Personaxes da emigración
 

 

Vázquez Díaz, Francisco, “Compostela”

Santiago de Compostela, 1898 -San Juan (Puerto Rico), 1988


Fillo de pai canteiro, “Compostela” aprendeu desde cativo o oficio de tallista, co que se trasladou a Madrid en 1920, empregándose nunha casa de mobles, onde logrou facerse escultor e acadou, de xeito inusitado, o acceso a algunhas salas de exposición. Mestre da talla directa en madeira, marcha como bolseiro a París entre 1930 e 1932.

Aínda que abordou temas deportivos –asunto practicamente inédito entre os escultores peninsulares da preguerra-, o seu recoñecemento conségueo a través das representacións de temática animalística -“Cocodrilo”, “Foca”, “Camellos”, “Cebú”, “Monos”, “El Cóndor”- e especialmente en obras como as daquela serie parisina de Pingüíns que, como ben dixera a súa filla, Carmen, eran os pingüíns que Anatole France convertera en alegoría (“Pingüino Académico”, “Pingüino Mona”, “Pingüino Abad”) co que rexistra unha divertida crítica a personaxes da sociedade galega.

Durante a súa estadía en Madrid, “Compostela” decidiu instalar as súas esculturas na escalinata das Cortes, onde as súas pequenas estatuíñas de temática animalística quedaron franqueadas polos clásicos leóns dos canons fundidos de bronce. Obviamente, foi desafiuzado pola Garda civil, pero o xesto iconoclasta acadou o obxectivo previsto, pola consecuente resonancia na prensa, que lle abriu as portas dalgúns espazos de exhibición.

Galeguista republicano, en 1931 expón no Museo de Arte Moderna e no Círculo de Belas Artes. Famoso foi o busto que lle fixo ao poeta Rafael Alberti para a Asociación de Intelectuais Antifascistas.

O inicio da guerra civil fai que Compostela entre como escultor no Quinto Rexemento. Na guerra realizou innumerábeis cantidades de máscaras mortuorias de soldados caídos en campaña. Colabora no Nova Galiza, boletín dos intelectuais galegos antifascistas editado en Barcelona e son famosas as súas tres emblemáticas esculturas de Santiago Álvarez, El león y la loba, en que un león español triunfante atacaba unha loba italiana e El oso madrileño na cal un oso ataca cun érbedo o xeneral Franco.

Tras a derrota do exército republicano, saíu co 5º Corpo da 11.ª División do Exército republicano e cruzou a fronteira francesa o 8 de febreiro de 1939. Estivo recluído nos campos de Argelés, St. Cyprien, Campos 1 e 3 e Agde, pasando polos hospitais de Perpignan, Marsella e Sète, a causa das feridas sufridas nun accidente cando un médico xeneroso tratou de sacalo do campo de concentración de St. Cyprien.

Durante a súa recuperación no hospital de Sète, mentres as feridas físicas van sandando, comeza a facer debuxos dos mutilados e feridos en anacos de papeis. Tamén fai unha estatuíña de Esculapio en xeso, coa intención de vendela e gañar algún diñeiro. Obtivo o xeso en pagamento polo seu traballo no hospital axudando a poñer escaiola nas fracturas e feridas doutros refuxiados. “Compostela” documentou graficamente o traballo con estes feridos, como o testemuñan un conxunto de debuxos que o acompañaron na travesía cara a Dominicana e que resultan un excelente documento histórico da situación dos refuxiados nos campos de concentración en Francia. Neste sentido, a súa manifestación artística nos campos de concentración estivo estreitamente ligada á medicina, como se iso contribuíse ao seu propio proceso de curación: transformar o horríbel en expresión artística.

Con todo, até que chega a América non retoma realmente a súa profesión de escultor.
Chega a Santo Domingo como un dos labregos que pedía Trujillo para repoboar e “branquear” a terra dominicana ante a “invasión” haitiana.

No paquebote Lasalle, coa axuda do S.E.R.E., chega o 19 de decembro de 1939. En Santo Domingo, volve traballar como escultor para gañar algún diñeiro, realizando bustos de personalidades do presente e pasado dominicano. Aos poucos, a súa imaxinación creadora comeza a apropiarse do trópico, recobrando a continuidade do seu estilo.

Novamente comeza a realizar esculturas de animais, esta vez da fauna tropical. As pezas servíronlle para reunir unha pequena colección que utilizou como medio de presentación en Puerto Rico, onde foi convidado a expoñer en outubro de 1940.
Cómpre advertir que un dos maiores problemas que encarou o escultor “Compostela” en Dominicana foi a ditadura de Trujillo. Este encargáralle unha escultura súa e “Compostela” fixéraa con rostro de simio. Non tivo máis remedio que marchar á illa veciña de Puerto Rico.

Coñece a súa muller, a profesora Margot Arce, estando en tratamento pola malaria en Puerto Rico, illa á que chega convidado por vez primeira en 1940.

A idea de pingüinizar a humanidade non era orixinal de “Compostela”. Veulle ao escultor da lectura do libro de Anatole France A illa dos pingüíns de 1908.

Pero “Compostela” non se engana coma o personaxe da novela de France, o santo Mäel, que chega ás rexións polares e confunde os pingüíns con homes. Os pingüíns de “Compostela” non son homes; son, en palabras da súa filla: “pingüíns pertencentes a unha civilización superior que non precisan ser cristianizados nin aculturizados á civilización occidental, como fai o santo, para proceder a fundar a nación pingüína”.

Para os efectos deste estudo, o “Compostela” que máis nos interesa, sen embargo, é aquel cuxa obra non vimos recollida en ningún dos textos de historiografía artística española ou especificamente galega que puidemos consultar. Aquel que pouco despois de iniciada a Guerra Civil sae do seu país e tras un periplo por terras americanas, se instala definitivamente no Caribe, na Illa de Puerto Rico, onde, á altura da década dos anos cincuenta, despregará un labor pedagóxico excepcional e fundacional que lle outorga o recoñecemento maiúsculo de “Mestre da vangarda escultórica figurativa” nese país caribeño colonia de Estados Unidos.

Xurxo Martínez Crespo

 
Francisco Vázquez Díaz, antes de marchar ao exílio en Francia.
 
Francisco "Compostela" pintando no campo de concentración francés.
 
Pavillóns de refuxiados Hospital La Cornide Séte, Herault maio de 1939 pintado por Compostela. Foto Xurxo Martínez Crespo.
 
O oso de Madrid e o oso de Moscova 1937 por Compostela. Foto Xurxo Martínez Crespo.