Historia dos centros galegos e asociacións da emigración
 

 

Galegas e galegos en Euskal Herria

Un soa palabra poderia resumir a presenza galega en Euskal Heria: abraiante. Poderíamos engadirlle a de engaiolante, e, se cadra, moitas outras máis.

O Centro Galego de Barakaldo, o segundo máis antigo do mundo con vida aínda, fundado en 1901, é unha mostra da vida dos galegos en Euskal Herria. Co gallo do Primeiro Centenário do Centro Galego de Barakaldo inaugurouse a rua co nome de Galiza onde está o Centro.

A rúa Galiza (Galiza kalea) posúe nun extremo un hórreo, e no outro un banco onde Rosalia le un livro a tres nenos deitados no chan. Xunto a Rosalia están os anteollos e o chapeu de Castelao.

Xosé Estévez alicerce da identidade basco-galega

Xosé Estévez, o irredento e incansábel irmanador dos nosos dous países, Galiza e Euskal Herria, dixera aquel 10 de marzo de 2002 cando se inaugurara a rua ante o lehendakari, o conselleiro de emigración da Xunta de Galiza e os galegos e galegas, bascos e bascas que estaban na rua Galiza.

“Cremos que a variedade polifónica dos Povos enfeitiza a harmonia do universo e non a estéril uniformidade globalizadora. Dende a humilde ventá dunha pequena pátria pódese ollar a grandiosa fermosura do Mundo.

Coa debida e agradecida educación, en presenza do lehendakari, autorizada testemuña dos nosos deveceres, os galegos euskadianos sabemos que o dereito á diferenza implica o deber da semellanza. Temos dignidade dabondo para non server a dous señores, pero tamén un corazón agradecido capaz de amar a dúas doncellas, de olladas nobres, vales garimosos, curvas exuberantes e paisaxes luxuriosas. Esas dúas doncellas son: Galiza e Euskal Herria.

Na sua presenza, lehendakari jauna, queremos corroborar un dupro compromiso. Por unha banda, a nostálxica lealdade ás nosas raíces, pois polo mundo e sen o país dos nosos soños seriamos coma lene cinza espallada pola xistra. Pola outra banda, reafirmamos a nosa solidária aposta e a nosa medúlica fidelidade a iste Povo Basco, acolledor, hospitalário, inxustamente vilipendiado, que nos forneceu pan, traballo fogar e agarimo na longa noite de pedra.

Istes versos ao xeito do bardo Iparraguirre, na lingua de Concha Murguia Egaña, sogra de Rosalia, son o remate épico-lirico que expresa iste dobre compromiso.

‘Galizan sustraiak
Adarrak Euskadin
Zuhaitz bikainagorik
ez zitekin egin.

Galegok nahi dugu
Gogo guztiakin
Zuhaitz horren itzala
Zabalduz joan dadin’

Nunca máis-Sekula ez berriro

En xaneiro de 2003 os galegos e galegas de Euskal Herria crean a Plataforma Cívica Nunca Máis-Sekula ez Berriro.

Conformada polo Centro Galego de Bizkaia-Barakaldo e outros centros que pertencen á Irmandade de Centros Galegos de Euskal Herria xunto a empresas e outros coletivos.

Esta Plaraforma é independente de calquera outra, é dicer, non depende da Nunca Máis galega senón que é unha iniciativa galego-basca dende Euskal Herria.

Os seus obxectivos principais son a solidariedade e a axuda material e moral con os e as damnificados e damnificadas pola catastrofe do Prestige. A denúncia das consecuéncias económicas, sociais e ecolóxicas que poidan sofrir os afectados e por último esixir que se tomen as medidas necesárias para que feitos coma este nunca máis volvan a acontecer.


Ramón Cabanillas dende Barakaldo

Pasara Ramón Cabanillas várias tempadas na casa da sua filla en Barakaldo, na rua dos Fueros, nos anos cincoenta. Hai dous anos derrubaran o edificio onde morou Ramón coa sua filla.

Nesta casa estaba unha placa conmemorativa, feita por Raúl Río, que a Asociación Cultural Rosalía de Castro puxera no portal do edificio. Hoxe, a placa está dentro do Centro Galego de Barakaldo e o seu retrato preside a biblioteca do centro.

