publicación cando o seu director marchou á emigración. Durante a dirección de "Galicia Liberal" debeu soportar todo tipo de acoso conservador o que motivou o seu traslado á Coruña e posteriormente a Madrid. Nesta cidade contactou co destacado xurista lucense Telesforo Ojea Somoza, que o presentou ao seu xefe político Pi i Margall. En Madrid sumouse á redacción do xornal "La República" que dirixía Ojea. Tamén era asiduo colaborador de "El Combate" de Barcelona e de "La Guindilla", que dirixía en Pontevedra o seu amigo Said Armesto. O seu vencello co republicanismo federal e coa masonería española marcaron todo o seu futuro desenvolvemento intelectual e político.

Adolfo Vázquez Gómez tivo unha destacada participación no movemento revolucionario do 19 de setembro de 1886. Esa noite o heroico xeneral galego Manuel Villacampa tentou unha sublevación republicana. Tras o fracaso constituíuse en Bordeos o grupo revolucionario "Villacampa" no que Vázquez Gómez foi elixido presidente. Formaban este grupo xornalistas e militares destacados do federalismo.

A intentona revolucionaria obrígao a fuxir e exiliarse en Portugal.

O 3 de novembro dese ano chegou a Lisboa onde o recibiron por republicanos españois e portugueses. Na capital lusa fundou o xornal "El Galleguito" e colaborou con "España", "A sentinela da Fronteira", etc... A súa activa acción xornalística e política fixo que o goberno portugués, presidido por José Luciano de Castro, o expulsase dese país. En abril de 1887 saíu cara a Francia onde traballou dirixindo o Colexio da Confederación Española de Ensino Laico de Bordeos. A mediados de 1888 volveu a Lisboa, onde colaborou co xornal "O Sindicato" dirixido por Angelina Vidal.

Coa amnistía do 23 de xaneiro de 1889 regresou a Galiza, establecéndose en Betanzos onde se atopaban os seus pais.

O propio Vázquez Gómez contou o seu regreso nun artigo aparecido anos máis tarde no "Almanaque Gallego" de Bos Aires:

"Acordada a amnistía en xaneiro de 1889, e accedendo a reiteradas instancias da miña familia, resolvín volver a España. Unha mañá do mes de febreiro saín eu de Valença do Miño e atravesaba a ponte internacional en dirección a Tui. Ia ao meu carón un home de idade, de marcial continente, co rostro bronceado polos raios de sol. Ambos os dous gardabamos silencio entregados a fondas meditacións e embargados por sentimentos diversos. Os dous perseguidos por delictos políticos regresabamos da emigración. El era carlista; eu libre pensador e federal, con marcadísimas tendencias ao socialismo. Comezaramos a conversar no Hotel de Valença. Calamos ao pouco tempo de coñecernos disgustado el polos meus entusiasmos democráticos. A casualidade reuníunos na ponte internacional. Cando xa entrabamos en Tui sorprendéronos, pois ignorábamos que había festas no pobo, as notas da gaita e o redobrante tambor. Simultaneamente mirámonos e vin os seus ollos humedecidos. ¡Canto tempo faría que el non experimentaba emoción tan doce!, a min choutábame o corazón evocando na mente a lembranza de días felices. De súpeto, o meu singular compañeiro -ante tan grave, circunspecto e ata ceñoso- díxome con vibrante palabra: "¿Quere vostede que botemos á vez un aturuxo contestando a esa inesperada benvida?". E de seguido, posuídos de verdadeira vértixe confundimos as nosas voces mentres os veciños desde as xanelas e portas observábannos, ¡quen sabe se pensando que eramos tolos ou borrachos!.

Na cidade de Betanzos dedicouse de cheo ao xornalismo colaborando con "Las riveras del Mendo" e "¡Ya somos tres!". Posteriormente fundou os xornais "El Valdoncel" e "El Mendo". Presidiu nesta histórica cidade o Ateneo Obreiro, o Centro Republicano Federal e o Orfeón Eslava. Despois dunha tempada establécese na Coruña. Na cidade herculina formou parte da redacción do xornal republicano "El Telegrama", sendo elixido posteriormente presidente da Xuventude Republicana Coruñesa.

Vázquez Gómez intentou casar polo civil, ao que se opuxo o arcebispo compostelán. Este enfrontamento entre o rapaz republicano e a curia galega terá certa repercusión na prensa da época. Tempo despois, por esta e outras presións, Vázquez Gómez decidiu viaxar cara á Arxentina.

O xornal que dirixía Pi i Margall, "El Nuevo Régimen", presentouno aos seus correlixionarios de Bos Aires con este parágrafo de artigo: "Perseguido unhas veces; preso, outras; emigrado. Poucos foron os meses que Vázquez Gómez puido permanecer tranquilo no seu país dedicándose ao cultivo das letras. Nacido para as loitas da idea, o ardimento das loitas achou sempre a súa predilecta ocupación; mais nelas consumiu a súa fortuna; e nelas, non achou medio de refacela na súa patria onde tan difícil era sustentarse nestas época de conservadores e de monárquicos. Desexamos moi feliz viaxe e pregámoslle que leve aos nosos amigos de alá lembranzas cariñosas e fraternais saúdos".

