Artigos
 

 

Retorno e crise
Arxentina, Uruguai e Venezuela

Baixa anualmente o número de retornados ao Estado español. Unha visión simplista faríanos pensar que debido á crise económica ou ao estoupido da “burbulla inmobiliaria”, a xente decidiu "non retornar". Esa é a versión "para todos os públicos". Crer que o incremento do retorno entre 2001 e 2008 estaba directa e unicamente relacionado co crecemento económico español é tanto como pretender crer que os miles de cidadáns españois que retornaban anualmente facíano para conceder hipotecas, colocar tixolos, pulir portas, asfaltar rúas en urbanizacións fantasma e cargar sacos de cemento.

Emigramos porque temos pernas e non raíces como as plantas. Hai unha relación directa entre inmigración e retorno, sobre todo se temos en conta que hoxe, 2010, máis do 75% da poboación con cidadanía española en Latinoamérica nunca emigrou do Estado español, senón que son cidadáns españois nacidos en Latinoamérica e a principal orixe da inmigración no Estado español é América Latina.

É verdade que a conxuntura económica inflúe, aínda que non é a única determinante, na decisión de retornar (emigrar), pero tamén é verdade que moi pouco influirá na decisión dun salvadoreño, guatemalteco, paraguaio ou hondureño que os Estados Unidos ou Europa atravesen unha crise económica para non o facer. O emigrante moitas veces estará peor no seu lugar de orixe con respecto aos Estados en "crise" do mal chamado primeiro mundo.

Moitos galegos emigraron a principios da década do 20 do século pasado a Latinoamérica. As desercións ás levas do rei Borbón, Alfonso XIII, para a guerra de Marrocos foron determinantes nas emigracións masivas de homes novos. Pouco sabían estes emigrantes da situación económica da Arxentina, Cuba, o Brasil ou do Uruguai en 1921. O feito determinante para a súa emigración foi a inxusta guerra de Marrocos e o feito de que os barcos que partían o facían a Cuba ou ao Río da Prata. O feito de que a situación económica do país receptor fose boa era un premio engadido.

Pero xa antes desas emigracións en masa dos anos 20 a América existía emigración de retorno. Castelao e os seus familiares retornaron en 1901 da Arxentina, por razóns de calquera tipo menos de carácter económico.

Hoxe, salvando as distancias, moitos dos retornos e das migracións teñen ese substrato. Xunto aos homes emigraban tamén moitas mulleres solteiras. Moitas facíano polo feito de seren nais solteiras, outras moitas para servir como empregadas de fogar. Aquí tampouco foi a principal causa da emigración a situación económica do país receptor senón a moralidade da época, causa común de miles de migracións de mulleres que eran nais solteiras, ou a inexistencia de postos de traballo.


O caso arxentino

A emigración peninsular, galega principalmente, dos anos 20 e 30 sufriu en carne propia as consecuencias do crack de Wall Street de 1929. A pesar de todo, Galiza non recibiu unha emigración de retorno comparable á destes últimos anos.

Si volveron miles de galegos da Arxentina debido á primeira crise importante do capitalismo. Algúns con diñeiro, outros non. De máis está dicir que o retorno non estaba motivado por ningunha situación boiante da economía española dos anos 30, desangrada pola guerra de Marrocos e a incerteza política. Pero antes do crack do 29, a ida e volta de emigrantes era continua, sen que mediasen sempre razóns estritamente económicas.

Feitos políticos e históricos determinaron o retorno de miles de emigrantes a Galiza ou a outros puntos do Estado español. Moitos galegos volveron de Cuba a Galiza entre 1962 e 1965 debido á revolución cubana. Moitos dos que retornaban por aqueles anos, dende Cuba ao Estado español, facíano como ponte para poder chegar aos Estados Unidos. Outros quedaron, pero non polas boas perspectivas económicas ou sociais que podía ofrecer a sociedade galega ou española dos anos 60, senón pola avanzada idade en que se atopaban ou pola imposibilidade de entrar nos Estados Unidos.

Feitos fortuítos que non entran dentro de ningunha política a futuro determinaron a chegada de retornados ou o seu regreso. O "corralito" arxentino é un bo exemplo dese "retorno" sen querelo. Que a economía española vivise épocas douradas a principio da década do 2000 non pesou máis que a incerteza política e económica en que vivían arxentinos e uruguaios tras o goberno de Menem, De la Rúa e a caída en picado á miseria de centos de miles de arxentinos.

A megainflación que sufriu Arxentina entre 1975 e 1990, só comparábel á da Alemaña de Weimar, determinou a chegada de moitos retornados e arxentinos, chegada que viña mesturada coa persecución política da ditadura militar, polo menos ata entrada a década dos 80.