Galegos en Sestao

Xosé Antonio Vilaboa é o autor de “Gallegos en Sestao 50 años: 1952-2002” fora autor do livro “Retrincos de una Casa... con Duende” verbo os galegos en Gipuzkoa.

Desenvolve o seu traballo de os galegos en Sestao a partires dos livros de actas da Asociación da Agrupación Hijos de Galicia.

María del Pilar Rodríguez, la primera mujer presidenta desta Asociación e da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi, entidade que agrupa ás 12 entidades do país e a parte dos 80.000 galegos e galegas que residen nel, dinos que hai cincoenta anos un grupo de galegos e galegas de Sestao decidiran asociarse, dotarse duns estatutos que os normasen e acadar uns obxectivos que consideraron comuns a todos eles e elas coma conseguir unha vivenda digna e conservar a sua cultura e folclore de orixe, dandoo a coñecer a todos os cidadáns e cidadás cos que decidiron conviver os próximos anos, até hoxe, máis de cincoenta anos despois.

O galego e a galega de Sestao, coma o de calquera parte do mundo, quere que se lle coñeza, non coma unha vítima da emigración que sofriron naqueles tempos, senón coma un loitador para o desenvolvemento dos diferentes povos e comunidades onde decidiu viver e traballar, pero sempre sen esquecer as suas tradicións, ollando cara o futuro pero integrando nel os seus costumes máis ancestrais, sen esquecer nunca o porto de partida coma un bo navegante que procura o seu destino, o destino do galego, da galega, do basco da basca o de calquera home ou muller.

A pesenza dos galegos e galegas en Sestao, porén, é anterior a fundación, hai 52 anos, da Agrupación. Conta Vilaboa no seu livro que “El Noticiario Bilbaíno” en 1905 falaba da colonia galega de Sestao. Tamén hai referéncias a acontecementos realizados pola Casa de Galicia de Bilbo e o Centro Galego de Barakaldo.

El Noticiario de Bilbaíno do 9 de novembro de 1911 comentaba: ”Sempre coa ilusión de todos os galegos que se encontran fóra da sua terra. A Sociedade Galega de Socorros Mutuos de Sestao, organizou para este dia, unha conferéncia na que disertou o inspetor das escolas de Bizkaia, Don Darío Caramés. Fixo a presentación do Conferenciante, o presidente da sociedade galega de Sestao, Don Alfredo Bocconi, e de seguida o ilustre conferenciante, con palabra clara e sinxela desenvolveu o tema, que ten por título “O obreiro galego”.

Nas actas do concello de Sestao do 2 de xullo de 1912, do 16 de xullo de 1926 do 21 de xullo de 1928 e do 24 de xullo de 1928 xa se fala das festas de Santiago apóstolo organizadas polos emigrantes galegos e galegas residentes en Sestao.

No livro dos irmáns de La Salle, José Ángel Mujika e José Luis Negro recóllese un cadro estatístico dos habitantes de Sestao, e di así:

“Ano 1900 Sestao ten censados 7.964 habitantes dos cales son galegos 243. En 1920 a povoación de Sestao é de 13.833 habitantes dos cales son de Galiza 308. E no ano 1950, os habitantes de Sestao son 19.699 sendo galegos 518.

Todo isto moito antes da fundación oficial da Agrupación Hijos de Galicia en Sestao, que foi o 4 de maio de 1952.

Os galegos e galegas doutrora en Sestao

Eleuterio Gago fala verbo as actas e as notas de prensa de El Noticiero Bilbaíno. A pesares de que en diversos anos non se menciona ren, a celebración de romarias que en honor de Santiago apóstolo celebraba a comunidade galega de Sestao, é de todos coñecido, e eu (Eleuterio Gago) persoalmente o podo corroborar polas vivéncias que relataba a miña nai naqueles tempos (a sua nai era nada en Sestao a comezos do ano 1906) e dicia que cando ela tiña oito ou dez anos xa baixaba cos seus país á romaria do Carme primeiro e á de Santiago despois, ao igual que cando ela era unha “pollita” e xa acodia coas suas amigas ao baile e ás romarias que se celebraban todos os anos unha a continuación da outra e que tiveron continuidade, polo menos até que se instaurou a República en España.