Na capital arxentina esperábao Gerardo Cortina que fora compañeiro en Cette (Francia) de "El Pabellón Español". Tamén o estaba esperando Castro López, amigo da infancia, republicano federal e masón. Vázquez Gómez fundou xunto a Gerardo Comas o xornal "El Heraldo Español" sendo o seu secretario de redacción Castro López. En 1893 trasladouse a Montevideo onde fundou "El Intransigente", que tivo que pechar o terceiro ano debido ás presións políticas e económicas. Este traspé editorial conduciuno novamente a Bos Aires onde se matriculou como Procurador poñendo unha oficina de asuntos mercantís. Aburrido por esta nova tarefa burocrática decidiu voltar a Montevideo, onde desempeñou a xerencia de "El Liberal". Así mesmo, dirixiu "El Socialista" de Montevideo, encargándose da secretaría do Comité Executivo deste partido. Posteriormente instalouse en Paysandú onde o elixiron durante dez anos Presidente da Asociación Liberal de Socorros Mutuos. Tamén dirixiu o xornal "Paysandú" e exerceu de correspondente da revista viguesa "Vida Gallega" que presidía Jaime Solá.

En 1904 expulsárono as autoridades uruguaias acusado de participar da revolución que estoupara nese departamento oriental. O seu primeiro mes de expulsado pasouno en Colón (Entre Ríos) ata que o Presidente da República del Uruguai, Batlle y Ordóñez, revoga a orde, retornando á súa antiga residencia.

En 1913 viaxou a Europa percorrendo previamente Brasil e dando unha serie de conferencias. Desde este país foi a Portugal, onde participou no XVII Congreso Internacional do Libre Pensamento.

Na sesión solemne da inauguración daquel congreso unha das principais orquestras executou o himno da nación ao que pertencía cada delegado que ía ocupar a tribuna. Cando lle chegou o turno a Vázquez Gómez os músicos preparáronse para executar a Marcha Real española, que era o himno oficial de España, mais entón Vázquez Gómez solicitou que en vez de aquel himno palaciano fose interpretado o Himno nacional uruguaio xa que a súa letra e música traducían os elevados sentimentos de independencia, liberdade e xustiza que caracterizaban ao pobo da banda oriental e cos cales Vázquez Gómez estaba totalmente identificado.

Ao seu regreso de Europa participou como delegado na Confederación Sudamericana Pro-Paz do Primeiro Congreso Panamericano da Crianza e do de Bibliografía e Historia como representante da Biblioteca América da Universidad de Santiago de Compostela. En Bos Aires fíxose cargo da Cátedra de Historia da Liga de Educación Racionalista. Entre un dos seus máis destacados relatorios disertados na súa cátedra está o referido a "A Historia da Masonería", á que concorreu o Consello Supremo do Gran Oriente Arxentino. Adolfo Vázquez Gómez (segundo nos conta Alberto Vilanova no seu libro "Los gallegos en la Argentina") ingresara na masonería aínda non cumprida a idade regulamentaria e en recompensa aos seus méritos dentro da Orde foi ascendendo ao grao 33 do rito escocés antigo e aceptado no año 1897.

A maioría dos exiliados da Primeira República tiñan en común a súa pertenenza á masonería. Os masóns galegos destacaron tanto en Cuba como no Río da Plata en fundar xornais, orfeóns, editoriais, escolas e distintas entidades galegas. Unha das iniciativas máis destacadas da masonería foi a de impulsar desde Cuba a fundación da Real Academia Galega. Entre os máis destacados masóns galegos en América podemos citar a Curros Enriquez, Lugrís Freire e Fontenla en Cuba. Mentres que nos países da plata destacaron Vázquez Gómez, Castro López, Xosé María Cao, Francisco Súarez García, Indalecio Armesto, Manuel Bares, etc. Anos máis tarde, na Segunda República, colleron o camiño do exilio Elpidio Villaverde, Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Sánchez Guisande, Antonio Baltar, e Rey Baltar, entre outros.

Vázquez Gómez desenvolveu unha intensa vida política e literaria marcada pola súa formación liberal masónica progresista.

Durante aqueles anos de comezos de século editou distintos libros e folletos, entre os máis destacados: "Socialismo y librepensamiento", editado en Montevideo; "Mesa revuelta"; "El país del prodigio"; "La masonería. Su pasado, su presente y su futuro"; "Nuevos rumbos educacionales"; "La democracia portuguesa" e "Ecos de combate". Deixou varias obras inconclusas entre elas a titulada "Instrucción Pública y Popular" e unha biografía de Pi i Margall.

En 1924 dirixiu durante varios números a famosa revista "Céltiga" quedando en mans posteriormente de Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor.

En 1932 percorreu a extensa xeografía do Brasil dando conferencias.

En 1941, establecido xa definitivamente en Uruguai, ofrecéuselle un banquete, no que participaron destacados dirixentes da política deste país e da colectividade galega. Entre os presentes estaban Tomás Berreta, Luís Batlle Berres, Adolfo Tejera, Luís Hierro e o seu compatriota galeguista e masón Jesús Canabal.

O 25 de xullo de 1950, como se elixira a data da Patria de Galiza, faleceu en Montevideo este eminente home de letras e de acción.

Lois Pérez Leira

         
 
Adolfo Vázquez Gómez
   
   
Vázquez Gómez e a súa dona nunha homenaxe a un xeneral republicano en Bos Aires.
 
Na Patagonia-Arxentina, dictando conferencias para reunir fondos para á República.
 
Percorrendo o sur arxentino para recadar fondos para á República Española, o acompaña o seu chofer Ortega.
 
 
Adolfo Vázquez Gómez