Intitucións patrióticas da emigración


Galeuzca no exilio


Unha das primeiras iniciativas políticas dos exiliados galegos foi a recreación conxunta de Galeuzca. Iniciativa semellante á que se forxara durante a segunda república entre os nacionalistas vascos, cataláns e galegos.

O 17 de outubro de 1944 publicouse en París un manifesto dando conta a reaparición de Galeuzca no exilio. O histórico documento ía asinado por José Aguirre, Presidente do Goberno de Euscadi, Carlos Pi Sunyer, Presidente do Consell Nacional de Catalunya, e Afonso Daniel Castelao, Presidente do Consello de Galiza. A declaración de constitución dicía entre outras cousas:

“...Catalunya, Euzkadi e Galiza (Galeuzca), pobos vinculados polo afecto e o interese común, conviñeron un firme pacto de unión, segundo o seu espírito respectivo, con solidariedade de propósitos e de fins comúns de democracia e liberdade nacional. Estas finalidades serán cumpridas mediante a máis eficaz organización interior e exterior, dos medios que desenvolvan coordinadamente cantos medios dispoñan os seus gobernos, organizacións e pobos”.
“Restaurada normalmente a República e aberto o período constituínte, os tres pobos reclamarán...respecto á súa decisión democrática e libre, que Galeuzca, recollendo a vontade maioritaria, desexa que se oriente cara á Confederación Republicana Democrática Española ou Ibérica, se é o caso”.

A pesar de que o documento de constitución se deu a coñecer en París, será Bos Aires o centro de actividades de Galeuzca. A partir do acordo de constitución comezaranse a organizar delegacións en distintos puntos do exilio; incluso se realizou unha reunión clandestina en Catalunya o 25 de outubro de 1945.

O entusiasmo creado pola constitución de Galeuzca e a potencialidade que amosaba a unión de cataláns, vascos e galegos, foron creando a necesidade de ir pensando en ter un órgano xornalístico desta organización unitaria. É así como nace a revista Galeuzca, en agosto de 1945, e da cal se editaron 12 números ata xullo de 1946.