Tamén lembra, lembranzas da sua própria experiénza, que a pesares de ser só un neno, porque ao parecer non se celebraban festexos en honra de Santiago na Campa de san Francisco, entre os anos 1931 e 1936, que a comunidade galega, tras acodir á misa maior na parroquia de Santa Maria, ao chegar o meiodia comezaban a xuntarse na Campa da igrexa xunto ao Concello para celebrar comidas de irmandade, nas que naqueles anos de penurias semellaba que todos eles e elas nadaban na abundáncia e a pesares da sua sona de tacaños, inda que na realidade soamente eran uns consumados aforradores, que ao chegar este dia “quitaban a casa pola fiestra” e xantaban en fraternal compañia aquelas empanadas enormes e outros pratos típicos da sua terra, ante a admiración e a envexa dos demáis veciños do povo de Sestao.

E o mesmo aconteceu unha vez rematada a guerra, a partires de 1940, nos que a pesares do racionamento e da escaseza de comida que padecia toda a povoación galega, aínda facian a tradicional comida campestre en a Campa da igrexa, até que a partires do ano 1946 comezaron a celebrar-se novamente na Campa de san Francisco, como era tradicional.

Tampouco hai dúbidas de que a xunta diretiva tiña problemas para ter a colaboración dos sócios para integrarse á Agrupación. Comentaba o inspector Caramés que os galegos e galegas daqueles lonxanos tempos eran un tanto tímidos e tímidas e á menor incidéncia da carácter social ou político que xurdira na zona, parece que se introducían no seu caparazón e cesaban as atividades do Centro Galego de Sestao, tal coma aconteceu durante a primeira guerra mundial de 1914 a 1918 durante a ditadura de Primo de Rivera e Alfonso XIII ou durante a República en 1931.

Dende febreiro de 1932, co gallo da grave crise laboral que se extendeu ao longo de Euskal Herria , foron moitos os obreiros que volveron coas facilidades que daba o Governo pagándolles a viaxe.

Dia de Galiza en Euskadi

Dende o ano 1985 vense celebrando o Dia de Galiza en Euskadi organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskal Herria. A poeta galega Chus Pato, aproveitando o centenário do Centro Galego de Barakaldo e no Dia de Galiza en Euskadi leu o seguinte pregón:

“Non hai moito, en Barcelona, entretiña eu un tempo de espera, nunha das populosas beirarrúas da praza de Catalunya, ollando ás mercadorias dos fráxiles postos de imigrados paquistanís cando a policia motorizada fixo presenza, precedida, como para dar tempo e aviso, das suas sirenas. Os mozos asiáticos recolleron rápidamente as suas exigüas posesións e dispersáronse. Os gardas marcharon e eles volveron estender o contido dos seus fardeis. Entón escoiteinos falar na sua para min estrañísima fala e vin os seus sorrisos. Daquela pensei: “o único que realmente somos quen de levar cando abandonamos a nosa casa, a nosa nación, o território onde fomos nados, é a língua, o idioma que aprendemos dos nosos país, dos nosos veciños, esa língua que pese aos anos transcorridos segue agromando cando pechamos os ollos, esa fala que quieramolo ou non transmitimos aos nosos fillos”. Pensei que aqueles mozos de pel queimada só tiñan verdadeiramente o seu idioma coma signo de identidade, e que soamente as palabras que os acompañaban dende o berce até aquela hora en pátria allea lles facían resistir e soportar as condicións adversas, porque queirámolo ou non partir cara a outras xeografias sempre, sobre todo no comezo, ten a faciana da dor e do adverso.

E tamén é certo que cando souben que tiña que ler este pregón aqui en Barakaldo eu non fun quen de non pensar no meu avó Antonio, morto coma quen di ao descer do barco, de febre en Camagüey (eu non quixen ou non tiven forzas para procurar a sua tumba nunha viaxe a Cuba) non fun quen de non pensar no meu outro avó e nos seus vintecinco anos no Mar del Plata e finalmente en Xesusa, a miña avoa, e nos seus traballos infinitos en Bos Aires para tirar adiante ao meu pai; non fun quen de non pensar na familia de meu, inumerabelmente espallada por América, Europa, Catalunya e Euskal Herria, tanto a que cae desta banda dos Pirineos coma a da outra banda en Bayonne.