Hoxe non están infinitamente mellor, pero a megainflación, a incerteza e inestabilidade política son cousas do pasado. É impensable un aluvión de arxentinos e uruguaios en 2011 ou 2012, o que non quere dicir que non se volva repetir, como se repetiu noutras ocasións.
Pero tomar só en conta as circunstancias do Estado receptor, cinguíndoas ao económico, sen coñecer a realidade do país de saída, é algo errado.

Por que esforzarse en disfrazar o futuro divorciándoo do pasado?

 

O caso uruguaio

Uruguai, o país con maior porcentaxe de nacionais no estranxeiro no mundo, fixo que entre os 70 e os 80 miles de emigrantes galegos tivesen que volver emigrar a Estados Unidos e Australia dende Uruguai. Aquí si foi determinante a situación económica de Estados Unidos e Australia, pero sobre ela pesou máis a facilidade que daba Australia na súa política de concesión de visados que a mala situación uruguaia.

No Uruguai máis de 200.000 persoas emigraron entre 1963 e 1975 por razóns políticas e económicas. Deste grande continxente que partiu durante os sesenta e setenta, o 75 por cento vivía en Montevideo Durante este período Uruguai perdeu un 7,2 por cento da súa poboación total, un 18 por cento da súa poboación entre 20 e 29 anos, un 14,4 por cento dos licenciados universitarios, un 17,4 por cento dos seus profesionais, técnicos e administradores de nivel superior e un 27,9 por cento da súa ocupación industrial. Tomando só a poboación de Montevideo, os datos eran máis alarmantes: 12,1 por cento da súa poboación total, 31 por cento da súa poboación de entre 20 e 29 anos, 20 por cento dos seus profesionais, técnicos e administradores superiores. Entre 1963 e 1975 emigraron do Uruguai máis uruguaios que os inmigrantes que o país acolleu durante todo o século XX (1).

Os defensores do libre mercado e da mínima intromisión do Estado na economía aseguran, sen ningunha vergoña, que a caída da Bolsa española do 29 de xuño de 2010 ten unha relación directa coa sentenza do Tribunal Supremo sobre o Estatut de Catalunya.

Por que han de ter entón máis peso as razóns de índole económica no retorno que as psicolóxicas, as circunstanciais ou as sentimentais, visto o exemplo da Bolsa e o Estatut catalán?

 

O caso venezolano

Existe, dende moitas décadas antes da década de 2000, emigración de retorno dende Venezuela ao Estado español.

Gabriel García Márquez, xornalista en Venezuela da revista venezolana Momento, cóntanos no artigo Adiós Venezuela (2), as longas colas de italianos, galegos e estranxeiros no porto de La Guaira para regresar aos seus países de orixe "debido ao mala que se estaba a poñer a situación política en Venezuela en 1958".

O "malo" da situación era a chegada da democracia o 23 de xaneiro de 1958 e a caída da ditadura de Marcos Pérez Jiménez, que abrira as portas á inmigración galega, italiana e portuguesa para ocupala na construción das obras públicas coas que pretendía lexitimar e xustificar a súa ditadura.

Os venezolanos relacionaban inmigración con apoio á ditadura, polo que unha gran campaña xenófoba, auspiciada por Unión Republicana Democrática e Acción Democrática (os dous principais partidos que se presentaban ás eleccións en 1958), fixo que moitos retornasen... e anos despois volvesen emigrar a Venezuela.

Pero o retorno masivo de emigrantes galegos dende Venezuela foi cíclico e nunca tivo como base a boa situación económica nin de Galiza nin da economía española.

As principais causas do retorno dende Venezuela ao Estado español foron:

1. - A chegada da democracia o 23 de xaneiro de 1958

2. - A depreciación económica do bolívar a partir de 1978

3. - A depreciación de febreiro de 1983, de 4,30 a 5,15 bolívares por dólar, despois de máis de 40 anos cun tipo de cambio fixo. O dólar alcanzou os 669,75 bolívares por dólar en 2000.

4. - As medidas macroeconómicas de axuste do segundo goberno de Carlos Andrés Pérez, 1988, unidas á política de microdepreciación diaria do bolívar, que trouxeron como consecuencia as revoltas populares de febreiro de 1989.

Os distintos controis de troco que impedían o envío de remesas en divisas ao Estado español dos emigrantes en Venezuela:

a- Entre 1960 e 1964.
b- Entre febreiro de 1983 e marzo de 1989.
c- Entre xuño de 1994 e abril de 1996.
d- O 21 de xaneiro de 2003 (o actual).