E foi e é motivo de reflexión que a todos eles e elas, como seguramente a todos vós, os acompañou a língua na que agora eu me expreso, coma capital simbólico para sobreviver, para soportar o exilio e para aprender a enriquecerse no contacto co alleo que nalgún ponto da existénza vira abondáncia e riqueza transmitida a nós, os descendentes, pois que seria de nós, os que non emigramos físicamente, sen a fartura, sen os ideais de progreso, sen esa outra metade de nós mesmos que vós sodes?

Que seria de nós sen as escolas, os hospitais, as fontes que no primeiro cuarto de século construiu a emigración? Como o noso acceso á propriedade da terra, á redención dos foros sen o diñeiro que chegaba de América? Como conciber o agrarismo o galeguismo, o socialismo, o anarquismo, as ideas democráticas... en fin, as principais correntes de pensamento senón através dos homes e mulleres que as enviaban nas súas cartas ou as traían con eles ao seu regreso? Como pensar na modernización de Galiza sen nós convertidos en proletariado industrial na Europa dos anos 60, 70 e 80...? Hoxe as illas canárias son enteiramente traballadas pola mocidade galega.

Grazas a todo isto, grazas a tanto esforzo, somos aínda nós, un pequeno povo do mundo. Certo que moi a miúdo case que invisíbeis, pero certo é tamén, que sabemos ser especialistas en invisibilidades para seguir sendo nós, para teimosamente seguir sendo un agromar no planeta.

Agromar tamén da língua, do galego, e poño tanto empeño nisto porque a pesares de que o noso idioma acadou, dende que fomos recoñecidos pola constitución española coma nacionalidade histórica o estatus legal de cooficialidade, a pesares de penetrar na administración, no ensino e na comunicación de masas, a pesares de ser unha língua plenamente capacitada para ser veículo de comunicación en todas as situacións e universos posíbeis non está aínda hoxe “normalizada”.

Somos un país onde a totalidade da povoación coñece o idioma e estaria en disposición de utilizalo e aínda que socialmente o galego superou en boa medida os estigmas de desprestixio social, o ámbito familiar aquel onde resistimos durante séculos está facendo descender o número de falantes. Ninguén ignora esta realidade: perdemos falantes e a fala esmorece, en contra do que pasa nas outras nacións do Estado que si protexen os seus respectivos idiomas e se esforzan en recuperalos para eles mesmos e para o mundo.

Se perdemos a língua perdemos a identidade, deixaremos de ser nós mesmos e non sendo xa nós mesmos, como poderemos seguir a soñar, seguir a confundirnos cos demáis povos e nacións, coas demáis xeografías e océanos que dende sempre nos acolleron?

Nesa língua, no galego, construímos a primeira monarquía medieval de Europa, o reino suevo, nesa língua escribiron os nosos trobadores para asombro de todo quen os le; nesa língua escreberon reis sábios coma Alfonso X e navegantes coma Don Dinís; nesa língua soubemos adaptar ás nosas acedas terras os cultivos chegados de alén dos mares; nesa língua costruimos arquiteturas tan abraiantes coma a catedral de Compostela e os incontábeis mosteiros, castelos e pazos; nesa língua até o de agora (e isto é o que máis conta), fomos sempre nós, un povo que non cabe en ningún espello, que canta como cantan as ondas dos mares. Sen língua apenas seremos, sen língua, compañeiros, compañeiras non poderemos defendernos, ni tenemos futuro.

Estamos celebrando o Dia de Galiza en Euskadi e o centenário da fundación deste centro Galego de Barakaldo por iso quixera deitar nos vosos ouvidos estes impresionantes verso de Méndez Ferrín:

Verba estirpe marmaña, Sárdoma na Terra.
Eran estas as nocións: touza carqueixa,
corga, Carnota. As gándaras do sentido, as poulas
nas que o ser se entorga (...)
Dille berce ao inimigo e veralo esmaciar.
En Patria rio hai que chega a ser cahamado Eu, ou que
Deva devala en meras, por panasqueiras tenras,
polos biduídos dos bidos lonxanos.
Primeira cousa: a lousa morte ao estranxeiro opresor.
Toxo esgrevio, acódenos, arnal por consolarnos na desfeita (...)
Os beizos, as bárceas, a saudade
non esquezasas verbas estirpe
que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan
sempre dirás: URCES
Repite: os carballos

Viva Galiza ceibe
Gora Euskadi askatuta

Xurxo Martínez Crespo