5. - A crise financeira que quebrou 13 bancos e a fuga de capitais entre 1993-1994, que deixou as reservas en mínimos históricos e o apuro do pagamento da débeda internacional, unido á baixada na cualificación risco-país.

6. - O golpe de Estado contra Chávez o 19 de abril de 2002 e a folga patronal de 63 días en 2003, unido á campaña sistemática dos medios de comunicación, que crearon na poboación oposta ao goberno de Chávez, moitos deles estranxeiros cidadáns venezolanos, o que se deu en chamar trastorno da personalidade. Moitos deles decidiron marchar de Venezuela, cara aos Estados Unidos e cara ao Estado español.

Como podemos ver, de todas as épocas de crise e retorno de Venezuela cara ao Estado español, dende 1978 ningunha coincidiu con momentos de benestar económico ou laboral no Estado receptor. Só dende o acceso de Chávez ao poder, 1999 ata 2008, podemos asegurar que hai unha coincidencia entre retorno e situación económica positiva, aínda que non laboral, dentro do Estado español.

Aínda así, foron determinantes o golpe de Estado de 2002 e a folga de 2002-2003, porque as cifras macroeconómicas dan un crecemento sostido do emprego e da economía venezolana dende 2003 ata a grave recesión económica venezolana de 2009, recesión esta última que tampouco significou unha chegada masiva de cidadáns españois, quedando demostrado que o económico é só un dos moitos factores que determinan o retorno, moi por debaixo dos factores de inestabilidade política, social, familiar ou laboral.

Entre 1990 e 2003 emigraron dende Galiza a Europa e outros lugares do Estado español 175.218 galegos en busca de traballo. Estas cifras confirman a idea de que moitas veces a inmigración e o retorno non son máis que unha substitución de man de obra cara local por outra barata e importada.


O caso suízo

Os retornados que máis coñecemento teñen sobre a realidade galega e española son os de Suíza. É por iso que rara vez retornan os seus fillos, nacidos e criados na Confederación. Os retornados de Suíza chegaron a ser os primeiros durante 2006 debido á normativa suíza que poñía unha data límite (2007) para o cobramento dunha soa vez do chamado “segundo piar”. Foi unha lei suíza restritiva, hoxe en suspenso debido á sinatura dun acordo co Ministerio de Traballo español, a que provocou o retorno de emigrantes e non a situación de bonanza económica.


A síndrome Galicia para el mundo

Existe un factor, pouco estudado, sobre o incremento de emigrantes procedentes de Latinoamérica, que ten que ver co auxe das comunicacións por satélite e cable da Compañía Radio Televisión de Galiza.

Os psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo tratárono acertadamente no ensaio Psicopatoloxía do retorno (3) no cal, nunha serie de entrevistas a retornados, estes coinciden na visión paradisíaca e idílica que de Galiza emitía o programa Galicia para el mundo, visión totalmente deformada e deformante do que é e era a realidade social, laboral e económica galega.

Tiven a oportunidade de falar con retornados de Arxentina e Venezuela que chegaron a acusar o programa da súa decisión de retornar. Un retornado de Arxentina, nacido nese país e que nunca estivera en Galiza, chegoume a dicir que a idea que tiña de Galiza era a do programa Galicia para el mundo: "vacas no verán pastando en campos de golf".

Pero os psiquiatras García-Caballero e Area engaden dous polos de atracción máis, que consideran "parques temáticos". Un é o Camiño de Santiago, o que consideran un espazo multiúso e ao cal se engade o turismo rural. O outro é o das Festas da Historia que se celebran no verán en distintas vilas e cidades da xeografía galega:

"Estes parques estarían relacionados coa metáfora do paraíso. Para o emigrante, o futuro ideal é un retorno-chegada ao paraíso. A memoria foi reconstruída de tal maneira que os mellores ríos, comidas, festas, natureza e tempo, están en Galiza. Entre estes elementos, están as características do paraíso na terra medieval. Estes elementos son utilizados de forma soterrada na propaganda institucional e contribúen a formar unha imaxe irreal do país como paraíso na terra . . (4)

1.-Uruguai: Problemas sociais, problemas humanos en
http://www.galizacig.com/actualidade/200502
/xmc_uruguai_problemas_sociais_humanos.htm

2.-Publicado na compilación Cuando era feliz e indocumentado.

3.-Alexandre García-Cabaleiro, Ramón Area Carracedo, Psicopatoloxía do retorno, editorial Galaxia, 2007

4.- Op. cit. p 119-120.

 
   
 
Castelao e a súa familia en Bos Aires antes de retornar a Galiza en 1901.
 
     

Café Bar Suíza. A Coruña.

Foto: Xurxo Martínez Crespo.